Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 1 de outubro de 2015 Páx. 38361

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2015 pola que se convoca un curso monográfico sobre medidas para previr a comisión de delitos no ámbito administrativo.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un curso monográfico sobre medidas para previr a comisión de delitos no ámbito administrativo, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O presente curso ten como obxectivo principal servir de base para desenvolver medidas para previr a existencia de delitos no ámbito da Administración pública autonómica. Con esta finalidade, preténdese dar a coñecer as novidades esenciais da recente reforma operada pola Lei orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se reforma o Código penal, e á vez o estado actual das vías para previr e perseguir a delincuencia no marco dunha xurisprudencia evolutiva.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Delitos contra a Administración pública. A prevaricación administrativa.

– Xestión de fondos públicos.

– Contratación pública.

– O delito de suborno.

– As relacións dentro da Administración.

– A relación da Administración cos cidadáns.

– A investigación dos delitos.

– A cooperación da Administración cos xulgados, tribunais e fiscalías.

– Tratamento informativo das causas de corrupción.

3. Destinatarios.

Trátase dun curso preferentemente dirixido aos empregados públicos da Administración xeral da Xunta de Galicia e entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan encomendadas tarefas de dirección ou coordinación de órganos e/ou unidades administrativas.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 13, 20 e 27 de outubro de 2015.

Horario: xornada de tarde.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 9 de outubro de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública