Mediante a Resolución do 21 de decembro de 2015 (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2016) establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2016.
De conformidade co establecido no artigo 6 da devandita resolución, o prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro día 13 de febreiro.
A coincidencia do prazo de presentación de solicitudes co período estival nos países de Hispanoamérica aconsella proceder á súa ampliación.
En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Ampliar ata o 22 de febreiro de 2016, inclusive, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 6 da Resolución do 21 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior, e se procede a súa convocatoria para o ano 2016.
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2016
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración