O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, o día 17 de decembro de 2015, ditou resolución pola que se declaran as obras de construción dunha edificación de bloque de formigón e a instalación dunha caseta de obra no lugar de Raposeiriña, Os Campos, no termo municipal do Grove, non legalizables por seren incompatibles co ordenamento xurídico. Ordénase a demolición por conta da interesada e a reposición dos terreos afectados ao estado anterior ao inicio das obras, así como o cesamento definitivo dos usos a que desen lugar. A orde de demolición deberá ser executada no prazo de tres meses contados desde a notificación desta resolución e darase conta á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
Ao non poderse realizar a notificación persoal daquela resolución a Bárbara Couso Cambeiro, mediante esta cédula, e ao abeiro do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), notifícaselle á interesada a dita resolución por medio dun anuncio no Boletín Oficial del Estado.
Tendo en conta que, en atención ao previsto no artigo 61 da LRXPAC, o acto non se publica na súa integridade, fáiselle saber á interesada que o texto íntegro da resolución que se notifica está ao seu dispor nas dependencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sitas no Edificio Witland, Salgueiriños, en Santiago de Compostela, para a súa consulta no prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta cédula no Boletín Oficial del Estado. Transcorrido o dito prazo, a notificación entenderase producida.
Contra a devandita resolución, que pon fin á vía administrativa, a interesada pode interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que se producise a notificación, ante o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, ou ben, se non exerce o seu dereito a presentar recurso potestativo de reposición, pode interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo en cuxa circunscrición radique o inmoble afectado, conforme o disposto no artigo 14.1, regra terceira, da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Para que conste e lle sirva de notificación á citada interesada, en cumprimento do disposto no artigo 59.5 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, expido e asino esta cédula.
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2016
José Antonio Cerdeira Pérez
Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística