Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 12 de febreiro de 2016 Páx. 5031

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2016, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca o programa de Escolas abertas presenciais destinadas ás comunidades galegas e persoas galegas residentes fóra de Galicia para o ano 2016.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego mediante o recoñecemento da súa galeguidade, cuxo alcance e contido será regulado por lei do Parlamento.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, establece que son comunidades galegas as entidades sen ánimo de lucro, asentadas fóra de Galicia e constituídas por persoas galegas, con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas e que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer das persoas galegas residentes fóra de Galicia e dos seus descendentes, e/ou o mantemento ou o fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencias.

A preservación das comunidades galegas asentadas fóra do territorio de Galicia, en canto exalten a nosa lingua, tradicións, o noso folclore e a nosa historia, é unha tarefa fundamental da Secretaría Xeral da Emigración por canto, tales actos, en tanto que permiten o mantemento dos lazos culturais e sociais da colectividade galega no exterior coa Galicia territorial, son a expresión mesma da galeguidade, tal e como se entende na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Para dar cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, por medio desta resolución esta secretaría xeral convoca e regula o programa de Escolas abertas presenciais 2016 destinadas ás comunidades galegas no exterior e persoas galegas residentes fóra de Galicia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a realización de obradoiros culturais de especialización de carácter presencial dirixidos ás entidades galegas do exterior e ás persoas galegas residentes fóra de Galicia.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria de axudas para participar nos obradoiros para o ano 2016.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Persoas xurídicas.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para este programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

As entidades solicitantes deberán ter constituídas escolas ou grupos consolidados da especialidade que soliciten con actividade continuada, cando menos, nos dous últimos anos.

Tamén poderán ser beneficiarias as entidades que, non cumprindo o establecido no parágrafo anterior, tivesen grupos constituídos nos últimos dez anos e estean no seu proceso de recuperación.

Para solicitar o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, durante catro anos.

As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 e responsables de impartir a docencia, na modalidade solicitada dentro da entidade solicitante. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia ou dedicación nas materias que se impartirán no obradoiro correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.

As persoas propostas pola entidade non poderán ter participado no programa Escolas Abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así fose, quedarán excluídas.

Non poderán ser beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Persoas físicas.

Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as persoas emigrantes galegas e os seus descendentes ata o segundo grao de consanguinidade, maiores de 18 anos e menores de 65, residentes fóra de Galicia, que acrediten ser responsables de impartir docencia na modalidade que soliciten en entidades distintas das mencionadas no número 1 deste artigo e que cumpran os requisitos exixidos para o resto dos participantes.

Non poderán ser beneficiarias as persoas en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin poderán ter participado no programa Escolas Abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así fose, quedarán excluídas.

3. Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Características do programa

As distintas actividades que se desenvolverán no programa consistirán na organización e participación en obradoiros de especialización de:

– Gaita tradicional galega.

– Baile tradicional galego.

– Percusión tradicional galega.

– Canto popular e pandeireta.

– Confección de traxe tradicional galego.

Os obradoiros terán as seguintes características comúns:

1. Formación intensiva, de carácter participativo, cunha duración mínima de 50 horas lectivas teórico-prácticas.

2. A formación será impartida por profesionais e expertos con experiencia nas distintas modalidades.

3. Cada persoa alumna deberá vir provista dos instrumentos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros.

4. O lugar de celebración, o número de prazas de cada obradoiro por país, o desenvolvemento de cada unha das modalidades e a non realización dos obradoiros que non acaden un número suficiente de solicitudes establecerase por resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. Así mesmo, no caso de que o número de solicitudes presentadas para algún dos obradoiros sexa elevado, poderá determinarse a realización de máis dun obradoiro nalgunha das modalidades.

Artigo 4. Prazas e datas de realización

1. O número de prazas ofertadas ascende a un total de 90 distribuídas do seguinte xeito:

– Área 1 (países europeos): 21 prazas.

– Área 2 (países do resto do mundo): 69 prazas.

As prazas vacantes nunha das áreas poderanse adxudicar á outra área, de haber nela solicitudes admitidas e contar con crédito suficiente no programa.

Nos obradoiros de gaita, baile, canto popular e pandeireta e percusión reservarase un total de 4 prazas para as solicitudes de persoas físicas.

2. Os obradoiros desenvolveranse en Galicia durante o mes de xullo do ano 2016.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade

1. Financiamento.

Trátase de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan aos participantes na presente convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos gastos necesarios para a organización e desenvolvemento dos obradoiros programados dentro do programa de Escolas Abertas presenciais 2016.

Igualmente, farase cargo da organización e do custo da estadía e da viaxe de ida e volta dos participantes desde os seus países ou comunidades de residencia ata o lugar de impartición dos obradoiros.

3. Compatibilidade.

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 6. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios electrónicos normalizados que figuran como anexos I e V desta resolución, segundo corresponda, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas xurídicas presentarán unha solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I. As persoas físicas presentarán as solicitudes segundo o modelo normalizado do anexo V.

As persoas xurídicas só poderán solicitar un máximo dun candidato por modalidade, segundo o modelo normalizado do anexo II (ficha da persoa proposta). No caso de persoas físicas só se admitirá unha solicitude para un obradoiro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación

1. Persoas xurídicas (código de procedemento PR923E).

– Fotocopia do NIF, só no caso de denegar expresamente a súa consulta, ou equivalente da entidade.

– Fotocopia do DNI ou equivalente das persoas propostas.

– Unha fotografía recente tamaño carné de cada unha das persoas propostas.

– Unha declaración da persoa aspirante comprometéndose a ensinar os coñecementos adquiridos no seo da entidade solicitante, ou na que imparte ensino.

– Breve currículo da persoa aspirante con especial referencia aos coñecementos e nivel de estudos musicais realizados, títulos, experiencia, actuacións, gravacións, grupos ou escolas en que impartiu docencia, etc., na materia obxecto do obradoiro.

– Para os obradoiros de gaita, baile, percusión e canto popular e pandeireta: unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd ...) da modalidade solicitada que non exceda os 4 minutos, sen ningún outro instrumento acompañando, no caso de gaita e percusión. No caso de canto e baile, a gravación deberá ser solista.

– Certificación da entidade do nome da escola ou grupo e do número de alumnos que os compoñen, segundo o modelo que figura como anexo IV.

– Para o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, certificación da entidade en que acredite a experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego e, se é o caso, copia do título oficial de corte e confección. Así mesmo, deberá presentarse unha certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido como mínimo durante catro anos, segundo o modelo que figura como anexo III.

2. Persoas físicas (código de procedemento PR923H).

– DNI da persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. As persoas que non dispoñan de DNI presentarán fotocopia do pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade.

– Documentación xustificativa que acredite a súa condición de persoa emigrante galega ou descendente desta ata o segundo grao de consanguinidade.

– Documentación que acredite a súa residencia fóra de Galicia. No caso de ter a súa residencia no resto de España, non será preciso presentar esta documentación no caso de prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

– Unha fotografía recente tamaño carné.

– Certificación acreditativa de que a persoa solicitante imparte docencia na modalidade do obradoiro solicitado, emitida por unha entidade vinculada coa cultura e o folclore galego.

– Breve currículo da persoa aspirante con especial referencia aos coñecementos e nivel de estudos musicais realizados, títulos, experiencia, actuacións, gravacións, grupos ou escolas en que impartiu docencia, etc., na materia obxecto do obradoiro.

– Unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd ...) da modalidade solicitada que non exceda os 4 minutos, sen ningún outro instrumento acompañando, no caso de gaita e percusión. No caso de canto e baile, a gravación deberá ser solista.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

O material audiovisual poderá presentarse nos seguintes formatos de uso común: mp4, avi, mov ou wmv e non poden superar os 12 MB.

4. No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica por a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de que a solicitude non reúna os requisitos exixidos ou a documentación presentada for incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na páxina web (http://emigracion.xunta.es) a relación de interesados que deberán emendar a súa solicitude, para que no prazo de 10 días corrixan a falta en que incorran, ou acheguen os documentos preceptivos, indicando que se non o fixeren teranse por desistidos das súas peticións, de conformidade co disposto no artigo 71, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

4. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado, que avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe en que se concretará o resultado da avaliación e estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

O órgano colexiado avaliará as solicitudes presentadas, asistido por un ou varios especialistas na materia, segundo os criterios obxectivos desta resolución.

5. A resolución deste procedemento será ditada pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e publicada na páxina web http://emigracion.xunta.es.

A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Artigo 10. Criterios de selección

Os criterios de valoración serán os seguintes:

1. Calidade técnica:

a) Obradoiros de gaita tradicional galega, baile tradicional galego, canto popular e pandeireta e percusión tradicional galega:

A calidade técnica da gravación valorarase ata un máximo de 60 puntos distribuídos do seguinte xeito:

a.1. No caso dos obradoiros de gaita tradicional galega, canto popular e pandeireta e percusión tradicional galega:

– Afinación: ata un máximo de 15 puntos.

– Expresión: ata un máximo de 15 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 15 puntos.

– Estética musical: ata un máximo de 15 puntos.

a.2. No caso do obradoiro de baile tradicional galego:

– Expresión: ata un máximo de 20 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 20 puntos.

– Técnica: ata un máximo de 20 puntos.

Non se admitirán solicitudes ou propostas de participantes que a criterio das persoas técnicas encargadas de valorar as gravacións presentadas non acaden un nivel técnico suficiente para participar no correspondente obradoiro, e pode establecerse unha puntuación mínima para poder participar nos obradoiros.

b) Obradoiro de confección de traxe tradicional galego. Valorarase cun máximo de 40 puntos de conformidade cos seguintes puntos:

b.1. Estar en posesión do título oficial de corte e confección: 20 puntos.

b.2. Ter experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego debidamente certificado pola entidade galega: 20 puntos.

2. Número de persoas alumnas da escola ou grupo de baile, gaita ou canto e percusión da entidade ou persoa física solicitante en que a persoa aspirante imparta ensino: ata un máximo de 10 puntos:

– Ata 10 persoas alumnas: 4 puntos.

– De 11 a 25 persoas alumnas: 6 puntos.

– De 26 a 50 persoas alumnas: 8 puntos.

– Máis de 50 persoas alumnas: 10 puntos.

3. Persoas alumnas solicitantes que non teñan participado nas catro últimas edicións de calquera destes programas: 20 puntos.

No caso de empate, resolverase, en primeiro lugar, en favor de quen non tiver participado no programa. De persistir o empate, resolverase en favor de quen leve máis anos sen participar. Por último, de persistir o empate, resolverase pola orde alfabética dos apelidos dos solicitantes, comezando por aqueles cuxo primeiro apelido empece pola letra que resulte do sorteo anual que corresponda para a actuación dos aspirantes nos procesos de selección para o ingreso na Administración autonómica de Galicia.

En caso de renuncia, por causas debidamente xustificadas, da persoa proposta pola entidade solicitante, procederase a adxudicar a praza vacante á seguinte candidata segundo a puntuación obtida por aplicación dos criterios de valoración e que pertenza a unha entidade do mesmo país e, se non for posible, do mesmo continente.

No caso de renuncia de solicitantes que sexan persoas físicas, procederase a adxudicar a praza vacante á seguinte candidata, segundo a puntuación obtida con base nos criterios de valoración indicados anteriormente e, no caso de non existir candidata que reúna os coñecementos axeitados para participar, acumularase a praza vacante ás prazas ofertadas para as entidades galegas.

Artigo 11. Obrigas, seguimento e control

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa, no caso de concesión.

2. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta secretaría pode modificar a resolución de concesión.

3. As persoas beneficiarias destes programas estarán obrigadas a participar e asistir ás actividades para que foron seleccionadas.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean ao dispor da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas a que van dirixidos os programas regulados nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

5. O falseamento de datos ou da documentación presentada polas persoas ou entidades beneficiarias dalgúns destes programas, así como o incumprimento das súas obrigas, comportará a súa exclusión en próximas edicións destes programas, sen prexuízo de que se inicie o correspondente procedemento de reintegro por algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos no artigo 7, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. A presentación de solicitudes por parte das entidades requirirá que esta conte coa autorización das persoas propostas para participar no programa, para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria, polo que no anexo II se inclúe unha manifestación do representante da entidade neste sentido.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a: accion.social.emigracion@xunta.es.

Artigo 14. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2016

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file