Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 15 de abril de 2016 Páx. 13700

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero).

BDNS (Identif.): 303574

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas vítimas de violencia de xénero.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) non conviviren co agresor; b) estaren empadroadas e teren residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, teren permiso de residencia; c) teren especiais dificultades para obteren un emprego; d) careceren de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

3. Non poderán ser beneficiarias as mulleres que percibisen con anterioridade esta axuda ou a axuda periódica establecida no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Segundo. Obxecto

Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catrocentos mil euros (400.000 €).

O importe xeral desta axuda será o equivalente a seis meses do subsidio por desemprego vixente, que pode chegar a ser o equivalente a doce, dezaoito ou vinte e catro meses do subsidio por desemprego vixente en función das rendas e ingresos, das responsabilidades familiares ou do grao de discapacidade da solicitante e/ou dos familiares ou menores acollidos/as a cargo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2016.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2016

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade