Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Xoves, 31 de marzo de 2016 Páx. 11687

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 9 de marzo de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade do acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común da Franqueira e Luneda, do concello da Cañiza, respecto do linde común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, adoptado na sesión que tivo lugar o día 8 de febreiro de 2016, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común da Franqueira e Luneda, no concello da Cañiza, respecto do linde común dos seus montes.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 140, do 23 de xullo) na súa disposición derradeira segunda, modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalamento dos montes veciñais. Por tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

Segundo. Con data do 6 de xuño de 2014 a CMVMC da Franqueira comunica ao Xurado de MVMC de Pontevedra o acordo coa CMVMC de Luneda de límites entre ambas as comunidades. Logo de requirimento de documentación, consta no expediente a seguinte documentación consonte o artigo 53 da Lei 7/2012: acto de conciliación no Xulgado de Paz da Cañiza, certificados de aprobación en asemblea xeral de ambas as comunidades e cartografía dixital.

Terceiro. O deslindamento de mutuo acordo entre os montes veciñais en man común da Franqueira e Luneda vén definido pola poligonal que une os seguintes vértices: vértice nº 1, localizado na paraxe de Coto da Vella e coincidente cun marco de recente colocación situado no alto dunha pena rochosa. Trátase dun vértice de deslindamento común co monte veciñal de Parada da CMVMC de Parada das Achas.Vértice nº 2, localizado na divisoria de augas en senso suroeste desde o primeiro vértice, sobre un pequeno penedo na aba da marxe oeste da pista de servizo do parque eólico. Sitúase a 384 metros do vértice nº 1. O límite queda definido pola liña recta que o une co vértice anterior. Vértice nº 3, situado a 109 metros do vértice nº 2 en senso S-SO, na divisoria de augas, sobre un penedo superficial. O límite queda definido pola liña recta que o une co vértice anterior. Vértice nº 4, situado a 235 metros do vértice nº 3 en senso S-SO na divisoria de augas, no lugar denominado Chan do Marco, marco de pedra coincidente co vértice de deslindamento municipal entre os concellos da Cañiza e As Neves. O límite queda definido pola liña recta que o une co vértice anterior. As coordenadas UTM de cada un dos vértices descritos son: 1. Coto da Vella (UTM-ED50-29N X: 553.604,01 Y: 4.668.644,16) UTM-ETRS89-29N-(X: 553.478,95 Y: 4.668.428,96). 2. Vértice intermedio (UTM X: 553.358,47 Y: 4.668.348,89) (X: 553.233,41 Y: 4.668.133,69). 3. Vértice intermedio (UTM X: 553.338,91 Y: 4.668.241,30) (X: 553.213,86 Y: 4.668.026,09). 4. Chan do Marco (UTM X: 553.287,11 Y: 4.668.011,57) (X: 553.162,06 Y: 4.667.796,36).

Por todo o exposto, situada a liña de deslinde sobre o esbozo do estudo previo da clasificación das dúas comunidades, obsérvase que soamente afectan terreos clasificados para as dúas comunidades.

Consideracións xurídicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta, establece que para adecuar as avinzas realizadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previstos nos artigos 53 e 54, deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia as resolucións do xurado.

Segunda. Da documentación achegada polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial, conclúese que a avinza entre a CMVMC da Franqueira e a CMVMC de Luneda son congruentes coas respectivas resolucións de clasificación e cos lindes nelas descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra, este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade, acorda:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre a CMVMC da Franqueira e a CMVMC de Luneda respecto do seu linde común nos termos indicados no antecedente de feito terceiro e segundo os planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 9 de marzo de 2016

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra