Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 51868

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito do Programa operativo de emprego xuvenil na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á convocatoria para o ano 2016.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 175/2015, de 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Economía, Emprego e Industria para o exercicio orzamentario 2016 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, da Estratexia española de activación para o emprego 2014-2016 e do Plan anual de política de emprego (PAPE), e no eido da colaboración institucional e do diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción, como neste caso o das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Para iso resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuír ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da nosa Comunidade Autónoma, á vez que se favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

As recomendacións da UE en materia de emprego van encamiñadas a que os estados membros deben, en aras a unha maior flexibilidade, descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local coa fin de lograr unha estratexia de acción común.

Para a Xunta de Galicia a situación de desemprego xuvenil constitúe una das súas principais preocupacións e o centro de atención das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil CCI2014ES05M9OP001, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, en particular:

– Eixe 5. Integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

– Prioridade de investimento 8.2. Integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, así como os mozos que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

– Obxectivo específico 8.2.4. Aumentar a contratación de carácter indefinido das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, a través da intermediación e dos incentivos económicos.

– Medida 8.2.4.2. Axudas ao emprego para a contratación de persoas mozas durante un período superior a seis meses.

De acordo co anterior, a presente orde é coherente coa normativa comunitaria no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados que ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios. Utilízase un baremo estándar de custo unitario, tomando como referencia a Orde ESS/974/2013, do 20 de maio, pola que se modifica a Orde do 19 de decembro de 1997, pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de subvencións públicas polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito de colaboración con órganos da Administración Xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, que contraten traballadores desempregados para a realización de obras e servizos de interese xeral e social.

Esta convocatoria de axudas e subvencións configúrase como programas de cooperación institucionais en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, dirixidos a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas de 18 ou máis anos, que non estean traballando nin estean participando en actuacións educativas ou formativas, inscritas na base de datos do Sistema de Garantía Xuvenil en España e que acrediten previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao Programa.

Co fin de dar cumprimento ao obxectivo desta convocatoria de axudas e subvencións de mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil, procurarase que as solicitudes presentadas estean orientadas ao censo existente das mesmas, primándose nos criterios de valoración ás entidades que soliciten a axuda para a contratación de persoas traballadoras en ocupacións nas que existan máis persoas inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Para iso, as oficinas de emprego facilitaranlle ás entidades interesadas información sobre a distribución xeográfica por ocupacións, de todas as persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que figuran na base de datos do Servizo Público de Emprego de Galicia, na data de publicación da presente orde.

Establécese o uso e a aplicación, de maneira exclusiva, de medios telemáticos de cara a tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta exixencia comporta a necesaria obtención por parte dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

Por outra banda, establécense unha serie de requisitos e condicionantes que tratan de obxectivar máis, se cabe, a tramitación e concesión das axudas. Así, introdúcense uns requisitos obxectivos, a partir de cuxo cumprimento se presume que as entidades solicitantes dispoñen da capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas e tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e do artigo 1.1º da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola do 25 de outubro de 2001, quedando a concesión da subvención sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitada e suficiente no momento da resolución, existindo crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 19 de outubro de 2015.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.41.322A.481.0 (2015 00569) por un importe global de 3.052.204 euros contida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

A información ou realización de trámites en relación con esta convocatoria facilitaranse a través da páxina web de garantía xuvenil no enlace http://garantiaxuvenil.xunta.es.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación durante sete meses de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.

2. Este programa ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas, que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas, de dezaoito ou máis anos, mediante a prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten as persoas participantes a realización dun traballo efectivo que procure a práctica profesional necesaria para a integración sostible no mercado de traballo.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados na aplicación 09.41.322A.481.0 (2015 00569) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, polo importe global de 3.052.204 euros.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde, estará supeditada á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 09.41.322A.481.0 (2015 00569), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016. Para os efectos do disposto no artigo 25.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 3.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para seren beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.

b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

3. Para os efectos do disposto na letra b) do número anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:

a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgaran a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.

c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador ou traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar as persoas contratadas, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.

Artigo 4. Requisitos dos servizos que se prestarán

Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade dos traballadores e traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que se presten ou executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a duración subvencionada dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 7 meses e a xornada a tempo completo.

Artigo 5. Subvención: contía

1. A subvención que percibirán as entidades beneficiarias por realizar as contratacións consistirá nunha contía por cada unha delas, calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social das persoas que se van contratar nos termos previstos nos seguintes puntos.

2. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ao resultado de multiplicar o número de persoas contratadas polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador ou traballadora que se contrate, conforme ao establecido no parágrafo seguinte, ou a cantidade prevista no convenio colectivo que resulte de aplicación, de ser esta inferior.

3. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes:

Módulo A: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a unha vez e media o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada nos grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11: 8.617,21 euros.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 9 ao 5, ambos inclusive: 11.489,61 euros.

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), vixente en cada ano, máis a parte proporcional das pagas extraordinarias –por importe, cada unha delas, dunha mensualidade do dito IPREM– e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos por cada persoa traballadora contratada dentro do grupo de cotización da Seguridade Social 4 ó 1, ambos inclusive: 17.234,42 euros.

A presente regulación é coherente coa normativa no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados e ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios.

4. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

5. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde, deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo figuran como anexos desta orde, que irán acompañados da documentación a que se fai referencia no artigo 7, que necesariamente deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de formalización electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios en formato: pdf, odt, ods, xls, docx, xisx, jpg, jpeg, png, tiff e bmp.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A información ou realización de trámites en relación con esta convocatoria facilitaranse a través da páxina web de garantía xuvenil.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

6. Só poderá presentarse unha solicitude por cada entidade. En caso de presentación de varias só se terá en conta a última presentada que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.

7. As entidades poderán consultar, na súa oficina de emprego e a través do seu orientador de garantía xuvenil, a distribución xeográfica por ocupacións de todas as persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil existentes na base de datos do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 7. Documentación

1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no número 2 do artigo seguinte, poderá ser identificada polo solicitante como información accesible de xeito que a Secretaría Xeral de Emprego poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante:

a) Copia do NIF da entidade solicitante. No caso de que se autorice a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade correspondente no formulario de solicitude, non será necesaria a súa achega.

b) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

c) Copia da escritura pública e/ou dos estatutos de constitución vixentes da entidade solicitante.

d) Memoria global dos servizos que se van realizar co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica como anexo II.

e) Certificación do secretario da entidade na cal consten os custos salariais dos traballadores que se pretenden contratar para a realización do proxecto para o que se solicita a subvención. Farase referencia expresa ao convenio colectivo que sexa de aplicación, e xuntaranse as táboas salariais vixentes ao momento da solicitude.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) A ausencia de ánimo de lucro.

c) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) O cumprimento dos requisitos previstos para obter a condición de entidade beneficiaria da subvención a que se refire o número 2 do artigo 3 da convocatoria, relativos á súa capacidade técnica e de xestión.

e) A súa capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da concesión da axuda.

f) A disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.

g) Que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego, logo de petición, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a presente declaración responsable.

h) Que as copias dos documentos sinalados nas letras a), e c) do número anterior coinciden cos orixinais e que se pon á disposición da Administración actuante para achegalos cando se lle requira.

3. Se do exame do expediente se comprobase que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a entidade interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos esixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Secretaría Xeral de Emprego e non se producisen modificacións no seu contido; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outro medio dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará na súa páxina web oficial e na web de garantía xuvenil a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Economía, Emprego e Industria/Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es.

Artigo 10. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Aqueles expedientes dos que nas primeiras fases non se formule proposta de resolución favorable á súa aprobación non se considerarán desestimados e teranse en consideración polo órgano instrutor en futuras propostas de concesión, de conformidade co informe da comisión de valoración.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá e, como vogais, polas persoas responsables da xefatura do Servizo de Programas de Cooperación e unha persoa adscrita ao dito servizo, que realizará as funcións de secretario/a.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

4. Dos proxectos presentados polas entidades que cumpran os requisitos sinalados no artigo 4 farase unha avaliación para o outorgamento da correspondente subvención, tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Os servizos de maior interese xeral e social, segundo os fins da entidade solicitante recollidos nos seus estatutos e en relación co contido do servizo que se vai realizar: ata 20 puntos.

• Entidades prestadoras de servizos en materia de discapacidade, risco de exclusión social, ou para maiores, familia e infancia, ou mulleres: 20 puntos.

• Entidades prestadoras de servizos dirixidos á xuventude: 15 puntos.

• Entidades prestadoras de servizos relacionados coa creación e mantemento do emprego: 10 puntos.

• Entidades de carácter cultural e deportivo: 5 puntos.

b) Servizos con maiores perspectivas de inserción laboral: ata 20 puntos. Entenderase como servizos con maior perspectiva de inserción laboral aqueles dirixidos á contratación de persoas beneficiarias en ocupacións nas que, no período de referencia, se producira un maior movemento contractual dos mozos no mercado de traballo galego. Valorarase segundo as ocupacións solicitadas pola entidade tendo en conta o número medio de contratados de ata 30 anos en Galicia, no período 2011-2014, rexistrados nos distintos grupos ocupacionais (CNO-4 díxitos).

• 1.000 ou máis contratados medios: 20 puntos.

• Desde 500 a 999 contratados medios: 16 puntos.

• Desde 300 a 499 contratados medios: 12 puntos.

• Desde 200 a 299 contratados medios: 8 puntos.

• Desde 130 a 199 contratados medios: 4 puntos.

c) Os proxectos presentados polas entidades cuxas solicitudes se axusten, na data de publicación da orde de convocatoria, ás ocupacións máis demandadas polas persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil existentes na base de datos do Servizo Público de Emprego de Galicia no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia: ata 20 puntos.

• 1.000 ou máis ocupacións solicitadas: 20 puntos.

• De 500 a 999 ocupacións solicitadas: 18 puntos.

• De 250 a 499 ocupacións solicitadas: 16 puntos.

• De 100 a 249 ocupacións solicitadas: 14 puntos.

• De 50 a 99 ocupacións solicitadas: 12 puntos.

• De 20 a 49 ocupacións solicitadas: 10 puntos.

• De 1 a 19 ocupacións solicitadas: 8 puntos.

Entenderase por ocupacións solicitadas o número de solicitudes que unha ocupación posúe na base de datos do Servizo Público de Emprego de Galicia, feitas polas persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil existentes na dita base de datos.

d) Que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal: ata 10 puntos.

• As entidades de ámbito autonómico: 10 puntos.

• As entidades de ámbito pluriprovincial: 7 puntos.

• As entidades de ámbito provincial: 5 puntos.

• As entidades de ámbito comarcal: 3 puntos.

• As entidades de ámbito municipal: 1 punto.

Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración dos proxectos.

5. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 70 puntos, co fin de realizar unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración anteriores e adxudicar, dentro do crédito dispoñible sinalado no artigo 2, aquelas que obtiveron maior valoración en aplicación dos citados criterios, concedéndose axudas para a contratación dunha persoa por cada entidade solicitante, e no caso de que existiran remanentes de crédito outorgarase unha adicional ás mellor valoradas.

Artigo 11. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo de resolución e notificación será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a referencia ao cofinanciamento do 91,89 % da axuda polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, a través do Programa operativo de Emprego Xuvenil, Eixe prioritario 5. Prioridade de investimento 8.2. Obxectivo específico 8.2.4. Medida 8.2.4.2., a data límite de realización de todas as contratacións, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento. Así mesmo, informaráselle de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica. Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás que quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes computado desde o día seguinte á súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras

1. Os traballadores e as traballadoras que sexan contratados para a realización dos servizos polos que se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas de 18 ou máis anos, inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

Ademais, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, para ser beneficiario desta medida, as persoas novas deberán manter o cumprimento do requisito de estar desempregadas e non ter traballado nos trinta días naturais anteriores á data da sinatura do contrato.

2. A selección das persoas a contratar polas entidades subvencionadas realizarase na forma que se estableza pola Secretaría Xeral de Emprego coa participación das persoas técnicas de orientación laboral do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil tendo en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación, priorizando aquelas persoas novas que non recibisen previamente atención por parte do sistema e aqueles que estean máis próximos a cumprir a idade máxima prevista no sistema, todos eles contemplados no artigo 105.3 da Lei 18/2014, do 15 de outubro.

3. Dentro das persoas previstas no parágrafo primeiro, terán preferencia, en todo caso, as persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia, ou que estean en situación de risco de exclusión social.

Artigo 13. Contratación dos traballadores e traballadoras

1. Efectuada a selección das persoas traballadoras, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, tendo en conta que os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2016.

2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego poderá autorizar o inicio dos servizos con posterioridade ao devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

4. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores e traballadoras seleccionados/as deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través do aplicativoCONTRAT@, agás no caso de entidades de menos de cinco traballadores, que poderán facelo a través deste aplicativo ou ben por escrito.

5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego deberán terse en conta os seguintes requisitos:

a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para ser beneficiarios destes programas.

b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou reintegro das axudas de conformidade co disposto no artigo 17.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención para a contratación das persoas traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social, formalizados e debidamente comunicados.

b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria, en que conste a realización da selección de acordo cos procedementos establecidos nesta orde e nas instrucións que a desenvolvan.

d) A declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

e) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo III.

f) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 16.2.I, facendo mención expresa ao cofinanciamento polo Fondo Social Europeo. Ademais, acreditación, no seu caso, do sitio de internet da entidade, no cal conste unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión.

g) Orixinais dos documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo, debidamente asinados.

h) Información dos indicadores de execución sobre as entidades e os participantes aos cales se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web do Programa de garantía xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es ).

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion-YEI

O cumprimento dos requisitos establecidos no punto 1 do artigo 12 comprobarase de oficio polo órgano concedente, e a súa acreditación se incorporará ao expediente

2. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitir á Secretaría Xeral de Emprego unha certificación acreditativa da súa recepción.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, mantendo no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada polo período de duración do contrato obxecto de subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) No caso de que se produza a extinción do contrato antes de que remate o período subvencionado procederase á devolución do remanente da subvención aboada e a entidade deberá remitir á Secretaría Xeral de Emprego o xustificante bancario do ingreso do mesmo na conta do Tesouro da Xunta de Galicia. O Servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego realizará de oficio a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as relativas ás verificacións que podan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do Fondo Social Europeo, e ás que poidan corresponder á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

g) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria aquelas modificacións que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras e traballadores contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

h) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo establecido na resolución concedente da subvención, unha declaración responsable de que a actividade que vaian desenvolver as persoas traballadoras contratadas está destinada á prestación de servizos de interese xeral e social de conformidade cos fins recollidos na escritura pública e/ou estatutos de constitución da entidade beneficiaria da subvención e en relación co contido do servizo que se vai realizar.

i) Presentar ante a Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo de 15 días desde a finalización do contrato subvencionado, unha memoria final, que deberá conter, como mínimo, a descrición do servizo subvencionado especificando as actuacións realizadas, o nome, perfil profesional, categoría profesional pola que se contratou aos traballadores subvencionados,e a práctica profesional adquirida polos mesmos, a data de inicio e de fin do contrato, asinada tanto polo traballador como polo responsable da entidade.

j) As entidades beneficiarias deberán proporcionarlle ao persoal contratado tarxetas identificativas do servizo subvencionado, no modelo que estableza a Secretaría Xeral de Emprego e que se publicará na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/carteis-informativos-programas-de-cooperacion, no cal constará a colaboración da consellería e mais o cofinanciamento polo FSE e a súa inclusión no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. O persoal contratado deberá levalas consigo cando estea a realizar a actividade obxecto da subvención.

k) Respectar as normas de subvencionalidade do gasto financiado polo FSE, reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro de 2013 e o artigo 13 do Regulamento (UE) 1304/2013, do 17 de decembro de 2013, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

l) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE e a Iniciativa de Garantía Xuvenil, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

m) No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención, os indicadores de resultado inmediatos a que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice este mantemento, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. A información obtida será posta en coñecemento da rede de técnicos de orientación laboral específicos do Servizo Público de Emprego de Galicia, polo mecanismo de coordinación que se determine, para os efectos dun mellor cumprimento dos obxectivos do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Artigo 16. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo: seguimento

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE e a Iniciativa de Garantía Xuvenil, ao abeiro do Programa operativo de emprego xuvenil para o período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde a entidade beneficiaria deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

I. Relacionadas coas medidas de información e publicidade: cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013.

No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Emprego na web institucional da Xunta de Galicia no enlace http://traballo.xunta.es/carteis-informativos-programas-de-cooperacion, no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego, polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil.

Ademais, durante este tempo, de dispoñer a entidade dun sitio de internet, deberá realizar unha breve descrición da operación, cos seus obxectivos e resultados, destacando o apoio financeiro da Unión.

II. Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención polo Fondo Social Europeo no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia no enlace: http://traballo.xunta.es/programas-de-cooperacion.

III. Relacionadas cos sistemas de xestión e control e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma:

a) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as relativas ás verificacións que podan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do Fondo Social Europeo, e ás que poidan corresponder á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

IV. Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello de 17 de decembro de 2013 relativo ao Fondo Social Europeo.

3. O servizo de Programas de Cooperación da Secretaría Xeral de Emprego realizará de oficio a efectos de seguimento das axudas, a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas, deixando constancia documental do seu cumprimento no expediente.

Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe a reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións esixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 14.1: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

d) O retraso no cumprimento da obriga de satisfacer ao seu vencemento, con independencia do cobro da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial: reintegro do 10 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 16.2.I: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) As renuncias/abandonos dos traballadores contratados debidamente documentados serán causa de reintegro do gasto subvencionable, proporcional ao número de días deixados de realizar.

g) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

h) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria