Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 30 de novembro de 2015 Páx. 45052

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de novembro de 2015 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Elisa Abalo.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Elisa Abalo, con domicilio no lugar de Casal número 4, en Lantaño, Portas (Pontevedra).

Feitos:

1. Cristina María Morquillas Abalo, vogal do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Elisa Abalo foi constituída en escritura pública outorgada en Caldas de Reis (Pontevedra) o 11 de setembro de 2015, ante o notario José María Graíño Ordóñez, co número de protocolo 1.441, por María Elisa Abalo Méndez, Carlos Méndez-Losada Abalo, Ana Isabel Morquillas Abalo, María Elisa Morquillas Abalo, Begoña Morquillas Abalo e Cristina María Morquillas Abalo, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten dous obxectivos principais: o primeiro, de carácter social, mediante o apoio a nenos desfavorecidos, e o segundo, de carácter cultural, a través da promoción e difusión da arte e da cultura en xeral e a divulgación, conservación e estudo da obra de Elisa Abalo.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María Elisa Abalo Méndez como presidenta; Carlos Méndez-Losada Abalo como vicepresidente; Begoña Morquillas Abalo como secretaria; e María Elisa Morquillas Abalo, Ana Isabel Morquillas Abalo e Cristina María Morquillas Abalo como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Elisa Abalo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 3 de novembro de 2015,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Elisa Abalo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódese interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza