Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 19 de novembro de 2015 Páx. 43744

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

DECRETO 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

O Decreto 116/2015, do 4 de outubro, fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, respectivamente, atendendo aos criterios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Atendendo principalmente ás modificacións practicadas nesa estrutura, procede ao mesmo tempo determinar a estrutura orgánica e funcional necesaria para o cumprimento das funcións que se lle atribúen á Consellería do Mar, respectando os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que sempre deben presidir a actuación e a organización administrativa, así como os compromisos de austeridade e eficiencia asumidos polo Goberno galego.

O decreto introduce como principais novidades unha reorganización das unidades administrativas dependentes da Secretaría Xeral Técnica, así como a asignación de competencias, tras a desaparición da Secretaría Xeral do Mar, á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e a creación das xefaturas territoriais con sede na Coruña, Celeiro e Vigo, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial das delegacións territoriais nas cales se integren, salvo a Xefatura Territorial de Vigo, que desenvolverá as súas funcións no ámbito territorial de toda a provincia.

En consecuencia, procede agora aprobar a estrutura orgánica da Consellería do Mar tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Mar, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Competencias

A Consellería do Mar é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/as profesionais do sector, industrias pesqueiras e conserveiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que poidan corresponderlles aos outros organismos da Comunidade Autónoma.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

1. Para o exercicio das súas funcións, a Consellería do Mar estrutúrase nos seguintes órganos:

O/a conselleiro/a.

a) A Secretaría Xeral Técnica.

b) A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

c) A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2. Quedan adscritas a esta Consellería as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico:

a) O ente público Portos de Galicia.

b) O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

TÍTULO II

Servizos centrais

CAPÍTULO I

O/a conselleiro/a

Artigo 3. O/a conselleiro/a

1. O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

2. Con dependencia directa do/a conselleiro/a está a Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia á cal lle corresponden:

– A coordinación das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.

– A elaboración do plan de continxencias por contaminación mariña accidental.

– A prevención da contaminación mariña.

– As funcións de programación, planificación e control das accións de vixilancia e inspección, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia, tanto no sector extractivo como nos centros de comercialización e establecementos de produción, transformación e consumo, así como no transporte dos produtos en xeral.

– Cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia.

3. A Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia estrutúrase nas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Protección de Recursos, ao cal lle corresponde a coordinación, organización e seguimento dos medios materiais e persoais do Servizo de Gardacostas de Galicia; o control dos partes, actas, informes, incidentes e demais actuacións do Servizo de Gardacostas de Galicia e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia.

3.2. Servizo de Busca, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación, ao cal lle corresponde a coordinación das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña; a elaboración do plan de continxencias por contaminación mariña accidental; a planificación de actividades de prevención da contaminación mariña e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola persoa titular da Consellería.

3.3. Servizo de Inspección e Control dos Recursos, ao cal lle corresponde, sen prexuízo das competencias propias doutros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o fomento e a protección da saúde pública, da seguridade ao longo da cadea alimentaria e, en especial, da fauna silvestre e do propio ambiente, das producións e dos recursos xenéticos dos animais acuáticos; a sanidade de animais acuáticos e establecementos de acuicultura; a protección de recursos, especialmente no que atinxe a tamaños mínimos, zonas e épocas de veda e topes de captura; o control da cadea alimentaria, tanto na produción primaria como na transformación, no almacenamento e na distribución; a inspección en lonxas, puntos de control e establecementos autorizados para efectuar primeiras vendas dos produtos do mar; control do transporte de especies mariñas, establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura; o control da comercialización dos produtos do mar, peixarías e establecementos autorizados para a venda destes produtos; e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola persoa titular da Consellería.

CAPÍTULO II

Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Secretaría Xeral Técnica

Artigo 4. Atribucións

A Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e todas aquelas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Consellería.

Artigo 5. Estrutura

1. A Secretaría Xeral Técnica conta, para o exercicio das súas funcións, coas seguintes unidades baixo a súa dependencia orgánica e funcional:

– Vicesecretaría Xeral.

– Subdirección Xeral de Coordinación Orzamentaria e Contratación.

2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, desenvolverá as funcións previstas no artigo 13.2 do dito decreto en relación coas súas respectivas áreas funcionais e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 2ª. Vicesecretaría Xeral

Artigo 6. Funcións e estrutura

1. A Vicesecretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, todas aquelas que lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral Técnica e, en particular, o apoio técnico á Secretaría Xeral Técnica coordinando, de acordo coas súas instrucións, as unidades integrantes do órgano, así como os organismos e entidades dependentes da Consellería; realización de estudos e informes na materia competencia do departamento e no relativo á estruturación e mellora da xestión; a substitución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante; a organización da documentación procedente do Rexistro, o control do arquivo e a interlocución coas organizacións sindicais en asuntos competencia da Consellería; a tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polo/a Valedor/a do Pobo e outras institucións; e dos requirimentos entre administracións públicas; o estudo e preparación dos asuntos que teñan que elevarse á Comisión de Secretarios/as e ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos; a tramitación de convenios, encomendas de xestión e ordes de axudas, así como aqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Así mesmo, exercerá as funcións de xestión do persoal funcionario e laboral da Consellería.

2. A Vicesecretaría, para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1. O Servizo de Apoio Técnico-Normativo, ao cal lle corresponde o estudo e a elaboración de informes sobre a normativa marítimo-pesqueira; efectuar os estudos e informes que lle sexan encomendados pola Vicesecretaría; o estudo, seguimento e tramitación das propostas de disposicións que elaboren os distintos órganos superiores e de dirección da Consellería, así como a emisión de informes nas distintas fases do procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral e leis; o mantemento do rexistro, arquivo e custodia das disposicións normativas emanadas da Consellería, así como levar a cabo as compilacións das ditas normas; o control da publicación de toda a normativa pesqueira; a coordinación dos trámites para a publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da Consellería; as competencias da Consellería sobre designación de membros de órganos colexiados e entidades do sector público autonómico de Galicia e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Vicesecretaría.

2.2. O Servizo de Persoal, ao cal lle corresponden as seguintes funcións: a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais; o estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación de créditos; o exercicio das funcións de xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais e das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos; a ordenación e control da xestión do persoal; a programación das necesidades de persoal; elaboración das propostas das relacións de postos de traballo; o mantemento e actualización da base de datos de persoal; a organización, custodia e arquivo dos seus expedientes; a elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación na materia; o estudo, coordinación e tramitación dos expedientes disciplinarios e a tramitación da execución das sentenzas.

2.3. O Servizo Técnico-Xurídico, ao cal lle corresponden as funcións de elaboración das propostas de resolución dos expedientes sancionadores da Consellería cuxa resolución corresponda aos/as directores/as xerais, aos/as secretarios/as xerais, ao/a conselleiro/a ou ao Consello da Xunta nas materias de competencia da Consellería, así como a proposta de resolución dos recursos administrativos que se interpoñan contra eles; a tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial e a de revisión de actos administrativos nestas materias; o exercicio das funcións de estudo, tramitación e formulación das propostas de resolucións das reclamacións previas á vía civil e laboral; as actuacións relativas ao exercicio do protectorado das fundacións de interese galego dependentes da Consellería; a elaboración de informes relacionados coas funcións que se lle asignen e a xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Vicesecretaría.

Sección 3ª. Subdirección Xeral de Coordinación Orzamentaria e Contratación

Artigo 7. Funcións e estrutura

1. Correspóndenlle as funcións de elaboración do anteproxecto de orzamentos da Consellería, a súa execución e seguimento, a xestión coordinada da contratación administrativa, a xestión económica, a coordinación e o seguimento dos fondos procedentes doutras administracións ou institucións.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario, ao cal corresponderá:

a) A elaboración, en coordinación cos órganos afectados, do anteproxecto de orzamentos da Consellería, e a coordinación, o seguimento e o control da súa execución.

b) A tramitación dos expedientes de modificación dos créditos consignados no orzamento de gastos da Consellería.

c) A coordinación, seguimento e control dos fondos procedentes da Unión Europea e dos fondos finalistas do Estado.

d) A xestión e tramitación de expedientes de gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

e) O impulso na tramitación económico-administrativa de expedientes de gasto e propostas de pagamento.

f) A planificación, habilitación e seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos e unidades administrativas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamento a xustificar.

g) O aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da Consellería.

h) A xestión de taxas e de prezos públicos da Consellería e a coordinación con todos os órganos, unidades e centros dependentes.

i) O control da seguridade na utilización do programa de xestión contable da Xunta de Galicia (Xumco).

j) Calquera outra función análoga que, por razón da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral Técnica.

2.2. Servizo de Contratación e Réxime Patrimonial, ao cal corresponderán:

a) As funcións inherentes á preparación, licitación e adxudicación dos expedientes de contratación administrativa da Consellería, así como as súas modificacións.

b) O inventario e a xestión e control dos bens adscritos á Consellería.

c) A xestión dos vehículos asignados á Consellería coa tramitación de altas, modificacións, baixas, partes de sinistros e necesidades de inspección técnica de vehículos.

d) A xestión e o control das comunicacións telefónicas.

e) Calquera outra función análoga que, por razón da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral Técnica.

CAPÍTULO III

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Artigo 8. Funcións e estrutura

1. Á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica correspóndelle exercer a dirección e coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores e acuicultura; das industrias de transformación e comercialización e almacenamento dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura; de estatísticas e rexistros en materia de pesca, marisqueo e acuicultura; da promoción da competitividade dos produtos pesqueiros, marisqueiros e da acuicultura e o fomento da súa calidade; de conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños; de coordinación da sanidade dos animais acuáticos e dos establecementos de acuicultura; da cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, de acordo coa política pesqueira galega e as regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración xeral do Estado.

2. Para o desenvolvemento das ditas funcións, esta dirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica, á cal lle corresponde a execución de todas as accións desenvolvidas no eido da innovación tecnolóxica das estruturas pesqueiras galegas, especialmente no relativo á súa modernización e adecuación aos mercados globalizados e, en particular, ao desenvolvemento da frota pesqueira galega, da industria de transformación dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

Correspóndelle, así mesmo, a dirección e coordinación das verificacións previstas no artigo 125, números 4, 5, 6 e 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, así como a xestión, o seguimento da execución do orzamento e a coordinación administrativa.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, ao cal lle corresponde a xestión das diferentes medidas orientadas a favorecer a innovación e competitividade da frota pesqueira galega mediante accións encamiñadas á súa reestruturación, renovación e modernización; a tramitación das autorizacións para construír, modernizar e reconverter buques; o control do esforzo pesqueiro a través das modificacións na composición da frota pesqueira galega e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.2. Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias, ao cal lle corresponde a xestión das diferentes medidas dedicadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.3. Servizo de Coordinación e Control de Fondos, ao cal lle corresponden as verificacións previstas no artigo 125, números 4, 5, 6 e 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvovemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca; a xestión, o seguimento da execución do orzamento e a coordinación administrativa das unidades dependentes da Subdirección Xeral de Pesca e Mercados da Pesca, da Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica e da Subdirección Xeral de Acuicultura; a coordinación e o seguimento dos distintos controis financeiros e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Pesca e Mercados da Pesca, á cal lle corresponde programar, coordinar e efectuar o seguimento das actuacións en materia de ordenación das actividades da pesca, velar pola aplicación da normativa sobre a actividade pesqueira e colaborar na defensa e promoción dos intereses galegos en materia de pesca.

Correspóndelle, así mesmo, o fomento de todas aquelas accións encamiñadas a incrementar a competitividade das empresas da pesca, o marisqueo e a acuicultura nun contexto globalizado, mediante o reforzamento da súas capacidades de innovación e adaptación ás demandas do mercado e, especialmente, no eido da regulación dos mercados pesqueiros, na mellora das canles de comercialización, na adopción de novos mecanismos de comercialización e na promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura e en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servizo de Pesca, ao cal lle corresponde a planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de pesca profesional e recreativa; a xestión dos instrumentos de planificación da actividade pesqueira; a xestión dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade pesqueira, tanto profesional como recreativa; o seguimento da actividade pesqueira e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.2. Servizo de Mercados, ao cal lle corresponde o estudo, a avaliación e o fomento de propostas de implantación de novos mecanismos de comercialización; en particular, daquelas innovacións que favorezan a competitividade das empresas; a regulación da primeira venda dos produtos da pesca nas lonxas pesqueiras ou en establecementos autorizados; a realización de accións de promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura; a realización de accións que fomenten as denominacións de orixe e os distintivos de calidade no sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.3. Servizo de Análise e de Rexistros, ao cal lle corresponde a recollida e avaliación dos datos para a elaboración das estatísticas da actividade de aproveitamento dos recursos mariños; a elaboración das estatísticas no ámbito de competencias da dirección xeral; o estudo e elaboración de informes con base nas estatísticas e nos datos recollidos; a formulación de liñas de actuación, con base nos datos estatísticos, encamiñadas ao incremento da produtividade, do control ou da competitividade das actividades da pesca, do marisqueo e da acuicultura; a elaboración e xestión dos rexistros existentes que sexan da súa competencia e a dos que no sucesivo se creen e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Acuicultura, á cal lle corresponde o exercicio das seguintes funcións: a elaboración e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación territorial para o exercicio da actividade da acuicultura; a ordenación, o fomento e o control da acuicultura, así como o establecemento das condicións para o seu exercicio.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.3.1. Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura, ao cal lle corresponde a planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de acuicultura; a xestión e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación e ordenación da actividade da acuicultura; seguimento e control da actividade de acuicultura e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.3.2. Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura, ao cal lle corresponde a planificación e xestión das diferentes liñas de axuda destinadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas da acuicultura, xestión dos títulos administrativos habilitantes para a acuicultura e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

CAPÍTULO IV

Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

Artigo 9. Atribucións e composición

1. Á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro correspóndelle a ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros. Así mesmo, terá ao seu cargo o fomento da organización sectorial, a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a Consellería en materia de extensión pesqueira, ensino e titulacións náutico-pesqueiras e de lecer, así como a investigación mariña, que se desenvolverá en coordinación coa Consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

2. Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais, á cal lle corresponden as actividades de fomento da programación e coordinación do ensino náutico-pesqueiro nos centros dependentes da Consellería; a coordinación da formación, o asesoramento ás organizacións sectoriais, así como a programación e xestión administrativa, económica e orzamentaria da dirección xeral e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión, ao cal lle corresponde a planificación, xestión, seguimento e coordinación administrativa da execución dos orzamentos da dirección xeral; a tramitación dos expedientes de gasto de investimentos e axudas e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.2. Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, ao cal lle corresponde a coordinación, programación e xestión das ensinanzas náutico e marítimo-pesqueiras nos centros dependentes da Consellería do Mar; a elaboración de estudos sobre funcionamento das ensinanzas e perfeccionamento do profesorado; a elaboración da memoria das actividades dos centros; servir de canle nas relacións entre os centros, a Administración educativa e outras entidades públicas e privadas; programación e execución da formación e a reciclaxe dos/as profesionais do sector; emisión e rexistro das titulacións náuticas de pesca e lecer e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.1.3. Servizo de Apoio e Relación coas Organizacións Sectoriais, ao cal lle corresponde a asistencia técnica ás confrarías de pescadores/as e asociacións relacionadas co sector; recibir información das actividades das confrarías de pescadores/as; servir de canle ás relacións entre os distintos órganos do departamento e as confrarías e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, á cal lle corresponde a programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro, incluíndo a supervisión, xestión e control dos grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral; a programación e execución das actuacións portuarias pesqueiras e as actividades de fomento da organización sectorial; a extensión pesqueira, a programación, coordinación e seguimento das actuacións en materia de ordenación do marisqueo, velar pola aplicación da normativa sobre a actividade marisqueira; a colaboración na defensa e promoción dos intereses galegos en materia de marisqueo e a planificación e o seguimento de instrumentos de xestión sustentable dos recursos marisqueiros. Así mesmo, correspóndenlle en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servizo de Xestión dos Recursos Marisqueiros, ao cal lle corresponde a planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de marisqueo; a xestión dos instrumentos de planificación da actividade marisqueira; xestión dos títulos administrativos habilitantes para o marisqueo; seguimento da actividade marisqueira e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.2. Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro, ao cal lle corresponde a coordinación, programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro e da promoción das comunidades pesqueiras; a coordinación, programación e execución de accións de fomento das actividades marítimas e pesqueiras; a coordinación, programación e execución das actividades de divulgación e de transferencia tecnolóxica nas comunidades pescadoras e litorais; a coordinación e programación dos equipamentos portuarios pesqueiros; a programación, supervisión, realización e difusión de publicacións e doutro material científico e didáctico e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.3. Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca, ao cal lle corresponde o asesoramento, fomento e apoio do asociacionismo e da organización do sector; extensión pesqueira; impulsar a formación, por parte dos axentes socioeconómicos das zonas costeiras, de iniciativas e programas de desenvolvemento e diversificación; dinamizar e coordinar os grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral; difundir as políticas e medidas para o desenvolvemento costeiro aplicables en cada momento; e a supervisión, valoración e control da actividade dos grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral.

2.3. Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico, á cal lle corresponde a programación, coordinación e seguimento de medidas en materia de conservación e protección dos recursos mariños; o seguimento de instrumentos de xestión sustentable dos recursos mariños; a realización de estudos previos á elaboración da normativa sobre a actividade pesqueira; a coordinación e xestión do programa tecnolóxico sectorial de investigación mariña no marco do Plan galego de I+D+I; o apoio á xestión do Centro de Investigacións Mariñas (Cima) así como de calquera outra actividade relacionada co fomento da coordinación na investigación mariña en Galicia; o seguimento e control de proxectos I+D+I no marco de instrumentos financeiros comunitarios, nacionais e autonómicos e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.3.1. Servizo de Xestión de Proxectos, ao cal lle corresponde a xestión das medidas e actuacións de interese colectivo en materia de conservación e protección dos recursos mariños e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.3.2. Servizo de Planificación, ao cal lle corresponde a xestión de medidas de conservación e protección da fauna e da flora acuáticas en áreas de interese pesqueiro; a xestión de actuacións en materia de estudo, avaliación ou seguimento dos recursos mariños naturais e da actividade pesqueira, marisqueira e da acuicultura e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.4. Dependendo funcionalmente da dirección xeral e con nivel orgánico de servizo, o Centro de Investigacións Mariñas (Cima), exercerá as funcións relativas á actividade investigadora e, particularmente, as referidas ás áreas de procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía. O Cima está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova de Arousa e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo.

A este centro correspóndelle a coordinación, programación e xestión das infraestruturas e medios dispoñibles, tanto en equipamento como en persoal, dedicados á investigación mariña; a xestión e control de gastos de funcionamento e execución dos proxectos de investigación; fomento da coordinación interinstitucional e a integración interdisciplinar para unha optimización do rendemento da investigación mariña en Galicia; e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.5. Dependerán funcionalmente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro os centros públicos de ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras:

– Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).

– Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

– Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

– Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

TÍTULO III

Órganos periféricos

Artigo 10. Xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería do Mar organízase en xefaturas territoriais, que terán sede na Coruña, Celeiro e Vigo e desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial das delegacións territoriais en que se integren, salvo a Xefatura Territorial de Vigo, que desenvolverá tamén as súas funcións no ámbito territorial de toda a provincia, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada xefatura territorial existirá un/unha xefe/a territorial do/a cal dependerán organicamente todos os servizos e as unidades administrativas da Consellería que radiquen no ámbito territorial mencionado. As súas funcións serán as relativas ao réxime interior, á tramitación administrativa, exercicio de competencias que en materia de expedientes sancionadores lle atribúa a normativa vixente; á xestión de persoal e á tramitación das incidencias relativas ao parque móbil da xefatura; ao inventario de bens mobles e inmobles adscritos; á información ao público; ao control contable e á xustificación dos créditos que se lle asignen, así como á elaboración de estatísticas.

3. Para o cumprimento das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Celeiro e Vigo contarán coas seguintes unidades con categoría de servizo:

– Servizo de Recursos Mariños, ao cal lle corresponde a tramitación dos títulos habilitantes para o exercicio da pesca, marisqueo e acuicultura, así como a tramitación de solicitudes de apertura, anulacións e peche das zonas de traballo solicitadas polas distintas confrarías de pescadores/as no ámbito dos seus respectivos plans de explotación.

– Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, ao cal lle corresponde tramitar as axudas con cargo a fondos europeos; a tramitación de procedementos de autorización, construción e modernización; os relativos ao Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma, e a inscrición, baixas e modificación de datos no Rexistro de Empresas Halioalimentarias.

TÍTULO IV

Órganos colexiados

Artigo 11. Órganos colexiados

Están adscritos a esta Consellería, co carácter, misión e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os órganos colexiados seguintes:

a) O Consello Galego de Pesca, regulado polo Decreto 123/2011, do 16 de xuño.

b) O Comité Científico Galego da Pesca, regulado polo Decreto 72/2011, do 31 de marzo.

c) A Comisión Galega de Mergullo Profesional, creada pola Orde do 20 de xuño de 2006.

d) A Comisión do Mexillón, creada pola Orde do 28 de decembro de 2010.

e) O Comité Técnico da Acuicultura, creado pola Orde do 20 de xullo de 2012.

Disposicións adicional primeira. Designación de cargos compatibles

De conformidade co previsto no artigo 4.1.a) da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, as persoas titulares dos órganos sinalados no artigo 2 deste decreto poderán ser designadas, por razón do seu cargo, directores/as ou cargos asimilados nas entidades instrumentais adscritas a esta consellería, percibindo unicamente as retribucións correspondentes ao seu cargo como titular do órgano da consellería, e sen prexuízo das axudas de custo por asistencias e gastos debidamente xustificados, agás as excepcións previstas na normativa de aplicación ás entidades instrumentais.

Disposición adicional segunda. Presenza equilibrada entre homes e mulleres

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería do Mar, así como dos/as titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico pertencentes ao seu ámbito competencial, procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

Disposición transitoria primeira. Readscrición de persoal que ocupe postos de subdirección xeral e xefatura de servizo

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou dos servizos existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, autorízase a persoa titular da Consellería do Mar, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, a readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel e será de aplicación o establecido no artigo 97 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Readscrición de unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo

Nos casos de supresión das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, as unidades e os postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos regulados neste decreto, en función das atribucións que estes teñen asignadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto e especialmente o Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, no que se refire ás competencias en materia de mar.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería do Mar para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar