Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 28 de decembro de 2015 Páx. 48298

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 184/2015, do 23 de decembro, polo que se modifica o Decreto 196/2010, do 25 de novembro, polo que se aproba a planificación das autorizacións de explotación de máquinas de tipo B na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á nosa Comunidade Autónoma, no seu artigo 27.27, a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas, con exclusión das apostas mutuas deportivo-benéficas. En virtude de tal atribución aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que no seu artigo 22.b) outorga ao Consello da Xunta a competencia para planificar os xogos e apostas na Comunidade Autónoma de Galicia e nos seus artigos 6 e 19 suxeita a explotación de máquinas de xogo á necesidade da obtención dunha autorización administrativa previa.

No Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, estableceuse, na súa disposición adicional segunda, a prohibición de conceder autorizacións de explotación de máquinas recreativas de tipo B, salvo que se trate da modificación dunha autorización xa existente polo procedemento de cambio do artigo 47 do citado regulamento, coa data límite do 31 de decembro de 2010, comprometéndose a Administración competente, antes da finalización de dito prazo, á súa planificación.

En cumprimento de dito compromiso aprobouse o Decreto 196/2010, do 25 de novembro, que fixou o número máximo de autorizacións de explotación de máquinas de tipo B en 13.312 e que fixou para a planificación nel acometida un período de vixencia de cinco anos a partir da súa entrada en vigor. Tendo en conta que na disposición final do referido decreto se establecía que este entraría en vigor o 1 de xaneiro de 2011, aquel período de vixencia finalizaría con data do 1 de xaneiro de 2016.

A referida continxentación baseouse na necesidade de planificar o xogo tendo en conta a súa realidade, incidencia social, repercusións económicas e tributarias así como o non fomento do seu hábito xa que a autorización sen control deste tipo de máquinas podía prexudicar o equilibrio deste xogo e propiciar un aumento das condutas de ludopatía. A dita necesidade de planificar o xogo en xeral e a explotación de máquinas recreativas de tipo B en particular segue existindo na actualidade polo que segue resultando imprescindible contar cunha planificación deste tipo de máquinas que permita racionalizar a súa oferta.

Unha planificación na explotación de máquinas recreativas de tipo B ven exixida por razóns imperiosas de interese xeral particularizadas no feito de que se considera imprescindible limitar o número de máquinas recreativas que se poden explotar simultaneamente para garantir a seguridade e saúde das persoas consumidoras e usuarias.

En efecto, motivacións de orde pública exixen a adecuada protección dos usuarios fronte á incidencia social do xogo e a adopción de medidas para previr condutas de ludopatía, sendo o control administrativo sobre a explotación deste tipo de máquinas a ferramenta máis idónea e eficaz para impedir o acceso a este tipo de xogos tanto ás persoas menores de idade como ás persoas discapacitadas e especialmente vulnerables.

Neste sentido, cómpre destacar que esta liña de control é a sostida pola nosa Comunidade Autónoma en todas as actividades do xogo dado seu potencial impacto nos sectores de poboación anteriormente referidos. Así se pode ver, por exemplo, no feito de que estea limitado o número de máquinas de tipo B que se poden instalar en establecementos de hostalaría e análogos (artigo 11 da Lei 14/1985, do 23 de outubro) ou o número máximo de máquinas auxiliares de apostas que se poden instalar en locais de hostalaría e análogos (disposición adicional primeira do Decreto 162/2012, do 7 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia).

Para maior abundancia cómpre destacar que a planificación na concesión de autorizacións de máquinas de tipo B é unha medida empregada pola maioría das comunidades autónomas e así contan con idénticos instrumentos, ademais da nosa comunidade, as comunidades de Asturias, Cantabria, Castilla-León, Castilla-La Mancha, Cataluña, La Rioja, Murcia, País Vasco e a Comunidade Valenciana.

Polo tanto, e ante a imposibilidade de adoptar outra medida que garanta eficazmente a satisfacción dos obxectivos anteriormente referidos, resulta aconsellable manter a mesma planificación mediante a ampliación do seu período de vixencia por un lapso de tempo idéntico ao inicialmente previsto, é dicir, por outros cinco anos. Esta extensión permitirá contar cun período que será o suficientemente amplo como para observar unha evolución dos acontecementos que garanta unha análise acertada e adecuada ao obxectivo de prestación dos intereses xerais da sociedade e das persoas consumidoras e usuarias e transcorrido o cal se poida facer unha valoración razoable e obxectiva das necesidades existentes.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión de Xogo de Galicia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 196/2010, do 25 de novembro polo que se aproba a planificación das autorizacións de explotación de máquinas de tipo B na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. O artigo 1 queda redactado como segue:

«Artigo 1. Obxecto, ámbito de aplicación e vixencia

1. É obxecto deste decreto a planificación das autorizacións de explotación de máquinas de tipo B, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

2. A dita planificación non será de aplicación ás máquinas que se integren noutras clasificacións ou que a normativa vixente declare como excluídas.

3. O prazo de duración desta planificación é de dez anos, prazo que comezará a computar a partir do día seguinte ao do cumprimento íntegro do prazo fixado na disposición adicional segunda do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, que é o 31 de decembro de 2010».

Dous. A disposición final queda redactada como segue:

«Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2011 e terá unha vixencia de dez anos».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza