Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.
Denominación: LMT derivada Sela.
Situación: Arbo.
Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor RHZ de 448 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo proxectado no apoio existente HV-630-15 e final no centro de transformación existente Sela (36CJ69), o cal se reforma para permitir a acometida proxectada. Retensamento do van aéreo (57 metros) comprendido entre os apoios HV-630-15 e HV-2B-15. A instalación está situada na zona dos Eidos de Abaixo, A Sela, Arbo.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, DOG núm. 54, do 19 de marzo, esta xefatura territorial resolve:
Conceder autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.
Contra a presente resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se coide pertinente.
Pontevedra, 3 de decembro de 2015
Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra