Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 4 de setembro de 2015 Páx. 35724

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 27 de agosto de 2015 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes.

De conformidade coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, a libranza de coidados no contorno familiar é unha prestación excepcional, tal e como se sinala no artigo 18.1 da citada lei «Excepcionalmente, cando a persoa beneficiaria sexa atendida no seu contorno familiar, e se reúnan as condicións establecidas no artigo 14.4, recoñecerase unha prestación económica para coidados no contorno familiar».

Malia o sinalamento desta prestación como excepcional, a prestación económica para coidados no contorno familiar foi a prestación inicialmente máis demandada polas persoas en situación de dependencia e polos seus familiares, así como a prestación máis recoñecida polas comunidades autónomas. Neste sentido, foi necesario adoptar normas comúns para garantir a maior calidade na prestación económica de coidados no contorno familiar a través do Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a autonomía e atención á dependencia para a mellora da calidade da prestación económica para coidados no contorno familiar do sistema para a autonomía e atención á dependencia, do 25 de xaneiro de 2010, publicado a través da Resolución do 4 de febreiro de 2010, da Secretaría Xeral de Política Social e Consumo.

Non obstante, en xaneiro de 2012 a prestación económica para coidados no contorno familiar supuña un 45,50 % de media no conxunto de servizos e prestacións para a atención á dependencia, polo que se facía necesaria unha nova revisión das condicións para a concesión deste tipo de prestacións económicas, garantindo así o espírito de excepcionalidade recollido na lei, tal e como se recolleu no Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a autonomía e atención á dependencia para a mellora do sistema para a autonomía e atención á dependencia, do 10 de xullo de 2012, publicado a través da Resolución do 13 de xullo de 2012, da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade.

Ao mesmo tempo, no punto terceiro do Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a autonomía e atención á dependencia para a mellora do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, recóllese a aprobación dos criterios e contidos sobre capacidade económica e participación da persoa beneficiaria no custo das prestacións para a autonomía e atención á dependencia, e no punto 9 sinálanse os criterios de participación nas prestacións económicas que, con respecto a estas últimas, foron trasladados á normativa autonómica a través da Orde do 19 de abril de 2013 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Tal e como recolle o propio acordo, o seu obxecto foi establecer os criterios mínimos comúns para a determinación da capacidade económica persoal das persoas beneficiarias do Sistema para a autonomía e atención á dependencia e os criterios para a súa participación económica nas prestacións do Sistema. Non obstante, as comunidades autónomas ou administracións competentes poderán establecer unha maior participación da persoa beneficiaria no custo dos servizos e prestacións da cal resultaría da aplicación dos criterios mínimos establecidos neste documento.

A Comunidade Autónoma de Galicia desenvolveu un importante esforzo no despregamento dunha rede pública de servizos profesionais, tendo en conta que con data do 30 de abril de 2015 o 75,09 % do total das prestacións recoñecidas o é a través dun servizo profesional. Non obstante, constátase que existe un gran número de persoas solicitantes que seguen a demandar como modalidade de intervención adecuada a prestación económica de coidados no contorno familiar. Neste senso, faise necesario propiciar a atención adecuada ás persoas solicitantes con base nas súas necesidades actuais, ao mesmo tempo que conxugar o impulso á rede de servizos públicos profesionais co disposto no artigo 29 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, que sinala a participación da persoa beneficiaria ou, de ser o caso, da súa familia ou entidades tutelares, no establecemento do programa individual de atención en que se determinarán as modalidades de intervención máis adecuadas ás súas necesidades.

En consecuencia co disposto no parágrafo anterior, é necesario establecer unha nova fórmula matemática para o cálculo da libranza de coidados no contorno familiar que permita propiciar a modalidade de intervención adecuada en función das necesidades de atención, así como da súa situación socioeconómica, ao mesmo tempo que garanta a viabilidade e sustentabilidade futura do sistema.

En consecuencia, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como pola disposición derradeira segunda do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes, e polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Modifícanse os números 2 e 3 do artigo 56 da Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, que quedan redactados da seguinte maneira:

«2. O importe da libranza que se lle recoñecerá a cada persoa beneficiaria determinarase aplicando as fórmulas dispostas nos seguintes puntos, en función da capacidade económica da persoa beneficiaria e a contía de referencia para cada libranza segundo o grao recoñecido. A contía da libranza recoñecida será do 100 % da cantidade máxima establecida cando a capacidade económica da persoa beneficiaria sexa igual ou inferior ao IPREM, excepto nos supostos en que sexa de aplicación o coeficiente de aplicación establecido para a fórmula de cálculo da contía da libranza de coidados no contorno familiar.

3. A contía mensual da libranza de coidados no contorno familiar establécese de conformidade coa seguinte fórmula matemática:

CPE = Cmax x H x (2,3-(1,3 x CEB/IPREM))

Onde:

Cmax: contía máxima da libranza segundo o grao de dependencia recoñecido.

CPE: contía da prestación económica.

H: coeficiente de aplicación.

CEB: capacidade económica da persoa beneficiaria.

A contía mensual da libranza vinculada á adquisición dun servizo e da libranza de asistencia persoal establécese de conformidade coa seguinte fórmula matemática:

CPE = Cmax × (1,55 – (0,55 × CEB/IPREM))

Onde:

CPE: contía da prestación económica.

Cmax: contía máxima da prestación económica segundo o grao recoñecido.

CEB: capacidade económica da persoa beneficiaria».

Disposición adicional primeira. Coeficiente de aplicación da fórmula matemática da libranza de coidados no contorno familiar

O coeficiente de aplicación «H» será o seguinte segundo o grao de dependencia recoñecido:

– Grao III: 0,45879

– Grao II: 0,30822

– Grao I: 0,28899

Disposición adicional segunda. Contías máximas da libranza de coidados no contorno familiar

1. Con independencia da data en que se producise o seu recoñecemento, as contías máximas das libranzas terán en conta o grao recoñecido e serán as seguintes:

Grao de dependencia

Libranza de coidados
no contorno

Contía

Grao III

387,64 €

Grao II

268,79 €

Grao I

153,00 €

2. As contías máximas aprobadas no punto 1 serán as contías máximas de referencia para todos os períodos de cálculo para efectos do recoñecemento dos efectos retroactivos que de ser o caso procedan.

Disposición adicional terceira. Expedientes de persoas solicitantes menores de 25 anos

En relación coa fórmula de cálculo das libranzas de coidados no contorno familiar de persoas solicitantes que na data da presentación da solicitude teñan unha idade igual ou inferior a 25 anos, non aplicará o coeficiente de aplicación sinalado na disposición adicional primeira.

Disposición transitoria primeira. Procedementos iniciados

1. Os procedementos para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde rexeranse polas disposicións contidas nesta, e manterán a súa validez os trámites xa realizados conforme a normativa anterior.

2. Non obstante, en canto ás propostas individuais de atención de libranzas de coidados no contorno familiar aprobadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde, aplicarase o disposto na normativa vixente na data da súa resolución, é dicir, as disposicións contidas na presente orde aplicaranse ás propostas individuais de atención de libranzas de coidados no contorno familiar que se aproben a partir da súa entrada en vigor.

3. En relación coa revisión de propostas individuais de atención de libranzas de coidados no contorno familiar xa recoñecidas con anterioridade á entrada en vigor desta orde, a fórmula de cálculo vixente na data do seu recoñecemento será a que rexa na revisión do Programa individual de atención, de ser o caso.

4. A nova fórmula de cálculo da libranza de coidados no contorno familiar aprobada no artigo único desta orde será a fórmula de cálculo de referencia para todos os períodos de cálculo para os efectos do recoñecemento dos efectos retroactivos que de ser o caso procedan.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a/o titular do órgano superior con competencias en materia de dependencia e autonomía persoal para ditar as normas que resulten necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Vixencia da norma

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar