Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 11 de setembro de 2015 Páx. 36458

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se fai pública a convocatoria para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2015/16.

O Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, e se establecen as especialidades dos corpos docentes de ensino secundario, dispón, no seu artigo 9, que para exercer a docencia nestes ámbitos será necesario estar en posesión dun título oficial de máster que acredite a formación pedagóxica e didáctica de acordo co exixido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, de ordenación das ensinanzas universitarias, estableceu a organización e o contido dos títulos oficiais de máster universitario. Con posterioridade, a Orde ministerial ECI/3858/2007, do 27 de decembro (BOE do 29 de decembro), determinou os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habilitan para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensino de idiomas, dispoñendo unha fase de prácticum obrigatoria que se realizará en colaboración coas institucións educativas establecida mediante convenios entre as universidades e as administracións educativas.

A Orde do 18 de abril de 2011 (DOG do 13 de maio) establece o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos artigos 2º, 3º e 4º da citada orde descríbense os procedementos de regulamentación de centros de prácticas, persoas titoras de prácticas e as persoas coordinadoras de prácticas.

Para tal fin, e de acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é abrir o procedemento para acreditar centros e persoas coordinadoras e titoras para o curso 2015/16 para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas, na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2. Solicitudes e documentación

Os centros e persoas, coordinadoras e titoras, que desexen acreditarse para o desenvolvemento do prácticum correspondente ao máster en Profesorado deberán solicitar a súa alta á dirección do centro que a rexistrará na aplicación Xade seguindo o itinerario: <<Profesorado>Datos profesionais>Traballo no centro>>, onde existirán dúas opcións: <<Coordinador prácticum máster profesorado>> e <<Voluntario para titorizar prácticum máster profesorado>>.

Ademais, a persoa directora do centro ou, por delegación súa, a persoa encargada da xefatura de estudos, ou da secretaría asinarán e remitirán ao enderezo formacion.fprofe@edu.xunta.es, unha lista coas persoas que participan, e que poderán obter directamente na aplicación Xade.

Para as escolas oficiais de idiomas, escolas de arte e superior de deseño e os conservatorios profesionais de música e danza enviarán a súa solicitude ao enderezo electrónico formacion.fprofe@edu.xunta.es. Nesta solicitude indicarán os nomes do coordidador e dos titores cos correspondentes datos de DNI e especialidades.

Artigo 3. Centros acreditados

As listaxes dos centros acreditados e das súas persoas coordinadoras e titoras e especialidades ofertadas faranse públicas nas xefaturas territoriais, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es

Artigo 4. Selección dos centros

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remitirá estas solicitudes, unha vez revisadas, ás universidades correspondentes.

As universidades, unha vez analizadas as solicitudes, formularán, de acordo coas súas necesidades, a proposta de centros e persoas coordinadoras e titoras seleccionados pola comisión de seguimento do prácticum correspondente, segundo o establecido no artigo 7 da Orde do 18 de abril de 2011.

Artigo 5. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes dará comezo o día seguinte ao da súa publicación e rematará o día 9 de outubro de 2015. Terán ata o 13 de novembro de 2015 para realizar as alegacións que se consideren ás listas publicadas.

Artigo 6. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os acordos e ditar as resolucións conxuntas que consideren oportunas no desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional
e Innovación Educativa