Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 4 de agosto de 2015 Páx. 32159

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2015 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública dos documentos titulados proxecto do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa (ciclo 2015-2021) e estudo ambiental estratéxico.

A Directiva 2007/60/CE, relativa á avaliación e a xestión dos riscos de inundación, trasposta ao noso ordenamento xurídico polo Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación, ten como principais obxectivos obter un axeitado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas das inundacións.

Neste contexto, Augas de Galicia elaborou o Plan de xestión do risco de inundación e o seu estudo ambiental estratéxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, dando cumprimento ao disposto no Real decreto 903/2010.

Tendo en conta todo o anterior, Augas de Galicia anuncia a apertura do período de consulta pública dos documentos titulados proxecto do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa (ciclo 2015-2021) e estudo ambiental estratéxico, de acordo co establecido no artigo 13.3 do dito Real decreto 903/2010, nos artigos 20 e 21 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental e no artigo 86 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para tales efectos, o Plan de xestión do risco de inundación e o seu estudo ambiental estratéxico poderanse consultar durante tres (3) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, nas sedes e páxina web do organismo de conca e, dentro dese prazo, poderanse realizar cantas propostas, observacións e suxestións se consideren oportunas dirixidas ao organismo de conca.

A modalidade de participación neste proceso de consulta pública será por escrito dirixido ao director de Augas de Galicia, con enderezo na praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

Os documentos estarán á disposición pública na páxina web http://augas.cmati.xunta.es . Así mesmo, o texto dos documentos estará á disposición pública nos seguintes lugares:

a) Augas de Galicia, servizos centrais: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

b) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte: edificio administrativo da Xunta de Galicia en Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2-9º, 15008, A Coruña.

c) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Centro: rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.

d) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur: rúa San Salvador, 2-4º, 36201 Vigo.

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos, o consentimento da súa publicación no marco deste proceso participativo. Por outra parte, os datos persoais incluiranse en ficheiros sometidos ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Quen participe neste proceso poderá exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición, cubrindo a debida solicitude dirixida ao organismo de conca.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2015

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia