Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 11 de abril de 2016 Páx. 12884

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 31 de marzo de 2016 pola que se crea un ficheiro de datos de carácter persoal.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (Boletín Oficial del Estado núm. 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da dita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, e nos seus puntos segundo e terceiro establécense as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación, modificación e supresión daqueles.

Como consecuencia das necesidades de xestión xurdidas a raíz da implantación do novo período de programación dos fondos europeos 2014-2020, é preciso actualizar a regulación contida na Orde da Consellería de Facenda do 26 de xaneiro de 2011, pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na consellería, no Instituto Galego de Estatística e no Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 49, do 11 de marzo de 2011.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e contido

Mediante esta orde a Consellería de Facenda procede á creación do ficheiro de datos de carácter persoal que se especifica no anexo, que contén a información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do seu regulamento asociado, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

Artigo 2. Finalidade e uso do ficheiro

Os datos de carácter persoal, incluídos no ficheiro regulado por esta orde, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 3. Nivel de protección e medidas de seguridade

O ficheiro creado por esta orde está clasificado no anexo atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do regulamento aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

O titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

Creación dun novo ficheiro baixo a responsabilidade da Dirección Xeral
de Proxectos e Fondos Europeos da Consellería de Facenda

Denominación do ficheiro. Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos.

a) Descrición da súa finalidade e usos previstos: a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. A xestión e tramitación ante a Administración xeral do Estado e ante a Unión Europea dos reembolsos dos programas operativos. A realización, coordinación e análise das avaliacións exixidas polos regulamentos comunitarios. Accións informativas e de actividades dirixidas á cidadanía.

b) Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos: cidadáns e residentes. Representantes de entidades e terceiros que manteñen relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Beneficiarios.

c) Procedemento de recollida de datos: formularios en papel e electrónicos.

d) Procedencia dos datos: o propio interesado ou o seu representante legal. Entidades privadas.

e) Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos): datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nome e apelidos, enderezo, teléfono, sinatura electrónica, sinatura. Datos especialmente protexidos: orixe racial ou étnica, discapacidade e persoas desfavorecidas. Datos relativos á situación laboral. Datos socioeconómicos e financeiros. Datos de información comercial.

f) Comunicacións ou cesións de datos: á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT). Ao Consello de Contas de Galicia. Á Administración xeral do Estado. Á Unión Europea. A empresas de servizos profesionais na realización de auditorías.

g) Transferencias internacionais de datos a terceiros países: non están previstas.

h) Órgano responsable do ficheiro: Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos.

i) Servizos ou unidades ante os cales se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición: Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

j) Sistema de tratamento: mixto.

k) Nivel de seguridade do ficheiro: alto.

l) Órgano encargado do tratamento automatizado: Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec).