Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 28 de outubro de 2015 Páx. 41507

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de outubro de 2015 pola que se autoriza a implantación na Universidade da Coruña, para o curso 2015/16, do programa de doutoramento conxunto en Saúde, Discapacidade, Dependencia e Benestar, e se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais de máster universitario na Universidade de Vigo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

Mediante o Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establécese a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e no seu capítulo VI disponse o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase por orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente, terá que emitir informe sobre el o Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Logo de seren autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedarán obrigadas a adoitar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos comportará o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades na sesión do 13 de outubro de 2015, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude da Universidade da Coruña para implantar o programa de doutoramento conxunto en Saúde, Discapacidade, Dependencia e Benestar, e a revogación da autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais do máster universitario en Oceanografía e do máster universitario en Ciencias do Clima: Meteoroloxía, Oceanografía Física e Mudanza Climática.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorízase a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2015/16, as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Programa de doutoramento en Saúde, Discapacidade, Dependencia e Benestar, conxunto coa Universidade de León, a Universidade de Murcia e a Universidade de Salamanca.

Artigo 2

Revogarlle a autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster universitario en Oceanografía, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4312602.

• Máster universitario en Ciencias do Clima: Meteoroloxía, Oceanografía Física e Mudanza Climática autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4311009.

Artigo 3

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria