Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 4 de decembro de 2015 Páx. 45869

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Sanxenxo

ANUNCIO da contratación da subministración eléctrica aos edificios e instalacións públicas do Concello e do seu organismo autónomo Terra de Sanxenxo.

Aprobados os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexen a contratación da subministración de enerxía eléctrica aos edificios e instalacións públicas do Concello de Sanxenxo e do seu organismo autónomo Terra de Sanxenxo, anúnciase a convocatoria para a súa contratación.

1. Obxecto: a contratación da subministración de enerxía eléctrica aos edificios e instalacións públicas do Concello de Sanxenxo e do seu organismo autónomo Terra de Sanxenxo.

2. Duración do contrato: máxima de dous (2) anos.

3. Prezo de licitación: o orzamento máximo de licitación por dous (2) anos, con IVE, é de 1.069.532,11 euros. Prevese unha modificación do orzamento máximo de licitación pola incorporación de novos puntos de subministración, que pode alcanzar ata un 10 % do prezo total do contrato. A dita modificación co IVE ascendería a 106.953,21 euros.

4. Procedemento e tramitación: a adxudicación realizarase mediante tramitación ordinaria e procedemento aberto.

5. Clasificación: non se exixe.

6. Solvencias:

a) Económico-financeira: acreditarase mediante a presentación, por parte do licitador dunha declaración do volume de negocios, no eido do contrato, referido aos tres (3) últimos exercicios, por importe igual ou superior a 1.176.485,32 euros con IVE.

b) Técnico-profesional: acreditarase mediante a presentación, por parte do licitador, dunha relación das subministracións de enerxía eléctrica durante os últimos cinco (5) anos, por un importe igual ou superior a 3.529.455,96 euros, con IVE, indicando o seu importe, datas e o seu destinatario público ou privado. As subministracións acreditaranse mediante certificacións expedidas ou visadas polo órgano competente, cando o destinatario sexa unha entidade do sector público, ou, cando o destinatario sexa un comprador privado, mediante unha certificación expedida por este ou, na falta desta certificación, mediante unha declaración do empresario.

Tamén será necesario acreditar que o licitador está na listaxe de comercializadores no mercado libre publicado pola Comisión Nacional da Enerxía.

7. Criterios de adxudicación. Oferta económica: expresarase nunha cantidade en céntimos de euro con catro decimais para cada unha das tarifas que se sinalan no anexo II do prego de prescricións técnicas, que non poderá ser superior ás cantidades que se fixan no citado anexo. As cantidades non inclúen peaxes, nin o imposto eléctrico, nin o IVE.

8. Mesa de contratación: constituída o 22 de outubro de 2015 por Resolución da Alcaldía, de acordo co sinalado na cláusula 10ª dos pregos respectivos.

9. Garantías: garantía definitiva do 5 % do importe do orzamento máximo de licitación durante a duración total do contrato (883.910,83 euros), excluído o IVE.

10. Lugar e prazo de presentación de ofertas: as proposicións presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Sanxenxo, das 9.00 ás 14.00 horas, excepto o sábado, que será das 9.00 ás 13.00 horas, dentro do prazo de corenta (40) días naturais, contados desde a data de envío do anuncio de licitación á Comisión Europea, para a súa publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE). Tamén será publicado no Boletín Oficial del Estado (BOE), Diario Oficial de Galicia (DOG) e Boletín Oficial da provincia (BOP) cunha antelación mínima non inferior a quince días (15) naturais á data de finalización do prazo de presentación de proposicións, que, no caso de rematar en festivo ou sábado se ampliará ao seguinte día hábil. O anuncio tamén será publicado no perfil do contratante da páxina web do Concello de Sanxenxo.

11. Entidade e información: Concello de Sanxenxo, Sección de Contratación. Teléfono: 986 72 00 75. A documentación recollerase no Concello de Sanxenxo e a través da web
www.sanxenxo.es. Perfil do contratante.

Sanxenxo, 13 de novembro de 2015

Gonzalo Gonzalo Pita
Alcalde presidente