Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Martes, 10 de novembro de 2015 Páx. 42751

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se acorda someter a información pública o proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o estándar racial do Can de Palleiro e se crea o libro xenealóxico da raza.

O proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o estándar racial do Can de Palleiro e se crea o libro xenealóxico da raza ten por obxecto facer efectivo o acordo da Comisión Reitora do Libro Xenealóxico. Esta comisión foi creada no anexo I.4.d) da Orde do 26 de abril de 2001 e o seu funcionamento ten por obxecto a salvagarda das actividades do libro xenealóxico e a garantía da súa pureza racial e ten asignada entre as súas funcións a proposta das modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que considere convenientes.

A Comisión Reitora do Libro Xenealóxico, o día 4 de decembro de 2014, chegou, por unanimidade, a un acordo sobre a modificación do número 3 do anexo I que se inclúe neste proxecto de orde.

De acordo co exposto e de conformidade co establecido no parágrafo segundo do artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que establece que, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida a información pública,

ACORDO:

Someter a información pública, polo prazo de vinte (20) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o estándar racial do Can de Palleiro e se crea o libro xenealóxico da raza.

O texto do proxecto de orde poderá consultarse no seguinte enderezo electrónico:

http://www.medioruralemar.xunta.es/nc/institucional/transparencia/elaboracion_de_disposicions_proxectos_e_actos_administrativos/

As persoas interesadas, dentro do prazo sinalado, poderán enviar as súas alegacións preferentemente mediante correo electrónico ao seguinte enderezo electrónico reximexuridico.cmrm@xunta.es, alternativamente, mediante a presentación do escrito dirixido á Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo da Consellería do Medio Rural, en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben presentando as suxestións no anterior enderezo electrónico.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2015

Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural