Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 13 de abril de 2016 Páx. 13307

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros bibliotecarios.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, de acordo co que establece o Estatuto de autonomía de Galicia nos artigos 32 e 27.18, exerce a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, así recollida no artigo 9 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería que foi desenvolvida a través da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

Consonte esta responsabilidade, a consellería é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica do seu persoal. Por iso, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén realizando cursos de formación da instrución tanto básica como de perfeccionamento dos futuros bibliotecarios da Rede de bibliotecas de Galicia. Esta formación, esencialmente teórica, non quedaría rematada se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan non só a formación nas diversas áreas de traballo e servizos destes centros, senón tamén co contacto diario e directo dos/as bolseiros/as, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca, debidamente guiados por persoas con coñecementos e experiencia dabondo, como medio de promoción profesional.

Por esta razón, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, realiza un plan de preparación de profesionais para a Rede de bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros dependentes desta.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación en biblioteconomía, con acompañamento de titor, para o tratamento técnico dos fondos así como calquera outra actividade que permita a súa formación e coñecemento dos diversos servizos bibliotecarios.

2. Os bolseiros recibirán a súa formación nas seguintes bibliotecas públicas: Biblioteca de Galicia, Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, Biblioteca Pública de Lugo, Biblioteca Pública de Ourense, Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e Biblioteca Pública Municipal de Ferrol (Central).

Serán coordinados e dirixidos pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela.

3. A formación comprenderá unha parte teórica e outra práctica que será impartida por persoal técnico bibliotecario.

Artigo 2. Número, duración e importe das bolsas

1. O número de prazas convocadas será de trinta e cinco (35) que se adxudicarán mediante a aplicación do baremo indicado no artigo 6 desta convocatoria.

2. A bolsa terá unha duración máxima total de sete meses, contados desde a data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura, e poderán ser prorrogadas dependendo do informe favorable do titor responsable e mais da existencia de crédito adecuado e suficiente para o seu financiamento.

3. O número de horas diarias de formación será de 7 horas. Ata completar un mínimo de 1.022 horas.

4. Financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, por un importe total de douscentos quince mil seiscentos euros (215.600 €).

5. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse 8.633,8 €, en concepto de cotizacións á seguridade social por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por continxencias comúns e profesionais, con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432.A.484.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

6. O importe individualizado de cada bolsa será de 880 € brutos mensuais.

7. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no caso de que as bolsas concedidas non cubrisen a totalidade do crédito asignado, pode realizar unha nova convocatoria pública, nos mesmos ou en diferentes termos desta.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

– Titulación universitaria de licenciatura ou diplomatura en Biblioteconomía ou Documentación; grao en Información e Documentación, licenciatura ou grao en Historia ou Xeografía e Historia, Filoloxía ou Lingua e Literatura, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e Humanidades.

– Non percibir outra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

– Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis (6) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.

– Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán achegar, para estes efectos, unha declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no referido artigo.

A concesión da bolsa será incompatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, de acordo co disposto no artigo 14.1.p) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Obrigas dos bolseiros

Ás persoas seleccionadas, logo de aceptaren as bolsas, seralles de aplicación o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, así mesmo, quedarán obrigadas a:

– Incorporarse aos centros aos cales sexan destinadas na data sinalada pola Secretaría Xeral de Cultura. Non obstante, a Secretaría Xeral de Cultura poderá autorizar un aprazamento de ata un máximo de 15 días naturais na incorporación á bolsa, que se concederá, tras a petición expresa do interesado/a e por causas debidamente xustificadas e acreditadas. Os días de atraso na incorporación deberán ser recuperados polo bolseiro, que deberá realizar o número total de horas nos meses establecidos para a realización da formación.

– Asistir os centros onde resulten destinadas, de acordo coas directrices determinadas que fixen os responsables da execución do programa de formación teórica e práctica.

– Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

– Cumprir o compromiso de formación durante todo o período para o cal se lle concedeu a bolsa.

Artigo 5. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Documentación que cómpre achegar:

– Solicitude segundo o modelo que figura como anexo I nesta convocatoria.

– Copia do DNI ou NIE, só no caso de non autorizar, no anexo I, a súa consulta no sistema de verificación de identidades, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e coa Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade do solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

– Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que sexa esta, ou, no caso de o ter, un compromiso expreso de renunciar con anterioridade ao momento da incorporación ao centro ao cal sexa destinado consonte o modelo que se inclúe no anexo I.

– Copia debidamente cotexada da certificación académica oficial completa na cal se fará constar a nota media do expediente académico da titulación.

– Copia debidamente cotexada dos documentos que acrediten os méritos alegados.

– Declaración responsable de que non concorre ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o previsto no artigo 11.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, consonte o modelo que se inclúe no anexo I.

4. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

7. Consentimentos e autorizacións

– A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

– As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

– De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

– De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

8. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxc-subdireccion-bibliotecas.cceou@xunta.es .

9. Serán causa de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

10. Se as solicitudes non reúnen os requisitos sinalados, os solicitantes serán requiridos para que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se lles concederá un prazo de dez (10) días hábiles, contados desde a recepción do escrito de requirimento correspondente.

Artigo 6. Instrución, avaliación e criterios de valoración

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas levaraa a cabo a Secretaría Xeral de Cultura.

O órgano competente para a instrución realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. As solicitudes serán analizadas e valoradas por unha comisión presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas, da que serán vogais a persoa titular do Servizo do Sistema de Bibliotecas e o/a director/a dunha das bibliotecas de xestión autonómica da rede de bibliotecas públicas de Galicia, actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a ou laboral da Subdirección Xeral de Bibliotecas.

3. Esta comisión avaliará consonte os seguinte criterios.

3.1. Titulación académica:

– Licenciatura en Biblioteconomía e Documentación: 8 puntos.

– Diplomatura en Biblioteconomía: 6 puntos.

– Grao en Información e Documentación: 8 puntos.

3.2. Expediente académico:

Nota media do título universitario con que concorre á bolsa.

3.3. Formación complementaria:

– Máster, curso de experto ou especialización universitaria, curso de posgrao e diploma de estudos avanzados, en materia de biblioteconomía, organizados por organismos públicos, universidades e cun mínimo de 200 horas: 2,50 puntos.

– Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas a bibliotecas, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas: valoraranse ata un máximo de 5,75 puntos.

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 200 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

d) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 0,75 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

– Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas a bibliotecas impartidos por outros organismos: valoraranse ata un máximo de 0,75 puntos.

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 200 horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 0,30 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 0,20 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,05 puntos por curso, ata un máximo de 0,15 puntos.

d) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,02 puntos por curso, ata un máximo de 0,10 puntos.

– Impartición de cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas a bibliotecas, ata 1,50 puntos, en función das horas impartidas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

– Asistencia a congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas ás bibliotecas: 0,10 puntos por congreso, ata un máximo de 0,70 puntos.

– Presentación de comunicacións en congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas ás bibliotecas: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 1,25 puntos.

– Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e novas tecnoloxías aplicadas ás bibliotecas: 0,25 puntos por publicación, ata o máximo de 1,5 puntos. O mesmo mérito será valorado unha soa vez como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

– Cursos de galego: só se valorará o curso máis alto que se acredite ata o máximo de 3,5 puntos

Celga 3 ou equivalente: 2,5 puntos.

Celga 4 ou equivalente: 3,5 puntos.

O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que se fará pública, para os efectos de notificación aos interesados, no portal da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (www.rbgalicia.xunta.gal), na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nas súas delegacións territoriais. Concederase un prazo de dez (10) días para presentar alegacións. Examinadas as alegacións aducidas, de ser o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar o solicitante ou solicitantes para os cales se propón a concesión da bolsa, especificando a puntuación total obtida na valoración dos méritos.

Artigo 7. Resolución

1. A resolución da convocatoria correspóndelle ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e ditarase no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución. Publicarase no DOG e, así mesmo, farase pública no portal da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (www.rbgalicia.xunta.gal), na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nas súas delegacións territoriais. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos. En todo caso, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá superar os cinco meses.

A resolución deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas, poderanse designar, ademais, os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se poida formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. No caso de non aceptar a adxudicación da praza vacante entenderase que renuncia ao goce da bolsa.

2. No suposto de que non se ditase ningunha resolución expresa dentro do prazo previsto para resolver, o sentido do silencio será negativo.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

De non se incorporaren no prazo que se determine para tal efecto na resolución da concesión sen causa suficiente, ou de demostrarse falsidade ou non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada, o secretario xeral de Cultura poderá propoñer o seguinte ou seguintes candidatos, por orde de puntuación, e quedará sen efecto o nomeamento das persoas que se atopen nalgunha destas situacións.

4. Unha vez outorgadas as bolsas, a Secretaría Xeral de Cultura poderá solicitarlles aos seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán entregar nun prazo non superior aos dez (10) días.

5. De acordo co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 16/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, segundo autorización do solicitante que figure na convocatoria correspondente.

7. A resolución de adxudicación ponlle fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da citada Lei 30/1992, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data de notificación desta aos interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da data de notificación.

8. Unha vez rematado o período de percepción da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación presentada.

Artigo 8. Pagamento das bolsas

1. O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación, e repartirase en sete (7) mensualidades, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, logo da certificación da Secretaría Xeral de Cultura de que a persoa beneficiaria realizou, de conformidade, as actividades formativas que son obxecto da bolsa.

2. Ás persoas beneficiarias das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao seu pagamento.

Artigo 9. Suspensión, renuncias, revogación, e reintegro das cantidades

1. A Secretaría Xeral de Cultura poderá autorizar a interrupción temporal do goce da bolsa sempre que estas estean motivadas por descanso por maternidade e/ou paternidade, debidamente acreditadas. O período interrompido poderase incrementar á data prevista de finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

2. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o goce desta, deberá ser comunicada polo menos con sete días de antelación á data establecida para a súa renuncia. Esta dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non realizada. A Secretaría Xeral de Cultura procederá ao chamamento da suplentes para cubrir estas prazas.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Secretaría Xeral de Cultura a revogación da bolsa por falta de aproveitamento ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Réxime xurídico

1. A inclusión dos bolseiros no réxime da Seguridade Social rexerase polo disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

2. En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei anterior. Con carácter supletorio será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 11. Carácter das bolsas

Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos desta, conforme estas bases, sen ningún outro vencello laboral ou administrativo coa Administración autonómica.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file