Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 7 de decembro de 2015 Páx. 46029

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución da estación de regulación e medida (ERM) e extensión de rede no termo municipal de Xove (Lugo), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/12-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 12.4.2012, esta dirección xeral ditou resolución pola cal se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Xove, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2011/4-0), que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (24.8.2012) e no Boletín Oficial da provincia de Lugo (27.8.2012).

Segundo. O 21.2.2013, esta dirección xeral ditou resolución pola cal se aprobou o proxecto de execución correspondente á rede de distribución de gas natural no termo municipal de Xove (expediente IN627A 2012/21-0).

Terceiro. O 23.7.2013, esta dirección xeral ditou resolución pola cal se outorgou a autorización administrativa e se aprobou o proxecto de execución denominado planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural líquido para subministración en Xove (Lugo) (expediente IN627A 2012/19-0), que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (1.10.2013) e no Boletín Oficial da provincia de Lugo (12.9.2013).

O 31.3.2015, Gas Galicia SDG, S.A. presentou escrito no cal fai constar a súa renuncia ás obras da planta de GNL por ter prevista a subministración á rede de gas natural de Xove desde o gasoduto de transporte básico da Mariña luguesa.

O 18.5.2015, esta dirección xeral ditou resolución pola cal se acepta a renuncia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., se declara concluso o procedemento, se procede ao arquivamento das actuacións e se cancela o correspondente aval en relación co expediente IN627A/19-0.

Cuarto. O 18.5.2015, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e o recoñecemento da utilidade pública do proxecto de instalacións Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e extensión da rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao núcleo urbano de Xove (Lugo).

Quinto. Esta dirección xeral trasladou as separatas técnicas do citado proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, co obxecto de obter a súa conformidade, oposición ou reparos para a súa aprobación. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta (da cal se deu traslado ao promotor para obter a súa conformidade):

Entidade

Resposta

1

Deputación Provincial de Lugo

Condicionado sobre canalizacións de gas do 27.8.2015

2

Concello de Xove

Informe favorable

3

Axencia Galega de Infraestruturas-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Enténdese favorable por non recibirse informe

O 27.10.2015, Gas Galicia SDG, S.A. mostrou conformidade co informe da Deputación Provincial de Lugo.

Sexto. O 21.7.2015, esta dirección xeral ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación de proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e extensión da rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural ao núcleo urbano de Xove (Lugo) promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/12-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10.9.2015, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 22.8.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 19.8.2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Xove durante vinte días.

Sétimo. O 23.7.2015, esta dirección xeral notificou a relación de predios afectados aos seus titulares.

Gas Galicia SDG, S.A. chegou a acordos mutuos cos titulares das parcelas 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9, e renunciou ao recoñecemento de utilidade pública da parcela número 10.

Gas Galicia SDG, S.A. manifesta que a canalización de gas proxectada discorre por un camiño existente de serventía de acceso a parcelas dun largo mínimo de 3 metros. Este camiño discorre por terreos que forman parte da parcela número 9.

A superficie afectada pola servidume de paso (franxa de 3 metros de largo, 1,5 metros a cada lado do eixe da tubaxe) non excederá os límites deste camiño.

Oitavo. O 27.10.2015, a Xefatura Territorial de Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Tendo en conta o exposto no antecedente de feito sétimo, a parcela 10 queda desafectada.

Terceiro. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación Estación de regulación e medida (ERM) MOP 16/4 e extensión da rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural en Xove (Lugo) que promove a empresa Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 1.333,05 euros, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Cuarta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá expedila, logo das comprobacións técnicas que considere oportunas. Previamente ao levantamento da acta de posta en marcha, a xefatura territorial solicitará á empresa promotora os ensaios e probas oportunas, así como o certificado de dirección e remate de obra, no cal conste que a construción e montaxe das instalacións se efectuaron de acordo cos proxectos correspondentes, acreditando, así mesmo, expresamente, o cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias de aplicación.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data na cal a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así se prevexa.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor, de ser o caso, recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas