Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 15 de setembro de 2015 Páx. 36692

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2015 pola que se convoca un curso medio de linguaxe xurídica galega para persoal ao servizo da Administración de xustiza e outros colectivos relacionados coa xustiza que presten servizos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, ao abeiro do disposto na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma. En consonancia con isto, recoñéceselles aos cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración de xustiza. Ademais, para facer efectivo este dereito, encoméndaselles aos poderes públicos autonómicos que vaian capacitando progresivamente no uso do galego o persoal que traballa ao servizo da Administración de xustiza.

Entre as funcións e competencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística figuran a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, entre outros campos, na coordinación de formación de lingua galega e dirixidos, entre outros colectivos, aos funcionarios públicos. A capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia tamén é un dos fins da Escola Galega de Administración Pública, segundo establece a súa lei de creación (Lei 4/1987, do 27 de maio).

Mediante convenio de colaboración asinado o 10 de agosto de 2015 entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a EGAP establécense as condicións polas cales se rexerá a colaboración entre ambos os dous organismos para potenciar actividades de normalización do uso do galego na Administración de xustiza, especialmente no campo da formación do persoal ao servizo desta administración.

Por todo isto,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, un curso medio de linguaxe xurídica galega, cuxas bases, características e contido son detallados no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeiro. Obxecto

Co obxecto de impulsar a normalización lingüística na Administración de xustiza e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convócase un curso de linguaxe xurídica galega de nivel medio na modalidade de teleformación: 2 edicións.

O número de prazas do curso será de 60 (30 por edición).

O curso impartirase segundo se indica a seguir:

Curso de linguaxe xurídica galega de nivel medio

Modalidade

Horas

Datas lectivas

Exame final

Teleformación

75

13.10.2015 ao 13.12.2015

19.12.2015

Teleformación

75

13.10.2015 ao 13.12.2015

19.12.2015

Segundo. Requisitos dos participantes

a) O curso vai dirixido a xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza e persoal laboral con destino nos órganos xudiciais da Comunidade Autónoma de Galicia; a letrados da Xunta de Galicia; a notarios, rexistradores da propiedade, avogados, procuradores e alumnos das escolas de práctica xurídica de Galicia; a profesores de linguaxe de signos e persoas incluídas nas bolsas de traballo para o nomeamento de funcionarios interinos da Administración de xustiza; así como a aquelas persoas que acrediten ter superado o proceso selectivo para o ingreso nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza.

Toda persoa solicitante que ao iniciar o curso se encontra en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

b) Para acceder a este curso é necesario ter validado ou superado, na data de publicación desta resolución, o curso que a continuación se indica:

O Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, o curso básico de linguaxe administrativa galega, o curso básico de linguaxe xurídica ou o curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.

Terceiro. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es/matricula , e non serán admisibles outras formas de solicitude. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. As persoas que, de seren seleccionadas, desexen recibir os correspondentes avisos deberán facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil.

b) Cada persoa só poderá solicitar unha edición para un único curso.

c) A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

e) As persoas solicitantes deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– Calquera navegador web co plugin de flash.

– A conta de correo electrónico especificada na solicitude.

– Un micrófono.

f) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) para os efectos da selección, remitirán á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a dita documentación por fax ao número 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo xestion.egap@xunta.es , sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a letra g) desta base.

g) O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

h) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

i) As dúbidas, as dificultades técnicas e mais as solicitudes de información serán atendidas pola EGAP a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 46, o número de fax 981 54 63 39 ou o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es . A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Cuarto. Criterios de selección

a) Os criterios selectivos que se empregarán son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10.1.2008).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25). Para o ano 2015, segundo a Resolución do 29 de xaneiro (DOG do 11 de febreiro), comezarase pola letra S.

b) A selección do alumnado farase de forma conxunta para cada curso. Unha vez seleccionado, o alumnado será asignado a cada unha das edicións por orde alfabética. As vacantes que se produzan cubriranse automaticamente de acordo coa orde de reserva.

c) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

d) Quedarán excluídas aquelas persoas que estean en posesión da certificación ou diploma dos cursos equivalentes (de linguaxe administrativa, de linguaxe xurídica galega e de linguaxe xurídica galega para asesores xurídicos da Xunta de Galicia) expedidos pola Escola Galega de Administración Pública ou homologados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ou por calquera dos certificados a que se refire a Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24.6.2011).

Quinto. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

a) A EGAP publicará na súa páxina web http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará na súa páxina web http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexto. Presentación da documentación

Nun prazo de tres días hábiles desde a publicación da listaxe definitiva de admitidos, as persoas seleccionadas deberán achegar por correo electrónico ao enderezo xestion.egap@xunta.es , e durante os tres primeiros días do curso, xunto cunha copia do formulario de solicitude, a seguinte documentación:

a) Unha copia escaneada da certificación que acredite a superación ou a validación do curso Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, o curso básico de linguaxe administrativa galega, o curso básico de linguaxe xurídica ou o curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.

b) De ser o caso, certificado de estar colexiado como avogado ou procurador ou de estar matriculado nunha escola de práctica xurídica. Para os intérpretes de linguaxe de signos exixirase unha certificación da Federación de Xordos que acredite a intervención habitual do solicitante como intérprete nos xulgados ou tribunais, nas notarías ou nos rexistros da propiedade ou mercantís.

A falta de presentación destes documentos acreditativos dará lugar á exclusión da persoa solicitante previamente seleccionada.

Todo iso, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétimo. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe serlle comunicada por escrito á EGAP mediante o modelo de renuncia publicado na páxina web da Escola cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio do curso. Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es .

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

3. A asistencia:

a) É obrigatoria a asistencia puntual á proba presencial final do curso.

b) As faltas de asistencia:

A falta de asistencia á proba de avaliación final deberá xustificarse documentalmente ante os responsables do curso nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización da actividade.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b):

Perderán o dereito ao certificado de participación no curso.

4. Seguimento das actividades:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitavo. Contido e avaliación dos cursos

a) O curso terá unha duración de 75 horas e neles impartiranse os contidos sinalados na Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24.6.2011).

b) A avaliación que se efectúe neste curso será progresiva e continua, e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia e a realización das actividades e das tarefas propostas. Ao remate de cada curso outorgaráselles aos participantes que superaron as distintas fases de avaliación un certificado de aproveitamento coa cualificación de apto expedido de forma conxunta pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola EGAP.

c) Para poder superar os cursos de linguaxe xurídica é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

– A axeitada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar como presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso.

A non presentación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– O alumnado deberá realizar dúas probas finais, unha escrita e outra oral, de carácter presencial, que terán lugar nas dependencias da EGAP.

– Para ter o dereito ao diploma é necesario superar o conxunto das partes do curso (traballo na plataforma e probas finais) segundo o sistema de avaliación que estableza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, e cumprir os demais requisitos sinalados con anterioridade.

– As probas de carácter presencial que se desenvolverán ao remate dos cursos de teleformación realizaranse o 19 de decembro de 2015.

Noveno. Profesorado

A Secretaría Xeral de Política Lingüística designará o profesorado encargado de impartir os cursos entre as persoas que figuren na súa lista de profesorado colaborador para impartir cursos de galego.

Décimo. Normativa aplicable

Todas as actividades que se realicen neste curso faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ao uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003. Respectarase escrupulosamente a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da Lei de normalización lingüística.

Décimo primeiro. Incidencias

a) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística resolverán aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión dos cursos, e poderán suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Correspóndelle á EGAP, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

b) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderán modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións dos cursos, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

d) A realización dos cursos queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

e) As reclamacións presentadas en relación coa cualificación outorgada nas actividades formativas serán obxecto de estudo por unha comisión técnica de avaliación, formada polo/a subdirector/a xeral de Política Lingüística, polo coordinador dos cursos de linguaxes específicas e por unha lingüista da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os informes elaborados pola comisión seranlle remitidos á EGAP, que resolverá en consecuencia.