Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2016 Páx. 5838

II. Autoridades e persoal

a) Cesamentos

Consellería do Mar

DECRETO 13/2016, do 4 de febreiro, polo que se dispón o cesamento dun vogal do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

O Consello de Administración é o órgano superior colexiado de dirección do ente público Portos de Galicia, tal e como se dispón no artigo 10 do regulamento do ente aprobado polo Decreto 227/1995, do 20 de xullo. No citado artigo sinálase a composición do Consello de Administración, así como a forma de nomeamento e cesamento dos seus vogais, todos eles nomeados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do presidente do ente público Portos de Galicia, agás os representantes da Administración autonómica que, de conformidade co artigo 10.3 do regulamento, serán nomeados por proposta das persoas titulares das consellerías con representación no Consello de Administración.

O artigo 10 do regulamento no seu número 5 sinala que os vogais representantes das administracións locais serán nomeados polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do presidente do ente público, e corresponderá un a cada provincia costeira. A proposta ao presidente efectuarase mediante acordo adoptado por maioría simple entre os concellos que teñan no seu territorio algún porto integrado no ente público, propoñendo un vogal ou unha terna de vogais no conxunto dos concellos que pertencen a cada unha das provincias costeiras. Así mesmo, o citado artigo 10 dispón no seu número 8 que os vogais representantes das administracións locais, agás as causas de cesamento que nel se consignan, desempeñarán o seu cargo durante catro anos e o número 10 do mesmo artigo indica que os ditos vogais se renovarán por metades cada dous anos e poderán ser reelixidos unha soa vez ao finalizaren o seu mandato.

En consecuencia, vistas as propostas de cesamento e nomeamento precisas para a renovación dun vogal representante das administracións locais pola provincia de Lugo, por proposta da conselleira do Mar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de febreiro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

O cesamento de José Demetrio Salgueiro Rapa como vogal do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, en representación das administracións locais pola provincia de Lugo, agradecéndolle os servizos prestados.

Santiago de Compostela, catro de febreiro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar