Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 19 de novembro de 2015 Páx. 43770

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de novembro de 2015 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 10 de marzo de 2015, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

A Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 10 de marzo de 2015 (DOG núm. 48, do 11 de marzo) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2015, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas. Na disposición adicional segunda sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título II da orde, relativas aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, posto que a dotación existente resulta insuficiente, a Consellería de Facenda autorizou o correspondente expediente de ampliación de crédito por importe de 93.540.892,92 € e o movemento entre proxectos por importe de 300.000 €, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de crédito

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título II da Orde do 10 de marzo de 2015 (DOG núm. 48, do 11 de marzo), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea b) da dita orde, increméntase no importe de 93.840.892,92 euros con cargo á aplicación 12.80.713F.779.1, primas gandeiras, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2015, polo que o importe total para as axudas desta alínea e desta aplicación orzamentaria despois deste incremento é de 144.597.760,92 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na dita Orde do 10 de marzo de 2015 (DOG núm. 48, do 11 de marzo).

Artigo 3. Recursos

A presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderá ser recurrida potestativamente en reposición no prazo dun mes desde a súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural