Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 14 de agosto de 2015 Páx. 33450

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 11 de agosto de 2015 pola que se amplía o crédito e se modifica o prazo de xustificación da Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca, e se convocan para o exercicio 2015, tramitada como anticipada de gasto.

A través da Orde do 30 de decembro de 2014 (DOG núm. 13, do 21 de xaneiro de 2015), convocáronse para 2015 as axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca.

O artigo 3, número 3, desta orde establece que o importe fixado na convocatoria poderá ser ampliado no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes. Tendo en conta que o crédito inicial da convocatoria non abonda para atender todas as solicitudes presentadas e que existe crédito susceptible de ser utilizado para este fin, considérase conveniente ampliar o importe inicial en 11.827.827,77 €, de maneira que se acade un maior grao de execución orzamentaria.

O artigo 14 fixa como prazo para a materialización e xustificación do despezamento o 30 de setembro de 2015. Coa finalidade de que todos os beneficiarios dispoñan de tempo abondo para materializar e xustificar o cumprimento do obxecto da subvención, amplíase este prazo ata o 30 de outubro de 2015.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación de crédito

Amplíase o importe total máximo das subvencións que se concedan con cargo á convocatoria para o ano 2015 das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca, nun importe de 11.827.827,77 € con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. O novo importe total máximo, sumando o importe inicial e a ampliación, pasa a ser dun total de 20.172.854,77 €. Esta modificación non dá lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 2. Modificación do prazo de materialización e xustificación

1. Modifícase o artigo 14, punto 1, da Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca e se convocan para o exercicio 2015, tramitada como anticipada de gasto, que queda redactado como segue:

«Con carácter xeral o prazo para a materialización e xustificación do despezamento será o 30 de outubro de 2015. A materialización e xustificación do despezamento fóra de prazo implicará a perda do dereito de cobramento das axudas concedidas».

2. Modifícase o punto 2.a).i) do citado artigo 14, que queda redactado como segue:

«i) No caso de despezamento:

– Certificación da capitanía marítima acreditativa do despezamento ou do inicio do despezamento que supoña que o buque se atopa inservible e irrecuperable para navegar. Se o buque se despeza no estranxeiro, esta acreditación realizarase mediante certificación dun organismo habilitado para tal fin coa inescusable intervención das autoridades españolas correspondentes (embaixada, consulado ou outras con capacidade para realizala).

– Documentación mediante imaxes de todo o proceso de despezamento, incluído o desmantelamento do casco.

– Xustificante ou xustificantes dos pagamentos efectuados entre a empresa que realice o despezamento e o armador e/ou propietario do buque.

– O buque debe estar dado de baixa no Censo de Frota Pesqueira Operativa.

– No caso de que o beneficiario, de acordo coa opción recollida na alínea primeira deste punto i), acredite soamente o inicio do despezamento, deberá xuntar un compromiso notarial, subscrito polo propietario do buque, en que se comprometa á finalización do despezamento no prazo máximo de seis meses desde a presentación da documentación para o pagamento. Neste tempo deberá achegar a certificación do despezamento do buque e demais documentación xustificativa indicada neste punto i). O transcurso deste prazo sen que se acredite o despezamento do buque nos termos indicados será causa de reintegro da axuda concedida».

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2015

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar