Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 31 de agosto de 2015 Páx. 35227

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de agosto de 2015 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 22 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual a concellos de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de maio de 2015 ao 1 de abril de 2016.

Con data do 7 de xullo de 2015 (DOG núm. 126) publicouse a Orde do 22 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual a concellos de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de maio de 2015 ao 1 de abril de 2016.

No artigo 8.4 da devandita orde establécese que o importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, como a convocatoria prevé a posibilidade de ampliar a contía total dentro dos créditos dispoñibles, e dado que este incremento de crédito vén derivado dunha incorporación de crédito, é polo que se amplía o importe inicial dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2015 (DOG núm. 126, do 7 de xullo), coa finalidade de facer chegar o maior importe dispoñible aos seus beneficiarios.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1

Ampliar o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2015, publicada o 7 de xullo de 2015 (DOG núm. 129) con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.432A.760.1, correspondente aos orzamentos do ano 2015 na contía de 16.420 euros. O importe da orde, tras esta ampliación, pasará a ser de 96.420 euros con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2015, e de 80.000 para 2016, polo que a contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende á cantidade de 176.420 euros.

Artigo 2

Engadir un novo punto no artigo 15, que sería o 15.10, e quedará redactado da seguinte maneira:

15.10. A documentación requirida na fase xustificativa tamén se poderá presentar electronicamente, accedendo ao expediente do presente procedemento na Carpeta do cidadán da entidade local que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.es/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

A devandita documentación deberá presentarse electronicamente na Carpeta do cidadán utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 3

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida Orde do 22 de xuño de 2015 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria