Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 7 de agosto de 2015 Páx. 32553

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 27 de xullo de 2015 pola que se convoca a concesión de subvencións para as persoas adquirentes, adxudicatarias ou promotoras individuais para uso propio de vivenda, que conten co financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O artigo 4.2 do citado decreto establece que as subvencións con cargo a fondos finalistas do Estado, xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financien con fondos propios da Comunidade Autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás disposicións que a desenvolven. Ademais, no artigo 4.3 se dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Estas axudas teñen por obxecto facilitar o primeiro acceso á vivenda en propiedade e están dirixidas ás persoas adquirentes, ás persoas adxudicatarias de vivendas promovidas en réxime de cooperativa e ás persoas promotoras individuais de vivendas para uso propio, que conten co financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

Para a concesión destas subvencións é preciso que a persoa solicitante formalizase un préstamo convido do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2011, e que cumpra o resto dos requisitos establecidos nesta orde.

A exixencia, como requisito para acceder a estas axudas, da formalización dun préstamo convido dentro do devandito intervalo de datas obedece ás dispoñibilidades orzamentarias e á previsión que fai a Administración das persoas solicitantes que puideron formalizar o préstamo convido nese intervalo.

De conformidade co disposto no artigo 4.3 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, e no artigo 4 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar para a anualidade 2015, a través dun procedemento en réxime de concorrencia non competitiva, subvencións destinadas a afrontar os gastos derivados da adquisición, da adxudicación ou da promoción individual de vivenda para uso propio, por parte de persoas que conten co financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

Artigo 2. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións foron aprobadas mediante o Decreto 402/2009, do 22 de outubro (Diario Oficial de Galicia núm. 217, do 5 de novembro), polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

Artigo 3. Crédito orzamentario e contía total máxima da convocatoria

1. As subvencións que se convocan mediante esta orde concederanse con cargo ao crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 07.81.451B.780.1, do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para o ano 2015, a cal está dotada axeitada e suficientemente e na cal se reserva o importe total de 276.300 € para atender as concesións que procedan.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as seguintes persoas:

a) As adquirentes de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.

b) As adxudicatarias de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral promovidas en réxime de cooperativa.

c) As promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.

d) As adquirentes de vivendas libres de prezo limitado e de vivendas usadas.

2. En todo caso, será requisito necesario que as persoas beneficiarias estean acollidas ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, así como ter formalizado un préstamo convido entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2011 e, ademais,

a) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, que conten coa escritura pública de compravenda ou adxudicación inscrita no Rexistro da Propiedade, onde conste, separadamente, o prezo da vivenda e de cada un dos anexos, se os tiver.

b) Cando se trate de persoa promotora individual para uso propio de vivenda protexida, que conte coa resolución de cualificación definitiva da vivenda.

3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións aquelas en que concorran algunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e tampouco aquelas que obtivesen con anterioridade as mesmas axudas que se convocan nesta orde.

4. As circunstancias persoais da persoa solicitante e da súa unidade familiar que se terán en conta para resolver sobre estas subvencións serán as acreditadas no expediente polo que se outorgou o financiamento estatal, así como as acreditadas na documentación indicada no artigo 8 desta orde.

Para a tramitación destas solicitudes terase en conta a documentación xa presentada polas persoas solicitantes na súa solicitude de financiamento estatal, sen que sexa preciso volver a achegala.

Artigo 5. Contía das subvencións

1. Para as persoas beneficiarias con dereito a protección preferente, de acordo co establecido no artigo 1.2 do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, excepto no suposto previsto na súa letra l), relativo ás persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, correspóndenlles unha axuda de 2.000 euros. Se se acredita a pertenza a máis dun colectivo dos establecidos nese artigo, a subvención será de 2.000 euros por cada un deles. As familias numerosas de cinco ou máis fillos terán unha axuda adicional de 2.000 euros.

2. As persoas solicitantes con ingresos familiares que non excedan de 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) nas cales concorra a circunstancia sinalada na letra l) do devandito artigo 1.2, así como as persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade, corresponderalles, como subvención, o 25 % do prezo total da vivenda que figura na correspondente escritura de compravenda ou adxudicación ou, no caso de promoción individual para uso propio, da suma dos valores da edificación e do solo que consten na escritura de obra nova. Nestes casos, a subvención terá un límite de 17.000 euros. As circunstancias acreditaranse mediante informe social do concello e por certificación do organismo competente en materia de emigración. Estes colectivos non poderán acollerse ás axudas recollidas no punto 1 deste artigo.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta orde, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se for o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberto, á cal se xuntará a documentación que nel se indica. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación da solicitude por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando para iso o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

6. No modelo de solicitude poderanse asinar as seguintes autorizacións:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non facelo, deberase xuntar a copia do DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de representante, para acreditar a súa identidade, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non facelo, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

c) Para consultar os datos de residencia da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. No caso de non facelo, deberase presentar o certificado de empadroamento.

7. No modelo de solicitude realizaranse, ademais, as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para o mesmo proxecto. No caso de ter solicitado ou concedido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida.

c) Que todos os datos da solicitude son correctos.

d) Non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

f) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

Artigo 8. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, do seu representante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) Certificados acreditativos de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

c) Certificación da entidade de crédito en que se indique que a persoa solicitante obtivo o préstamo convido ao abeiro do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, a súa data de formalización e o seu importe.

d) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, copia da escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade que acredite a adquisición da vivenda.

e) No caso de persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, o informe social e económico do concello sobre a familia afectada, así como da súa situación legal de residencia e da súa capacidade de integración.

f) Declaración responsable, de ser o caso, de ter a condición de emigrantes galegos retornados nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade, para os efectos da solicitude de informe da Secretaría Xeral de Emigración.

g) Autorización da persoa ou persoas copropietarias da vivenda, segundo o modelo anexo II desta orde.

Artigo 9. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

A tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución da axuda correspóndelle á Área Provincial do IGVS. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 11. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a presente convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, terase por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. De conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da Área Provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 3 desta orde, resolverá o que segundo en dereito proceda.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. Mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, acordarase tanto o outorgamento das subvencións como a súa denegación, de xeito motivado.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 13. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade da data de formalización da escritura do préstamo convido. No caso de igualdade da data de formalización da escritura do préstamo convido, resolverase atendendo á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no rexistro da Area Provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Artigo 14. Xustificación do gasto subvencionable

De conformidade co artigo 38 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, a subvención xustificarase, no caso de promotores/as individuais de vivenda para uso propio, mediante a resolución de cualificación definitiva da vivenda e a acreditación da obtención do préstamo convido e, no caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias de vivenda, cando se achegue a escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade que acredite a transmisión da vivenda e a obtención do préstamo convido.

Artigo 15. Pagamento das subvencións

O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida a subvención, mediante transferencia bancaria na conta que sinalen para o efecto.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude, poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 17. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Esta subvención é compatible con outras formas de axuda ou subvención que a persoa beneficiaria poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que lle corresponden nesta orde, así como ás doutras administracións ou organismos públicos, non poderá superar o prezo máximo de adquisición da vivenda obxecto de axudas por esta convocatoria.

2. No caso de que a adquisición, a adxudicación ou a promoción individual para uso propio dunha vivenda se fixese en réxime de cotitularidade, só se concederá unha subvención por vivenda.

Artigo 18. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle podan impoñer.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a planificacion.igvs@xunta.es

Disposición adicional única. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño,de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro e no Decreto 402/2009, do 22 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file