Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 25 de febreiro de 2016 Páx. 7076

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 25 de xaneiro de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para unha planta de produción de combustible industrial mediante gasificación de carbón utilizando como enerxía térmica a solar, promovida por Paratermo Energía, S.L., no concello de Viana do Bolo (Ourense) (expediente 2015-IPPC-I-36).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo), e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

«Proxecto básico e estudo de impacto ambiental de implantación dunha planta de produción de combustible industrial mediante gasificación de carbón utilizando como enerxía térmica a producida por radiación solar. Solicitude da autorización ambiental integrada», co fin de que calquera interesado poida consultala e, se for o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide convenientes.

Os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2016

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Clave do expediente: 2015-IPPC-I-36.

Peticionario: Paratermo Energía, S.L.

Domicilio social: parque tecnolóxico de Galicia, 36900 San Cibrao das Viñas, Ourense.

Localización da instalación: parroquias de Fornelos de Filloás e Fradelos, Viana do Bolo (Ourense).

Actividade: planta de produción de combustible industrial mediante gasificación de carbón utilizando como enerxía térmica a producida por radiación solar captada por paraboloides.

Descrición: a actividade da planta pode describirse nas seguintes etapas:

– Tratamento do carbón: a preparación do carbón consiste nunha pulverización deste nuns muíños e a súa posterior deshidratación mediante secado a baixa temperatura.

– Gasificación do carbón e obtención do gas de síntese: prodúcese a gasificación do carbón preparado nun reactor mediante o fornecemento de vapor de auga a alta temperatura (200-300º C) e presión, con oxíxeno, para obter gas sintético (Syngas).

Os gases principais obtéñense na parte superior do reactor e sepáranse mediante membranas porosas de óxido de níquel.

– Obtención de metanol (CH3OH) a partir do syngas, CO2 e hidróxeno, utilizando un catalizador de óxido de aluminio a 520 ºC.

O proceso químico require unha gran cantidade de enerxía térmica en forma de vapor de auga a 200-300 ºC que se obtén por captación de radiación solar nun sistema de paraboloides (central térmica solar).

Verteduras: na planta xéranse dous tipos de augas residuais:

– Augas residuais sanitarias, que se verten a unha fosa séptica estanca.

– Augas residuais pluviais, que serán canalizadas e vertidas ao ambiente.