Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2016 Páx. 1029

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución da estación de regulación e medida (ERM) e extensión de rede no termo municipal de Barreiros (Lugo), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/13-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 8.4.2008 esta dirección xeral ditou resolución pola cal se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Barreiros, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2007/2-0), publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 de maio e no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 21 de abril.

Segundo. O 11.9.2009 esta dirección xeral ditou resolución pola cal se aprobou o proxecto de execución de instalacións de distribución de gas natural e planta satélite GNL en Barreiros (Lugo) (expediente IN627A 2007/2-0).

Terceiro. O 7.9.2010 esta dirección xeral ditou resolución pola cal se outorgou a autorización administrativa e se aprobou a addenda I ao proxecto de execución de instalacións da rede de distribución de gas natural e planta satélite de GNL en Barreiros (Lugo) (expediente IN627A 2007/2-0), publicada no Diario Oficial de Galicia do 18 de outubro e no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 8 de outubro.

Cuarto. O 10.6.2015 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e o recoñecemento da utilidade pública do proxecto de instalacións da estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 bar e extensión da rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo).

Quinto. O 20.7.2015 esta dirección xeral ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista consistente nunha estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e na extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/13-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10 de setembro de 2015, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 22 de agosto e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 19 de agosto, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Barreiros durante vinte (20) días.

Sexto. O 22.7.2015 esta dirección xeral notificou a relación de predios afectados aos seus titulares.

O 21.10.2015 Gas Galicia SDG, S.A. comunicou que chegou a acordo mutuo coa titular da parcela afectada, polo cal non procede a declaración de utilidade pública.

Sétimo. O 22.7.2015 esta dirección xeral trasladou a separata técnica do citado proxecto ao Concello de Barreiros co obxecto de obter a súa conformidade, oposición ou reparos para a súa aprobación.

O 15.10.2015 reiterouse a petición do dito informe sen recibirse resposta, polo que se entende favorable, conforme o disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalación de gas natural.

Oitavo. O 29.10.2015 a Xefatura Territorial de Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 bar e extensión da rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Barreiros (Lugo), que promove a empresa Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous (2) meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 1.432,96 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce (12) meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá expedila, logo das comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa promotora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, en que conste que a construción e a montaxe das instalacións se efectuaron de acordo cos proxectos correspondentes, e acreditar, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, de ser o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas