Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Xoves, 30 de xullo de 2015 Páx. 31758

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se nomean os dous membros electivos do Consello de Dirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) foi creado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG nº 94, do 18 de maio), que aprobou o seu regulamento. É un órgano técnico ao servizo da Administración de xustiza, con ámbito territorial en toda a comunidade autónoma, que ten como función auxiliar os xulgados, tribunais, fiscalías e oficinas de rexistro civil en materia de medicina forense. O instituto está adscrito organicamente á consellería competente en materia de xustiza, pero nas súas funcións técnicas actúa con carácter independente e emite os seus informes suxeito ás regras de investigación científica.

Segundo o artigo 8 do seu regulamento, o Consello de Dirección do Imelga estará presidido polo director e integrado, como membros natos, polos subdirectores e xefes de servizo, e como membros electos, por dous médicos forenses. Engade que estes últimos serán elixidos por votación libre e secreta do persoal que preste servizos no instituto, por un mandato de catro anos. Tamén se establece que estes membros de designación electiva cesarán no seu cargo por transcorrer o prazo do seu mandato, por deixar de prestar servizos no ámbito do Instituto de Medicina Legal de Galicia e mais por renuncia.

En aplicación desta previsión, a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 13 de marzo de 2015 convocou e regulou o proceso de elección de dúas persoas do corpo de médicos forenses como membros do Consello de Dirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (DOG do 27 de marzo de 2015). O dito proceso, ao cal se presentaron tres candidaturas, concluíu coa votación realizada o día 30 de xuño de 2015, na cal puido participar todo o persoal do referido instituto (funcionarios e laborais).

Realizado o escrutinio, a mesa electoral realizou a proclamación definitiva de resultados, que recolleu en acta do 6 de xullo de 2015 e que remitiu a este centro directivo para os efectos de nomeamento dos candidatos elixidos.

Daquela, vista a documentación remitida por la mesa electoral, e consonte o previsto no punto 5.4 da dita Orde do 13 de marzo de 2015 en relación coa normativa mencionada e demais aplicable, esta dirección xeral

RESOLVE:

Nomear como membros electivos do Consello de Dirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) os médicos forenses Ana Losada Gil e José Luis Cascallana Álvarez por un período de catro anos, e publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución esgota a vía administrativa, e contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o xulgado competente no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2015

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza