Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 8 de febreiro de 2016 Páx. 4315

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2016 pola que se convoca o curso Desenvolvemento das miñas fortalezas, actitudes e habilidades sociais.

A Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a convocatoria do curso Desenvolvemento das miñas fortalezas, actitudes e habilidades sociais, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade:

Denominación: desenvolvemento das miñas fortalezas, actitudes e habilidades sociais.

Tipo: curso.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 30.

Modalidade: presencial.

Obxectivos

– Autocoñecemento sobre a base das nosas fortalezas.

– Coñecementos prácticos acerca de intelixencia social e emocional.

– Desenvolver as posibilidades que nos ofrece a nosa comunicación.

– Aumento da nosa capacidade de comunicación pública e privada

– Dotar de propósito o traballo.

– Desenvolver recursos para o benestar psicolóxico.

Contido:

1º. Fortalezas de carácter.

2º. Que comunico: a importancia da actitude.

3º. Traballo en equipo.

4º. A importancia das emocións na comunicación.

5º. Negociación e resilencia.

6º. Sentido como inicio, paixón como camiño.

2. Desenvolvemento da convocatoria:

Destinatario/as.

Persoal da Unidade da Policía Adscrita á Comunidade Autónoma, dos corpos de Policía Local de Galicia, da Garda Civil e da Policía Nacional con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas ofertadas.

16 prazas. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación:

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es. Os interesados deberán enviar á Agasp unha carta de motivación para a realización do curso que farán chegar a través do correo electrónico: formación.agasp@xunta.es, indicando no seu asunto SP16.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 10 de febreiro de 2016.

4. Formulario normalizado de solicitude:

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es .

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección.

A carta de motivación para a realización do curso será criterio esencial para a selección do alumnado. Será valorada polo cadro docente que impartirá a formación.

Será enviada antes da finalización do prazo de presentación de instancias ao correo electrónico: formacion.agasp@xunta.es, indicando no asunto deste: selecciondesarrollo.

En caso de non se presentar suficientes cartas de motivación, as prazas restantes serán cubertas segundo os criterios xerais de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Lista de solicitudes seleccionadas.

O día 15 de febreiro de 2016 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, polo menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberá comunicarse por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 206 122. Noutro caso, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

Comezado o curso, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10 % como máximo das horas totais, e sempre xustificadamente. De superar esta porcentaxe, non terá dereito ao diploma ou certificado.

5. Desenvolvemento da actividade:

Lugar: Agasp.

Datas: 25 e 26 de febreiro, 3, 4, 10 e 11 de marzo de 2016.

Horario: os días 25 de febreiro e 3 e 10 de marzo, das 16.00 ás 21.00 horas; e os días 26 de febreiro e 4 e 11 de marzo, das 9.00 ás 14.00 horas.

Uso da residencia: os/as alumnos poderán solicitar aloxamento na residencia da Agasp, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

– A solicitude deberá facerse por escrito ao enderezo de correo electrónico:

formacion.agasp@xunta.es, con polo menos 24 horas de antelación.

– Que haxa cuartos dispoñibles.

Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a esta e superen as correspondentes probas de coñecementos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante:

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado porla Orde da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixida por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 1 de febreiro de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública