Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52512

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 22 de decembro de 2015 pola que se establece unha veda temporal nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa (Lombos do Ulla, Boído, Cabío e outras zonas), se regulan as bases e a convocatoria para o ano 2016 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, por paralización temporal da actividade marisqueira ás persoas armadoras e tripulantes das embarcacións afectadas por esta medida de conservación (cofinanciadas ao 50 % polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca).

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, da adopción de medidas de conservación e protección dos recursos mariños vivos e os seus ecosistemas, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Os bancos marisqueiros dos Lombos do Ulla, O Boído, Cabío son os bancos sub-litorais de libre marisqueo da ría de Arousa nos que desenvolven a súa actividade todas as embarcacións con base nalgún porto da ría de Arousa que teñen a modalidade de marisqueo (Z3) ou libre marisqueo (Z3) no seu permiso de explotación.

A actividade marisqueira nestes bancos realízase no marco da orde anual pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira e abrangue de outubro a marzo, adoptándose medidas para a explotación sostible e a conservación a través de fórmulas de coxestión entre a administración e o sector.

Destes bancos sub-litorais, Lombos do Ulla destaca pola súa produción e o berberecho é a especie principal (70-97 %) o que representaría o 23 % da produción de berberecho da ría de Arousa. Tamén son especies obxectivo, a ameixa fina (10 %) e a ameixa xaponesa (20 %) e en menor medida, a ameixa babosa.

Desde o ano 2012, no que se detecta por primeira vez a presenza de Marteilia cochillia no berberecho en Galicia, a marteliose causou mortalidades masivas de berberecho que comprometeron as cohortes correspondentes ao recrutamento de 2013, 2014 e 2015.

Por outro lado, as intensas choivas producidas no inverno 2013-primavera 2014 provocaron un descenso prolongado da salinidade que terminaron causando mortalidades elevadas nas poboacións de ameixas. Ademais, nas poboacións de ameixa fina rexistrouse unha elevada taxa de mortalidade a final do verán de 2014 cuxa causa semella estar relacionada coas elevadas temperaturas da augas rexistradas durante ese verán e outono. Todo isto, afectou seriamente ás cohortes de fixación dos anos 2014 e 2015.

Os bancos descritos constitúen unha unidade de xestión e a situación actual do berberecho no banco dos Lombos do Ulla e as especies acompañantes, unida á abundancia dos recursos nos bancos do Boído e Cabío supoñen que a actividade extractiva poda chegar a ser unha ameaza para a conservación e a explotación sostible do conxunto das especies recurso.

As causas de forza maior descritas afectaron ao estado dos recursos e polo tanto ao réxime de explotación marisqueira destes bancos, sendo necesaria a adopción de medidas técnicas extraordinarias de conservación consistentes na prohibición da actividade marisqueira nesta zona de forma temporal coa finalidade de protexer as poboacións de moluscos.

O informe técnico do Centro de Investigacións Mariñas (Cima) relativo a evolución da campaña nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa predi cal debería ser a súa duración máxima, á vista da actividade extractiva e en función dos indicadores da explotación. O informe recomenda un cese anticipado da campaña para protexer o stock de reprodutores e os exemplares que non acadan as tallas mínimas de referencia a efectos de conservación.

A paralización temporal da actividade afecta á viabilidade dunha parte do sector que ten unha dependencia da explotación destes bancos, sendo preciso habilitar medidas que axuden a fomentar a viabilidade do sector afectado pola paralización temporal consecuencia da aplicación da medida técnica de conservación.

O Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os Regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011, do Parlamento Europeo e do Consello, regula no seu artigo 33 as axudas que poderán prestarse á frota pesqueira pola paralización temporal da súa actividade, establecendo unha relación directa coas medidas técnicas de conservación e explotación sostible dos recursos biolóxicos mariños establecidos no artigo 7.1 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, sobre a Política Pesqueira Común.

Como condición xeral para a obter a axuda por paralización temporal, todas as actividades de pesca realizadas pola embarcación e polas tripulacións afectadas deberán suspenderse de feito. Por outra parte, as embarcacións obxecto da axuda deberán ter levado a cabo unha actividade pesqueira mínima.

Estes días de actividade, dadas as características da frota afectada, verificarase mediante os rexistros da actividade pesqueira (requisito obrigatorio para faenar en augas da Comunidade Autónoma galega) e as vendas realizadas nas lonxas ou centros de venda autorizados xunto coas declaracións de recollida, co obxectivo de poder garantizar a concordancia entre o día da nota de venda e o día de desembarque ou captura.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en adiante Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 19 de outubro de 2015.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 de dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, na aplicación 14.03.723A.770.2, existe unha partida orzamentaria consignada pola contía de 1.800.000 euros para as axudas que se establecen nesta orde.

Por todo o anterior, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer unha veda temporal nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa (Lombos do Ulla, O Boído, Cabío e outras zonas) como medida técnica de conservación, prohibíndose a actividade marisqueira nesta zona, na modalidade de marisqueo a flote con vara, entre o 18 de xaneiro e o 11 de marzo de 2016 (ambos incluídos).

2. Tamén é obxecto desta orde establecer as bases reguladoras xerais e convocar para o ano 2016, en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás persoas armadoras e tripulacións de embarcacións afectadas pola paralización temporal da actividade marisqueira no marco da medida de conservación á que se refire a epígrafe 1 deste artigo.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como ás seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional , ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello.

b) Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os Regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011, do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Regulamento delegado (UE) nº 288/2015, da Comisión, do 17 de decembro de 2014, pola que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014, Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

d) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

i) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.770.2, código de proxecto 2016-00304, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

2. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 1.800.000 €.

3. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para os efectos. En todo caso, a concesión das axudas estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución da concesión.

4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 50 % con fondos FEMP e un 50 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas por paralización temporal da actividade de marisqueo a flote con vara nos bancos marisqueiros sub-litorais da ría de Arousa (Lombos do Ulla, O Boído, Cabío e outras zonas de libre marisqueo), as persoas que teñan a condición de:

a) Armadoras das embarcacións que estean rexistradas como activas no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e que levaran a cabo actividade cando menos 120 días durante os anos 2014 e 2015.

b) Tripulantes que traballasen cando menos 120 días durante os anos 2014 e 2015, a bordo dunha embarcación afectada pola paralización temporal.

2. Os 120 días mínimos exixidos na epígrafe 1 deste artigo deberán terse realizado na na modalidade de marisqueo (Z3) ou libre marisqueo (Z3), durante os anos 2014 e 2015.

Estes días de actividade verificaranse mediante os rexistros da actividade pesqueira e as vendas realizadas nas lonxas ou centros de venda autorizados así como as declaracións de recollida, e que serán os que consten nos rexistros da Consellería do Mar.

3. As persoas armadoras e tripulantes deberán estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A axuda por paralización temporal poderá concederse por unha duración máxima de seis meses por embarcación e tripulante, durante o marco de programación do FEMP 2014-2020.

5. Se durante o período de veda temporal unha embarcación é substituída por outra de nova construción, a embarcación substituta participará de todos os dereitos da anterior, para os efectos da concesión da axuda por paralización temporal.

6. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas nas que concorran algunha das seguintes circunstancias:

a) As sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

c) Ter sido sancionados coa imposibilidade de obtención de préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Artigo 5. Requisitos esixibles ás persoas armadoras

As persoas armadoras, que sexan beneficiarias de acordo co disposto no artigo anterior, terán que cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a embarcación pertenza á 3ª lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras.

b) Que a embarcación teña porto base na Comunidade Autónoma galega e estea en situación de alta no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que o permiso de explotación da embarcación, que deberá estar vixente, inclúa a modalidade de «marisqueo (Z3)» ou «libre marisqueo (Z3)». O cumprimento deste requisito verificarase mediante a información que obra na Consellería do Mar.

d) Para os efectos de que as persoas tripulantes obxecto da paralización temporal poidan acollerse ás axudas correspondentes, xustificación de que a persoa armadora ou empresaria presentou ante as autoridades laborais a correspondente comunicación de inicio do procedemento de suspensión dos contratos regulados no artigo 47 do Estatuto dos traballadores, polo total da tripulación enrolada na embarcación, na data do último día previo ao inicio da parada, para os efectos de poder adoptar a decisión de suspender os contratos de traballo.

Eximirase deste requisito, cando a persoa armadora xustifique documentalmente a non existencia de persoas traballadoras no momento de producirse a paralización temporal.

e) A paralización, de feito, de todas as actividades de pesca e marisqueo realizadas pola embarcación durante todo o período que dure a parada temporal segundo o establecido no artigo 11.1. Esta circunstancia deberá quedar recollida no rol de despacho, no que se indicará expresamente que a embarcación entra en porto para iniciar unha parada temporal da actividade pesqueira e, igualmente o día de saída indicarase que a embarcación finaliza a súa parada temporal.

A suspensión da actividade pesqueira acreditarase a través da entrega do rol na Capitanía Marítima do porto no momento da súa chegada.

A inactividade pesqueira deberá ser total e a embarcación permanecerá no porto durante todo o período computable da parada, non poderá ser despachada para ningunha actividade.

f) Estar en situación de alta na Seguridade Social asociada á embarcación afectada no momento de sobrevir a paralización temporal.

g) Estar ao corrente das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social. No caso de que as persoas solicitantes sexan unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica, cada un/unha dos/as solicitantes deberán cumprir este requisito.

Artigo 6. Requisitos esixibles ás persoas tripulantes

1. As persoas tripulantes, que sexan beneficiarias de acordo co establecido no artigo 4, deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Estar enrolada a bordo dunha embarcación afectada pola paralización temporal.

b) Estar incluída nun procedemento de suspensión das relacións laborais, excepto no caso das persoas traballadoras por conta propia que teñan a consideración de familiares colaboradores da persoa armadora.

c) Estar en situación de alta na Seguridade Social e manter ininterrompida a relación laboral coa empresa armadora da embarcación na que se atopaban enroladas no momento de sobrevir a paralización temporal.

Tamén poderán percibir axudas as persoas tripulantes que, mantendo ininterrompida a súa relación laboral coa empresa, non figuren enroladas no momento da paralización temporal como consecuencia dunha incapacidade laboral, permisos retribuídos, vacacións, excedencia e/ou expectativa de embarque, maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactancia natural; sempre e cando cumpran os demais requisitos establecidos no punto 1 e quede acreditado o cese nesa situación ao longo do período de tempo de duración da paralización temporal.

d) Acreditar un período de cotización no Réxime Especial da Seguridade Social dos/das traballadores/as do Mar, de cando menos, doce meses ao longo da súa vida laboral.

Artigo 7. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos establecidos na normativa de aplicación a estas.

2. As persoas beneficiarias deberán:

a) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda da que se trate.

b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación ás subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

c) Manter e/ou conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos dende a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

d) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable adecuado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos «Fondos EIE».

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que a persoa solicitante está ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o seu consentimento, e deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos á persoa interesada.

Artigo 8. Obriga das persoas empresarias ou armadoras

As persoas empresarias ou armadoras deberán manter ás súas persoas traballadoras en situación de alta na Seguridade Social durante o período de inactividade.

No caso de que a persoa beneficiaria fose armadora autónoma enrolada como tripulante deberá permanecer de alta como tal traballadora autónoma na Seguridade Social durante dito período de inactividade.

Artigo 9. Incompatibilidades

1. A percepción das axudas compensatorias previstas nesta orde é incompatible co traballo por conta propia ou por conta allea da persoa beneficiaria durante o período da parada subvencionable, así como o percibo doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, autonómicos, nacionais, da Unión Europea ou dos organismo internacionais.

2. Igualmente, a condición de persoa beneficiaria será incompatible co recoñecemento do dereito á protección por desemprego, cese de actividade de traballadores/as autónomos/as e co resto das prestacións económicas do Sistema da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo da persoa beneficiaria, coa excepción das prestacións por incapacidade temporal, de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo, e risco durante a lactancia, en cuxo caso descontarase este período do dereito a percibir a axuda.

3. No caso de que o recoñecemento da axuda puidese dar lugar a unha incompatibilidade sobrevida co recoñecemento dun dereito anterior por protección por desemprego ou por cese de actividade no caso de traballadores/as autónomos/as, tal circunstancia será notificada pola persoa interesada, debendo esta optar, no prazo de dez días desde a recepción da notificación de concesión da axuda, entre a percepción desta e a protección por desemprego ou cese de actividade.

Se no referido prazo de dez días non manifesta por escrito a súa elección entre ambas, entenderase que opta pola prestación por desemprego ou cese de actividade, denegándoselle o cobramento da axuda regulada nesta orde por incompatibilidade e, de ser o caso, procederase ao reintegro desta.

Se opta pola axuda regulada nesta orde, realizaranse as regularizacións que procedan respecto da protección por desemprego ou cese da actividade concorrentes coa compensación económica.

4. A solicitude da axuda por paralización temporal será incompatible coa solicitude de axudas por paralización definitiva.

5. A condición de persoa beneficiaria como armadora é incompatible coa de beneficiaria como tripulante.

Artigo 10. Contía da axuda

1. O importe máximo da axuda concedida ás persoas armadoras será unha cantidade por embarcación obxecto da paralización temporal que se calculará multiplicando 5,16 × GT+36 e por cada día hábil de parada, garantíndose un mínimo de 100 € diarios.

Para estes efectos, o número de arqueo bruto (GT) será o que figura na folla de asento da embarcación ou no seu defecto no certificado de arqueo definido en tonelaxe de arqueo bruto.

Por días hábiles de paralización entenderanse os efectivamente hábiles para o exercicio da actividade pesqueira segundo a normativa vixente.

2. A contía da axuda ás persoas tripulantes calcularase multiplicando 45 € por cada día hábil de parada.

No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias axustaranse as contías á rata entre todas as persoas tripulantes beneficiarias.

3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 11. Duración

1. As axudas outorgaranse por un período de 40 días de parada entre o 18 de xaneiro 2016 e o 11 de marzo de 2016, ambos incluídos, sempre que se realizase de forma continuada e ininterrompida.

2. O período de parada computarase desde o día seguinte ao da entrega e o anterior á recollida do rol.

Artigo 12. Solicitudes, documentación e prazo de presentación

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de finalización do período de paralización temporal. O prazo rematará o día 11 de abril de 2016.

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar e deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexos I e II segundo se trate de persoas armadoras ou tripulantes.

3. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten a disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número do expediente e o número e código único de rexistro.

7. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) No caso das persoas armadoras da embarcación:

1º. Acreditación da personalidade:

i) Se a persoa solicitante é unha persoa física:

– Copia cotexada do DNI ou NIE da persoa solicitante, en caso de non ter autorizado á Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 27.

ii) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:

– Copia cotexada do NIF da persoa xurídica solicitante, no caso de denegar expresamente a súa consulta.

– Certificación rexistral actualizada na que figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes.

– Poder suficiente da persoa representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

– Copia cotexada do DNI ou NIE da persoa representante, agás no suposto de ter autorizada á Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 27.

iii) Se a persoa solicitante son unha pluralidade de persoas:

– Acordo de nomeamento da persoa representante ou apoderada para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todas as persoas.

– Copia cotexada do DNI ou NIE de cada unha das persoas, agás no suposto de ter autorizada á Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 27. Neste caso, a autorización para a consulta farase segundo o anexo III.

– Declaración responsable de cada unha das persoas, de acordo co anexo VI.

2º. Certificado do Instituto Social da Mariña acreditativo de estar en situación de alta asociada á embarcación afectada, así como os códigos de conta asociados á embarcación e ás persoas traballadoras por conta allea incluídas nas mesmas, e os/as autónomos/as, no seu caso.

3º. Folla de asento de inscrición marítima actualizada, completa e literal, certificada en todas as súas follas.

4º. Copia cotexada do rol de despachos actualizado da embarcación coa dotación de tripulación enrolada nela nos anos 2014 e 2015.

5º. Certificación da Capitanía Marítima correspondente do depósito do rol de despachos da embarcación e no que se faga constar o lugar e o período de inmobilización total da embarcación con motivo do cese temporal da actividade pesqueira, con expresión das datas de comezo e fin da parada realizada.

6º. Documentación que acredite a presentación do expediente de regulación de emprego pola persoa armadora ou empresaria, de acordo co establecido no artigo 5.d) desta orde.

7º. Copia cotexada do certificado de arqueo definido en Tonelaxe de Arqueo Bruto (GT), expedido pola Dirección Xeral da Mariña Mercante. Só será preciso a presentación desta documentación se dita información non consta na folla de asento de inscrición marítima.

b) No caso das persoas tripulantes:

1º. Acreditación da personalidade: Copia cotexada do DNI ou NIE da persoa solicitante, en caso de non ter autorizado á Consellería do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 27.

2º Certificado da persoa armadora de que a persoa tripulante está incluída no rol da embarcación, co visto e prace da Capitanía Marítima, de acordo co modelo que figura como anexo IV, no que deberá quedar acreditado, no espazo reservado para tal efecto, o período de paralización da embarcación, de acordo co previsto no artigo 11.2.

3º. Certificado do Instituto Social da Mariña acreditativo de estar en situación de alta asociada á empresa armadora na que se atopaban enroladas no momento de sobrevir a paralización temporal.

4º. Copia da resolución da autoridade laboral competente que aprobe a suspensión da relación laboral.

5º. Documentación que acredite que a persoa solicitante ten un período de cotización ao Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar de cando menos 12 meses ao longo da súa vida laboral.

8. No suposto de que a subvención sexa solicitada por unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica, a documentación que corresponde ás persoas físicas deberá achegarse por todas e cada unha das persoas socias.

9. As solicitudes deberán vir acompañadas como mínimo da seguinte documentación:

a) Para o caso das persoas armadoras: a documentación á que se fai mención no artigo 12.7.a) 1º e 5º.

b) Para o caso das persoas tripulantes: a documentación á que se refire o artigo 12.7.b) 1º e 2º.

A non presentación de dita documentación nos termos indicados dará lugar á inadmisión da solicitude.

Artigo 13. Tramitación do procedemento

1. O órgano instrutor será o servizo competente en materia de marisqueo da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2. Realizarase unha fase preparatoria nas xefaturas comarcais da Consellería do Mar en Ribeira e Vilagarcía de Arousa, en función do porto base da embarcación afectada pola paralización temporal, que analizarán as solicitudes presentadas.

Se a solicitude non reunise algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requiriráselle á persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixera, teráselle por desistida da súa solicitude, tras a resolución expresa.

Non se aplicará o anteriormente exposto ás solicitudes que non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible recollidos no artigo 12.9, que serán inadmitidas.

A notificación dos requirimentos realizarase de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, mediante publicación na páxina web http://www.xunta.es.mar, e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Esta publicación tamén se realizará, con carácter informativo, nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais e comarcais correspondentes da Consellería do Mar, así como no taboleiro de anuncios das confrarías de pescadores afectadas.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As xefaturas comarcais emitirán informe sobre o cumprimento, polas persoas solicitantes, dos requisitos da convocatoria.

Os expedientes que cumpran todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao órgano instrutor que analizará os expedientes, previamente á súa remisión á comisión encargada da súa avaliación. O órgano instrutor clasificará as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas bases da convocatoria.

Non obstante, con carácter previo á remisión a comisión de avaliación, poderá solicitar información complementaria, se o considerase oportuno.

4. Os expedientes que non cumpran coas esixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán a disposición do órgano instrutor que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

Artigo 14. Comisión de avaliación

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os valorará logo de aplicar os criterios establecidos no artigo 15.

2. A comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente/a, que será unha persoa da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: 2 representantes pola xefatura territorial da Consellería do Mar na Coruña.

c) Vogais: 2 representantes pola xefatura territorial da Consellería do Mar en Vigo.

Un dos/das vogais da comisión realizará as funcións da secretaría da comisión.

A comisión poderá actuar asistida polas persoas asesoras que xulgue conveniente.

3. O funcionamento deste comité está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público de autonómico de Galicia.

Artigo 15. Criterios de avaliación das solicitudes presentadas

1. A axuda á paralización temporal concederase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de acordo cos criterios de avaliación descritos na epígrafe 3 deste artigo.

2. Estes criterios de avaliación serán de aplicación ás embarcacións que opten ás axudas, excluíndose da súa aplicación ás tripulacións, que terán dereito a optar á axuda por estaren incluídas no rol da embarcación afectada pola paralización temporal e cumprir cos demais requisitos establecidos.

3. Os criterios para a valoración das solicitudes presentadas son os seguintes:

a) Actividade pesqueira (rexistros, vendas e declaracións de recollida) da embarcación nos bancos definidos no artigo 1 desta orde nos anos 2014 e 2015:

1º. Ata 50 días: 0 puntos.

2º. De 51 a 100 días: 1 punto.

3º. De 101 a 120 días: 2 puntos.

4º. De 121 a 150 días: 3 puntos.

5º. Máis de 120 días: 4 puntos.

b) Dependencia da embarcación das capturas procedentes dos bancos definidos no artigo 1 desta orde:

1º. Que o valor das capturas procedentes dos bancos marisqueiros definidos no artigo1, sexa igual ou superior ao 20 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2010-2015: 1 punto.

2º. Que o valor das capturas procedentes dos bancos marisqueiros definidos no artigo 1, sexa superior ao 20 % e igual ou inferior ao 30 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2010-2015: 2 puntos.

3º. Que o valor das capturas procedentes dos bancos marisqueiros definidos no artigo 1, sexa superior ao 30 % e igual ou inferior ao 40 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2010-2015: 3 puntos.

4º. Que o valor das capturas procedentes dos bancos marisqueiros definidos no artigo 1, sexa superior ao 40 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2010-2015: 4 puntos.

c) O número de modalidades das que dispón a embarcación no seu permiso de explotación:

1º. Que conte unicamente coa modalidade de marisqueo (Z3) ou libre marisqueo (Z3) no seu permiso de explotación: 2 puntos.

2º. 2 modalidades: 1 puntos.

3º. 3 modalidades: 0,5 puntos.

4º. Máis de 3 modalidades: 0 puntos.

No suposto de que algunha das modalidades das que dispón no seu permiso de explotación non puidesen ser empregadas por atoparse a especie obxectivo en período de veda ou que o emprego da arte non estivese autorizado nese período, descontarase do número total das que dispón a embarcación, para os efectos de aplicar o disposto nesta letra c).

4. A valoración dos criterios establecidos no punto anterior realizarase de acordo coa información relativa aos rexistros de actividade pesqueira, vendas en lonxa ou punto de venda autorizados realizadas, declaracións de recollida e no sistema de xestión dos permisos de explotación para as embarcacións que consta en poder da Consellería do Mar.

5. En caso de empate na puntuación obtida pola embarcación, este resolverase tendo en conta a valoración na letra b). De persistir o empate, atenderase á cualificación na letra a) e de continuar, á letra c). Se así é todo continúa a igualdade, acudirase ao número de persoas tripulantes enroladas na embarcación.

Artigo 16. Proposta de resolución

A comisión de valoración emitirá un informe co resultado da selección e trasladará a proposta de concesión que formule ao órgano concedente, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

A proposta de resolución indicará de maneira individualizada as persoas beneficiarias, así como o importe da axuda proposta para cada unha delas.

Artigo 17. Lista de reserva

1. A comisión de valoración establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito.

2. De resultar incrementado o crédito dispoñible en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, o órgano instrutor emitirá informe sobre a procedencia de utilizar a lista de reserva.

Artigo 18. Resolución e notificación

1. Á vista da proposta de resolución, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, quen poderá delegar dita competencia.

3. A resolución da concesión ditarase e notificaráselles ás persoas interesadas no prazo máximo de seis meses desde a data de presentación da solicitude.

4. Transcorrido este prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Aceptación

No prazo de (10) días desde a notificación da resolución as persoas interesadas deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da axuda nas condicións expresadas nela. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como persoas beneficiarias na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119.2 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

Artigo 20. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin a vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo establecido no artigo 18 non lle foi notificada á persoa interesada a resolución, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo de tres meses ou recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza, no prazo de seis meses, contados en ambos os dous casos a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto.

3. Todo isto sen prexuízo de que a persoa interesada poida interpoñer calquera outro que considere oportuno.

Artigo 21. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención relativa á obtención concorrente doutras subvencións ou axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cambio de persoa beneficiaria ou calquera outro aspecto que se considere que afecta a un aspecto substancial da resolución de concesión, poderá dar lugar á súa modificación ou revogación.

Artigo 22. Pagamento

1. As persoas beneficiarias deberán presentar no prazo máximo que se indique na resolución e no lugar e forma sinalados no artigo 12 desta orde, a seguinte documentación:

a) Declaración complementaria relativa á obtención doutras subvencións, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda da que se trate, de acordo co anexo V.

2 Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao corrente nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. De acordo co establecido no artigo 27, o órgano xestor das axudas poderá obter dos organismos competentes as citadas certificacións.

3. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.

Artigo 23. Extinción da axudas

O dereito ás axudas obxecto desta orde extinguirase por:

a) Pola interrupción do período da parada.

A interrupción do período da parada, suporá a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda pola totalidade da parada.

b) Por iniciar actividades laborais por conta propia ou allea durante o período da parada subvencionable.

c) Por iniciarse os efectos económicos das prestacións da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo, coa excepción das prestacións de incapacidade temporal, de maternidade e paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactancia, en cuxo caso o tempo que perciban estas prestacións será descontado do dereito a percibir a axuda.

d) Por extinguirse a relación laboral da persoa traballadora coa empresa armadora.

e) Por deixar de reunir calquera dos requisitos que motivaron o recoñecemento do dereito ás axudas.

f) Por falecemento ou declaración de falecemento da persoa beneficiaria, no caso das persoas tripulantes.

Artigo 24. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre algún dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderán anularse os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. No caso de que a persoa solicitante non cumpra cos requisitos exixidos ou cos requirimentos recibidos, e no prazo conferido para iso, estará obrigada a proceder ao reintegro da axuda nos termos regulamentariamente establecidos.

3. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 37 da Lei xeral de subvencións 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 25. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007,do 19 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei xeral de subvencións 38/2003, do 17 de novembro, no seu título IV.

Artigo 26. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

Artigo 27. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómica de Galicia, neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión da axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa interesada, ou representante, poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen interpoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 28. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n,15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico: sxt.mar@xunta.es .

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorizase á persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar