Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Mércores, 25 de novembro de 2015 Páx. 44513

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

ORDE do 10 de novembro de 2015 pola que se regula o procedemento para a emisión do informe sobre o esforzo de integración da persoa estranxeira no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, establece no artigo 2 que as administracións públicas incorporarán o obxectivo da integración entre inmigrantes e a sociedade receptora, con carácter transversal a todas as políticas e servizos públicos, promovendo a participación económica, social, cultural e política das persoas inmigrantes, nos termos previstos na Constitución, nos estatutos de autonomía e nas demais leis, en condicións de igualdade de trato.

Especialmente procurarán, mediante accións formativas, o coñecemento e respecto dos valores constitucionais e estatutarios de España, dos valores da Unión Europea, así como dos dereitos humanos, das liberdades públicas, a democracia, a tolerancia e a igualdade entre mulleres e homes, e desenvolverán medidas específicas para favorecer a incorporación ao sistema educativo, garantindo, en todo caso, a escolarización na idade obrigatoria, a aprendizaxe do conxunto das linguas oficiais e o acceso ao emprego como factores esenciais de integración.

De conformidade co establecido no punto sétimo do artigo 31 da antedita Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, que regula a situación de residencia temporal, para os efectos da dita renovación, avaliarase especialmente o esforzo de integración da persoa estranxeira que aconselle a súa renovación, acreditado mediante un informe positivo da comunidade autónoma que certifique a asistencia ás accións formativas recollidas no artigo 2 ter da dita lei.

En desenvolvemento do anterior, o Real decreto 557/2011, do 20 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración, sinala que o esforzo de integración poderá ser alegado pola persoa estranxeira como información para avaliar no caso de non acreditar o cumprimento dalgún dos requisitos establecidos nos procedementos para a renovación da autorización de residencia temporal non lucrativa, de residencia temporal por reagrupación familiar, de residencia temporal e traballo por conta allea e residencia temporal e traballo por conta propia, reguladas nos artigos 51.6, 61.7, 71.6 e 109.6, respectivamente.

O informe de integración autonómico é un documento que a persoa estranxeira pode achegar no marco dos procedementos de renovación das autorizacións antes indicados e no que se acredita o esforzo de integración, que pode ser alegado como información avaliable no caso de non xustificar algún dos requisitos previstos nos referidos procedementos.

Neste sentido, non é preceptivo presentalo para a admisión a trámite do procedemento de renovación da autorización.

Segundo sinala a normativa estatal citada, este informe terá como contido mínimo a certificación, se é o caso, da participación activa da persoa estranxeira en accións formativas destinadas ao coñecemento e respecto dos valores constitucionais de España, dos valores estatutarios da comunidade autónoma onde resida, dos valores da Unión Europea, dos dereitos humanos, as liberdades públicas, a democracia, a tolerancia e a igualdade entre mulleres e homes, así como á aprendizaxe das linguas oficiais do lugar de residencia. A certificación fará expresa mención ao tempo de formación dedicado aos ámbitos sinalados.

Non obstante, considérase adecuado engadir a este contido mínimo, a valoración doutros aspectos que garden relación directa co esforzo de integración da persoa estranxeira, tales como a participación en actividades de formación laboral tendentes a mellora na cualificación profesional e tamén a participación en programas de inclusión social ou sociolaboral.

Con este marco normativo faise necesario establecer o procedemento para a emisión dos informes de esforzo de integración, así como determinar o contido mínimo das accións formativas e entidades que poden impartila.

Correspóndelle á consellería competente en materia de política social a través da dirección xeral competente en materia de inclusión social o impulso e deseño, a coordinación, a avaliación e a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de inmigración, de conformidade co disposto no artigo 8 e a disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

O proxecto foi informado polos órganos competentes en materia de avaliación e reforma administrativa. Así mesmo, foi informado polo Consello Galego de Benestar Social e publicado na páxina web da consellería competente en materia de política social.

Por iso, de acordo co establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento para a emisión dos informes de esforzo de integración da persoa estranxeira en Galicia, así como determinar, para os efectos da dita emisión, o contido mínimo das accións formativas e as entidades que poden impartir esta formación, de acordo co establecido no artigo 31.7 da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social.

Artigo 2. Finalidade

O informe de esforzo de integración poderá ser alegado pola persoa estranxeira como información valorable polas oficinas de Estranxeiría no caso de non acreditar o cumprimento dalgún dos requisitos previstos na lexislación estatal en materia de estranxeiría para a renovación da autorización de residencia temporal non lucrativa, residencia temporal por reagrupamento familiar, residencia temporal e traballo por conta allea ou residencia temporal e traballo por conta propia.

Artigo 3. Persoas destinatarias

Poderán solicitar a emisión dun informe sobre esforzo de integración as persoas estranxeiras que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar empadroadas nalgún concello de Galicia no momento da solicitude.

b) Ter autorización de residencia temporal no momento da solicitude e atoparse dentro do prazo previsto para a súa renovación.

c) Ter participado en accións formativas destinadas ao coñecemento e respecto dos valores constitucionais de España, dos valores estatutarios da Comunidade Autónoma de Galicia, dos valores da Unión Europea, dos dereitos humanos, as liberdades públicas, a democracia, a tolerancia e da igualdade entre mulleres e homes, así como á aprendizaxe das linguas oficiais do lugar de residencia impartidas por entidades públicas ou por entidades privadas consonte o establecido nos artigos seguintes.

Artigo 4. Actividades formativas

1. Para os efectos da presente orde, terán a consideración de accións formativas as seguintes:

a) Coñecemento e respecto dos valores constitucionais de España.

b) Coñecemento e respecto dos valores estatutarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Coñecemento e respecto dos valores da Unión Europea.

d) Coñecemento e respecto dos dereitos humanos, liberdades públicas, democracia e tolerancia.

e) Coñecemento e respecto da igualdade entre mulleres e homes.

f) Aprendizaxe das linguas oficiais, galego e castelán.

2. Tamén poderán terse en conta outras accións de formación para o emprego impartidas polos servizos públicos de emprego e formación ou por entidades inscritas no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego do órgano competente en materia de Emprego, así como a participación en programas de inclusión socio-laboral que recibiran financiamento da comunidade autónoma ou a participación en actividades de carácter social debidamente acreditadas.

Artigo 5. Duración das actividades formativas

1. Como mínimo exixirase ter realizado cursos por un cómputo global de 40 horas, das cales 20 terán que ser necesariamente en cando menos 3 das materias especificadas no punto 1 do artigo 4.

2. Para os efectos da presente orde, terase en conta a participación activa nas accións formativas e non o grao de superación das probas que se puidesen ter realizado.

Artigo 6. Entidades acreditadas para impartir a formación

Para os efectos desta orde, enténdense acreditadas para impartir a formación establecida no artigo anterior, de conformidade coa súa norma reguladora de aplicación, as seguintes entidades:

1. Públicas.

a) Entidades locais.

b) Universidades.

c) Centros educativos que impartan ensinanzas de idiomas de réxime especial e centros autorizados para impartir educación de persoas a adultas.

d) Servizos públicos de emprego.

2. Privadas.

a) Entidades inscritas no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego, regulado polo Decreto 106/2011, do 19 de marzo, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar e se regula o procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Entidades de iniciativa social que cumpran os seguintes requisitos:

1º. Que se atopen inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.

2º. Que os seus estatutos teñan como ámbito de actuación a integración do colectivo de persoas inmigrantes e /ou a atención a persoas en risco ou situación de exclusión social.

c) Centros educativos autorizados para impartir educación de persoas adultas.

A Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de política social, poderá impartir a formación establecida no artigo 4, no caso de que se considerara axeitado para garantir unha oferta adecuada no territorio da comunidade autónoma.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes de informe de esforzo de integración estará aberto todo o ano.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación, que deberá ser orixinal ou fotocopia compulsada:

a) Tarxeta de identidade de estranxeiro/a da persoa solicitante (TIE), no caso de que non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Certificado de empadroamento, no caso de que non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) Documentación acreditativa da realización das accións formativas relacionadas no artigo 4.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 10. Tramitación

1. Unha vez recibidas as solicitudes, o servizo competente en materia de inmigración da dirección xeral competente en materia de inclusión social procederá á comprobación da documentación recibida. Se esta non estivese completa procederá a requirir a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O órgano competente poderá realizar cantas actuacións considere convenientes para a comprobación dos datos da solicitude.

3. No caso de que as accións formativas alegadas foran realizadas noutra comunidade autónoma recadarase a información necesaria respecto da acreditación das entidades que a impartiron.

Artigo 11. Emisión do informe

1. Será competente para a emisión do informe favorable de esforzo de integración a persoa titular da dirección xeral competente en materia de inclusión social. Só se emitirán informes favorables se da documentación achegada non se acreditase o esforzo de integración, comunicarase tal circunstancia de forma motivada á persoa solicitante.

2. O informe deberá emitirse no prazo máximo de tres meses contados desde a entrada da solicitude. Se vencer o prazo máximo sen ter emitido informe, os/as interesados/as entenderán que non se ten por acreditado o esforzo de integración.

Artigo 12. Contido do informe

O informe conterá os seguintes datos:

a) Nome e NIE da persoa estranxeira sobre quen se emite informe.

b) Data de emisión do informe.

c) Órgano que emite o informe.

d) Entidade que impartiu a acción formativa. Se son varias terá que indicarse que accións formativas desenvolveu cada unha. No caso de entidades privadas, indicarase que se trata dunha entidade acreditada de conformidade coa súa norma de aplicación.

e) Información sobre cada acción formativa con expresión do número de horas totais da acción formativa, e horas de aproveitamento.

f) Valoración positiva.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Xestión de servizos sociais cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de política social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de política social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social. Secretaría Xeral Técnica. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a:
sxt.politicasocial@xunta.es

Disposición adicional única. Formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes, será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de inclusión social para ditar os actos e as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2015

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file