Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Venres, 20 de novembro de 2015 Páx. 44037

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 10 de novembro de 2015 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado da obra de enlace no p.q. 70 da AP-9 coa cidade de Santiago de Compostela e a Cidade da Cultura de Galicia (clave AC/10/071.00).

Con data do 9 de novembro de 2015, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. Segundo o informe do 28 de xullo de 2011 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, non é necesario someter o referido proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Segundo. Con data do 23 de febreiro de 2012 aprobouse provisionalmente, por resolución da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, o proxecto de trazado da obra de enlace no p.q. 70 da AP-9 coa cidade de Santiago de Compostela, e da Cidade da Cultura de Galicia, de clave AC/10/071.00.

Terceiro. Con data do 22 de marzo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia (nº 57) a Resolución do 6 de marzo de 2012 pola que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de trazado da obra de enlace no p.q. 70 da AP-9 coa cidade de Santiago de Compostela, e da Cidade da Cultura de Galicia, de clave AC/10/071.00, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados, consonte o determinado no artigo 15.1 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Cuarto. Con data do 29 de setembro de 2015 recíbese informe do Ministerio de Fomento, no referente á súa afección á Rede de estradas do Estado, do cal se deduce que se coordinarán as actuacións coas obras de ampliación da AP-9 no treito Santiago Norte-Santiago Sur, ao tratarse dunha obra incluída nos orzamentos xerais do Estado para o ano 2015.

Quinto. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións que foron remitidas á dirección do estudo para a súa valoración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que será preceptivo o sometemento dos estudos informativos ou, se for o caso, dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Construción de novas estradas ou treitos destas que non estivesen previstas no planeamento urbanístico municipal.

b) Modificacións substanciais de estradas existentes que afecten de xeito significativo o planeamento urbanístico municipal.

No punto 3 dese artigo establécese que, simultaneamente coa información pública, o estudo ou proxecto se someterán ao informe, en materia de estradas, das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación, para que examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informe sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitan informe, entenderase que mostran a súa conformidade co trazado proposto.

Segundo. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais normas vixentes de aplicación.

Por todo o exposto, e após a análise efectuada das alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado da obra de enlace no p.q. 70 da AP-9 coa cidade de Santiago de Compostela, e da Cidade da Cultura de Galicia, de clave AC/10/071.00, tendo en conta as seguintes consideracións:

1. Terase en consideración o informe emitido polo Ministerio de Fomento e coordinaranse as actuacións coas obras de ampliación da AP-9 no treito Santiago Norte-Santiago Sur, ao tratarse dunha obra incluída nos orzamentos xerais do Estado para o ano 2015. Trátase de optimizar a solución construtiva proposta no proxecto de trazado, reconfigurando o enlace proxectado e modificando a tipoloxía de enlace inicial tipo trompeta a un enlace tipo pesas.

2. Terase en consideración o informe emitido polo Concello de Santiago de Compostela e adaptarase o trazado ao definido no Plan sectorial da rede viaria de Santiago, Ames e Teo, aprobado definitivamente o 24 de xullo de 2003.

3. O movemento de entrada a Santiago desde o norte conectarase coa rotonda norte, existente na Cidade da Cultura, e o resto de movementos canalizaranse a través da rotonda sur, tamén existente. As rotondas adaptaranse ao necesario para optimizar as conexións e a funcionalidade cos tráficos previstos.

4. Deseñaranse con detalle todos os camiños de servizo, de xeito que ningunha parcela quede sen accesos como consecuencia da construción da nova vía. Minimizarase o seu impacto nos terreos veciños, evitando a súa execución onde non sexan estritamente necesarios ou melloren de xeito significativo a conectividade da rede de camiños existente.

5. Completarase a identificación dos servizos afectados, coa información subministrada, tentando de xeito preferente evitar a afección ao servizo existente e, de non ser isto posible, procedendo á súa reposición. Se tampouco for posible a reposición do servizo, considerarase este como un dereito real afectado pola execución das obras e procederíase a avaliar a indemnización correspondente.

6. Corrixiranse os erros detectados nos datos relativos á titularidade, límites e bes dos predios afectados pola construción da obra, tanto nos planos parcelarios como nos listados de titulares e de bens e dereitos afectados.

7. Todas as recomendacións expostas polos diferentes organismos que emitiron informe teranse en conta nas fases posteriores.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2015

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas