Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase, en colaboración coa Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, un curso monográfico sobre O dereito administrativo da crise conforme as seguintes bases:
1. Obxectivos.
A situación económica que estamos atravesando nos últimos anos motivou unha profunda reflexión sobre a estrutura, as competencias e a ética na forma de prestaren os seus servizos as administracións públicas. Como consecuencia de todo isto, revisouse un bo número de normas e publicáronse outras que incorporaron innovadoras apostas por mellorar o funcionamento das nosas administracións. A profunda revisión da normativa vén reclamando unha análise polo miúdo das principais novidades. O curso que agora se convoca pretende dar a coñecer as principais modificacións producidas no dereito administrativo, afondando na súa análise e obtendo as conclusións necesarias para a súa mellor aplicación.
2. Contidos.
Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:
• Reforma do Estado e reformas administrativas.
• O principio de sustentabilidade e as administracións públicas.
• O principio de unidade de mercado e como se plasma nas normas administrativas.
• Transparencia e bo goberno.
• As reformas na contratación pública.
• As reformas do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo.
• Reestruturación da Administración estatal e das administracións autonómicas.
• O emprego público en tempos de crise.
• Reforma das estruturas locais (e outras reformas pendentes).
3. Destinatarios.
Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.
4. Desenvolvemento.
Lugar: EGAP; rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.
Datas: 24 e 25 de setembro de 2015.
Horario: o xoves, día 24, horario de mañá e tarde; o venres, día 25, horario de mañá.
Duración: 12 horas lectivas.
5. Número de prazas.
Limitado pola capacidade do local.
6. Inscrición.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/ .
O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 22 de setembro de 2015.
Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 41-981 54 62 39.
7. Modificacións.
A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.
8. Certificado de asistencia oficial.
Ao final do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización deste curso e o selo oficial da institución.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2015
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública