Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 29 de setembro de 2015 Páx. 37980

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes para participar no I Concurso Comunicar en Igualdade.

O 31 de xullo de 2015 publicouse no DOG núm. 144 a Resolución do 27 de xullo de 2015, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras do I Concurso Comunicar en Igualdade e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Na dita resolución estableceuse como data de remate do prazo para presentar solicitudes de participación o 30 de setembro de 2015 para as dúas modalidades establecidas: premio para profesionais do xornalismo e premio para alumnado universitario.

Co obxecto de facilitar a participación neste concurso, tendo en conta especialmente que na modalidade do premio para alumnado universitario a publicación da convocatoria tivo lugar nunha data non lectiva e que o curso universitario foi inaugurado recentemente, considérase procedente unha ampliación do prazo de presentación de solicitudes de participación, co fin de que esta convocatoria poida ter unha maior difusión entre o alumnado.

Así mesmo, coa finalidade de unificar os prazos de presentación de solicitudes nas dúas modalidades convocadas e dunha maior racionalización e harmonización do procedemento, considérase conveniente de igual xeito a ampliación do prazo na modalidade do premio para profesionais do xornalismo.

O artigo 49.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dispón que a Administración, agás precepto en contrario, poderá conceder, de oficio ou por petición das persoas interesadas, unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade deles, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros.

De acordo co exposto, esta secretaría xeral

dispón:

Ampliar o prazo de presentación de solicitudes de participación no I Concurso Comunicar en Igualdade, nas modalidades de premio para profesionais do xornalismo e premio para alumnado universitario, ata o día 31 de outubro de 2015.

Contra este acordo de ampliación de prazo non cabe ningún recurso, de acordo co disposto no artigo 49.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2015

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade