Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2016 Páx. 11173

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2016 pola que se convocan dúas edicións do curso de condución de vehículos todoterreo para o persoal dos grupos de emerxencia supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Pola Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso, de condución de vehículos todoterreo para o persoal grupos de emerxencia supramunicipais (GES) e servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, con dúas edicións, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Curso

Denominación

Condución de vehículos todoterreo

Modalidade

Presencial

Edicións

2

Horas lectivas

20

Prazas por edición

20

Segunda. Obxectivos e contido

Obxectivos: adquirir os coñecementos teórico-prácticos necesarios para conducir con maior seguridade os vehículos todoterreo empregados na prestación do servizo público.

Contido: o contido do curso de condución de vehículos todoterreo divídese en dúas partes.

• Teoría: catro horas nas cales se abordarán os seguintes temas:

– O vehículo: características técnicas (ángulos de ataque, ventral e de saída, inclinación lateral).

– Técnicas de condución (barro, neve, area, terreos accidentados, baixadas e subidas extremas).

– Rescate do vehículo (tracción directa, poleas e reenvíos, ancoraxes). Protocolos de seguridade nas manobras de rescate.

– Accesorios e mantemento do vehículo.

– Lexislación: conservación da natureza, responsabilidade patrimonial.

• Práctica: 16 horas de prácticas de condución en circuíto.

Terceira. Destinatarios/as

Os colectivos destinatarios das actividades formativas convocadas por esta resolución son:

• Grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

• Servizos municipais de protección civil e emerxencias.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

a) Ter a condición descrita na base terceira.

b) Ter o permiso de conducir B1.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se cubrirá xunto coa solicitude de matricula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Datas e horario:

Edición

Datas

Horario

do 8 ao 10 de xuño

Primeiros dous días: 9.30-13.30 e 15.00-19.00

Último día: 9.30-13.30

do 10 ao 12 de xuño

Primeiro día: 15.00-19.00

Dous seguintes días: 9.30-13.30 e 15.00-19.00

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos nos de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios de selección

1. En cada edición das distintas actividades formativas convocadas por esta resolución, as prazas distribuiranse entre os colectivos destinatarios do curso de acordo coa táboa seguinte:

Colectivo

Núm. de prazas

1º grupo: grupos de emerxencia supramunicipais (GES)

13

2º grupo: servizos municipais de protección civil e emerxencias

7

No caso de que non haxa suficientes solicitantes dalgún dos colectivos mencionados que cumpran os requisitos para cubrir o número de prazas asignado, completarase a selección con solicitantes dos outros colectivos que son destinatarios do curso que cumpran os requisitos.

2. Na selección dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

3. Dentro dos colectivos destinatarios do curso terán preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico, se as houbese.

4. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web, http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, polo menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo primeira. Aloxamento

A Agasp proporcionaralle aloxamento na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten, sempre que haxa cuartos dispoñibles. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es.

Décimo segunda. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

O alumnado dos cursos deberá dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos ao alumnado refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa operación, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa operación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Décimo terceira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que os/as alumnos/as acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse disciplinariamente, en caso contrario.

2. O/a alumno/a que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado/a non apto/a, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, o/a alumno/a poderá verse obrigado/a a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se deben recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e a actitude do/da alumno/a ao longo do curso».

Décimo cuarta. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo quinta. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2014-2020, no eixe 1B, Obxectivo temático 08 - Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de investimento 08.01 - Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral. Obxectivo específico 08.01.02 - Mellorar a empregabilidade especialmente das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, a través da adquisición e/ou actualización de competencias profesionais.

Décimo sexta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións del ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 17 de marzo de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública