Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 20 de outubro de 2015 Páx. 40685

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 28 de setembro de 2015 polo que se fai pública a aprobación técnica e definitiva do proxecto modificado do proxecto construtivo da ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais de Lagares-Vigo (clave OH.336.1083.M1).

missing image file

O 2 de agosto de 2010, a Xunta de Galicia, o organismo autónomo Augas de Galicia, o Concello de Vigo e AcuaNorte asinaron un convenio para a construción de infraestruturas hidráulicas da actuación de saneamento de Vigo.

Dentro do marco destas actuacións, o 7 de setembro de 2012, Augas de Galicia aprobou o proxecto construtivo das obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais (no sucesivo, EDAR) de Lagares, que incorpora os condicionantes establecidos na declaración de impacto ambiental formulada o 16 de marzo de 2009 pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 50, do 15 de marzo de 2010.

As actuacións inicialmente previstas foron obxecto do proxecto modificado núm. 1 das obras de ampliación e modernización da EDAR de Lagares, por un orzamento líquido estimado de 117.626.021,92 € e un orzamento adicional aproximado sobre o orzamento de adxudicación de 1.740.441,00 €.

O 11 de novembro de 2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emite informe en relación co proxecto modificado que non é necesaria unha nova tramitación de avaliación ambiental, sendo de aplicación as exixencias establecidas na declaración de impacto ambiental formulada o 16 de marzo de 2009.

A declaración de impacto ambiental do anteproxecto para a ampliación e modernización da EDAR de Lagares, do 16 de marzo de 2009, e o informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 11 de novembro de 2014, relativo ao modificado número 1 do proxecto construtivo de ampliación e modernización da EDAR de Lagares poden ser consultados na páxina web de Augas de Galicia (http://augas.cmati.xunta.es).

O 20 de xullo de 2015, o director de Augas de Galicia ditou unha resolución cuxa parte resolutiva dispón:

Aprobar técnica e definitivamente o proxecto das obras do proxecto modificado do proxecto construtivo de ampliación e modernización da EDAR de Lagares. Vigo (Pontevedra), de clave OH.336.1083.M1, redactado en xaneiro de 2015 polo enxeñeiro Ignacio Aldatz Molina, cun orzamento de execución por contrata (sen IVE e segundo prezos base de licitación) de cento cincuenta e sete millóns novecentos corenta e catro mil cincocentos trinta e nove euros con trinta e nove céntimos (157.944.539,39 €) e un prazo de execución das obras de corenta meses e doce meses de posta en marcha da EDAR.

O orzamento adicional do modificado (sen IVE e segundo prezos base de licitación) é de dous millóns trescentos corenta e catro mil trescentos euros (2.344.300,00 €).

Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo se poida presentar recurso de reposición ante o director da entidade pública empresarial Augas de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público de conformidade co indicado no artigo 48 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2015

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia