Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2016 Páx. 1094

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se modifica a Orde do 14 de novembro de 1995 pola que se regula o programa de actuacións para o control de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

O Regulamento (CE) nº 854/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas para a organización dos controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, establece no seu anexo II, capítulo II, os controis oficiais relativos a moluscos bivalvos vivos procedentes de zonas de produción clasificadas.

O Regulamento (CE) 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, establece no seu anexo III, sección VII, capítulo V as normas sanitarias que deben cumprir os moluscos bivalvos vivos que se poñan no mercado para consumo humano, entre as cales se inclúen as cantidades límite de diversas biotoxinas mariñas.

O Decreto 28/2005, do 28 de xaneiro, polo que se regula o control de biotoxinas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura establece que o control para a detección e cuantificación das biotoxinas mariñas será exercido pola Consellería do Medio Rural e do Mar e pola Consellería de Sanidade.

De acordo co establecido no artigo 8 do antedito decreto, é competencia da Consellería do Mar establecer o límite e as características das zonas de produción para os efectos do control de presenza de plancto produtor de toxinas e de biotoxinas nos moluscos bivalvos vivos, da toma de mostras nas ditas zonas e do establecemento nelas dun plan de mostraxe en función das previsións da evolución dos episodios tóxicos.

A Orde do 14 de novembro de 1995, que regula o programa de actuacións para o control de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura, define o sistema de control e as condicións para a autorización ou prohibición da extracción e posta no mercado destes organismos, foi modificada pola Orde do 24 de xaneiro de 2013 co obxecto de adaptala á actual rede de mostraxe de control de biotoxinas establecida ao longo de toda a costa galega.

Os resultados dos controis realizados nas zonas de produción, así como a información resultante en cada unha delas da evolución dos episodios de biotoxinas e da afección aos bancos de moluscos bentónicos infaunais, fan preciso delimitar e establecer novas zonas e puntos de control nas rías de Corcubión e de Vigo.

En virtude do exposto anteriormente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 14 de novembro de 1995 pola que se regula o programa de actuacións para o control de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo y a acuicultura

A Orde do 14 de novembro de 1995, pola que se regula o programa de actuacións para o control de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura, queda modificada como segue:

Un. O anexo III (zonas de bancos de moluscos bentónicos infaunais) no que se refire á ría de Corcubión queda redactado do seguinte xeito:

Defínense dúas zonas:

Zona I: augas costeiras comprendidas entre a punta Nemiña (N) e a punta Insua (S), excepto a zona II.

Punto de control: Cee.

Zona II: enseada de Fisterra delimitada pola liña imaxinaria que une cabo Fisterra (O) co faro do cabo de Cee (L).

Punto de control: Langosteira.

O punto de control da zona I aplicarase, en ausencia de biotoxinas, para ambas as dúas zonas.

Dous. O anexo III (zonas de bancos de moluscos bentónicos infaunais) no que se refire á zona II da ría de Vigo queda redactado do seguinte xeito:

Zona II.1: parte externa da zona II, que comprende a porción da ría delimitada entre a liña imaxinaria que une a punta Borneira (N) co cabo Estai (S) e a liña imaxinaria que une a punta Rodeira (O) coa torre da ermida da Guía (E).

Puntos de control: Rodeira e Canido.

Zona II.2: parte interna da zona II que comprende a porción da ría delimitada entre a liña imaxinaria que une punta Rodeira (O) coa torre da ermida da Guía (E), e a liña imaxinaria que une punta Castelo (N) coa punta de Rande (S).

Puntos de control: Moaña.

Os puntos de control da zona II.1 aplicaranse, en ausencia de biotoxinas, para ambas as dúas zonas.

Tres. O anexo III (zonas de bancos de moluscos bentónicos infaunais), no que se refire aos mapas das rías de Corcubión e Vigo, queda tal e como se indica nos mapas que se xuntan a esta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2015

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file