Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 6 de agosto de 2015 Páx. 32354

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 29 de xullo de 2015 pola que se amplía o crédito da Orde do 19 de febreiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas destinadas á renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código do procedemento IN532A).

A través da Orde do 19 de febreiro de 2015 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), convocáronse para o ano 2015 as axudas destinadas á renovación total ou parcial de ascensores existentes, en réxime de concorrencia non competitiva.

O artigo 3 das bases reguladoras da Orde do 19 de febreiro de 2015, relativo ao crédito orzamentario destinado ás axudas, establece que se destinará unha contía de 700.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.732A.781.0 e prevé a posibilidade de incrementar as ditas cantidades en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, non supoñendo este feito a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Para a tramitación dos expedientes de axuda desta convocatoria o crédito orzamentario inicial deberase incrementar para atender as necesidades de fondos para a súa tramitación, polo que procede a oportuna modificación orzamentaria incorporando crédito na aplicación 08.03.732A.781.0 «Plan Renove de Ascensores» por un importe total de 500.000,00 €.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificar o artigo 3 das bases reguladoras da Orde da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2015 no referente ao crédito orzamentario destinado, incrementando este en 500.000,00 euros, pasando de 700.000,00 euros á cantidade final de 1.200.000,00 euros.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2015

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía e Industria