Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 17 de xullo de 2015 Páx. 30028

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2015 pola que se convoca a provisión do posto de coordinador/a do Departamento de Produción Teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais.

En virtude da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, e do seu estatuto, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, esta axencia

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto de coordinador/a do Departamento de Produción Teatral da Agadic, a que lle corresponden as función atribuídas polo Estatuto da Agadic, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá este proceso selectivo, que se engade como anexo I desta resolución.

Terceiro. Contra a presente resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderá impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2015

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I
Bases polas que se regula a convocatoria para a selección do/a candidato/a para a cobertura do posto de coordinador/a do Departamento de Produción Teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece, na súa disposición transitoria quinta, que mentres non se regule o réxime do persoal directivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, as axencias públicas autonómicas e os consorcios poden prover os postos que, consonte as súas relacións de postos de traballo ou cadros de persoal, correspondan ao persoal directivo, entre persoal funcionario ou mediante contratos de alta dirección nos termos sinalados no artigo 13.2 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

A Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, sinala que é persoal directivo o que desenvolve funcións profesionais directivas nas administracións públicas definidas como tales nas normas específicas de cada Administración, indicando que, cando o persoal directivo reúna a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección.

Pola súa banda, o artigo 33 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, determina que teñen a condición de persoal directivo as persoas que desenvolven funcións directivas profesionais nas administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación da citada lei. O artigo 34 da mesma norma di que a adquisición da condición de persoal directivo se baseará nos principios de mérito e capacidade e en criterios de idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e concorrencia entre o persoal funcionario de carreira e o persoal laboral fixo ao servizo das administracións publicas. O parágrafo 3 sinala que a provisión dos postos directivos se levará a cabo por procedementos obxectivos que garantan a publicidade e concorrencia entre as persoas que teñan a condición de persoal directivo. Non obstante o anterior, nas entidades públicas instrumentais tamén se poderán prover excepcionalmente con persoas que non teñan a condición de persoal directivo.

O artigo 34.4 da Lei 2/2015 establece que o persoal funcionario de carreira que teña a condición de persoal directivo e sexa nomeado para desempeñar un posto cualificado como directivo na correspondente relación de postos directivos manterá a situación de servizo activo no corpo ou escala a que pertenza. O persoal laboral fixo será declarado na situación que corresponda segundo a lexislación laboral e o convenio colectivo de aplicación.

O artigo 34.5 da citada lei sinala que os contratos laborais de alta dirección do persoal directivo incluirán un pacto de permanencia e non competencia poscontractual polos dous anos seguintes á extinción do contrato.

Mediante o Decreto 150/2012, do 12 de xullo, apróbase o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, e no artigo 22 deste texto estableceuse que, baixo a dirección da directora ou director, a axencia estruturarase en cinco departamentos, á fronte dos cales existirá unha coordinadora ou coordinador: o Departamento de Xestión, o Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais, o Departamento de Política Audiovisual, o Departamento de Produción Teatral e o Departamento de Produción Coreográfica.

Pola súa banda, o artigo 35 do Estatuto establece que constitúen o persoal directivo da Agadic as persoas coordinadoras dos diferentes departamentos, engade que serán nomeados e separados polo Consello Reitor, por proposta motivada da Dirección, e que na súa designación e se atenderá principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

Por acordo do Consello Reitor do 17 de xuño de 2015 adoptouse, entre outros acordos, o de cubrir o posto de coordinador/a de Departamento de Produción Teatral da Agadic.

Por todo o anterior, apróbase esta convocatoria, coa finalidade de seleccionar a candidata ou candidato axeitado para a provisión desta praza, consonte os sinalados principios de mérito e capacidade e a través dun procedemento que garanta a publicidade e concorrencia legalmente exixida na súa selección, para o seu posterior nomeamento ou contratación nos termos previstos no artigo 35 dos estatutos desta axencia, de acordo coas seguintes

Bases:

1. Obxecto da convocatoria.

Constitúe o obxecto da presente convocatoria a selección para a provisión, mediante nomeamento ou contratación de persoal directivo, dun/dunha coordinador/a do Departamento de Produción Teatral.

2. Retribución e incompatibilidades.

2.1. Retribucións. As retribucións brutas anuais ascenderán a 37.027,44 euros.

2.2. Incompatibilidades. A persoa que ocupe a coordinación do Departamento de Produción Teatral estará sometida ao sistema de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, regulado na Lei 53/1984, do 26 de decembro.

3. Funcións do/a coordinador/a do Departamento de Produción Teatral.

De acordo co artigo 26 do Decreto 150/2012, de 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, o/a coordinador/a terá as seguintes funcións:

a) Exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego.

b) Dirixir, coordinar e planificar a actividade da sede ao seu cargo.

c) Decidir o plan de programación anual do Centro Dramático Galego e, en particular, o do Salón Teatro de Santiago de Compostela.

d) Seleccionar e contratar as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de producir cada espectáculo programado; facer a selección e contrato dos artistas para aqueles espectáculos que o requiran e, en xeral, xestionar o programa de actividades culturais do Centro Dramático Galego.

e) Impulsar os acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e, en xeral, con cantas institucións públicas e privadas poidan coadxuvar na consecución dos fins do centro.

f) Exercer a representación ordinaria do centro.

g) Desenvolver todas as demais funcións que lle sexan encomendadas especificamente pola Dirección da Agadic.

4. Requisitos e méritos.

4.1. Requisitos dos candidatos.

Os aspirantes deben reunir os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española; ou

– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea, ou

– Ser nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

– Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores desta idade dependentes.

– Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

b) Estar en posesión dunha titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao ou titulación equivalente.

c) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas, ni ter sido inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

d) Ter feitos dezaseis anos.

4.2. Méritos.

a) Experiencia profesional en postos directivos, no ámbito da xestión cultural e/ou de espectáculos, desempeñados na Administración pública.

b) Experiencia profesional en postos directivos no ámbito da xestión cultural e/ou de espectáculos, desempeñados noutras empresas ou institucións.

c) Experiencia profesional noutros postos non directivos no ámbito da xestión cultural e/ou do espectáculo, desempeñados na Administración ou noutras empresas ou institucións.

A acreditación dos méritos incluídos nos puntos precedentes realizarase mediante achega de informe de vida laboral expedido pola Seguridade Social, contratos de traballo e certificado de funcións desempeñadas emitido pola Administración, empresa ou institución contratante.

d) Cursos de especialización ou másters directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se vai desenvolver.

e) Cursos de formación e perfeccionamento: pola acreditación de asistencia a cursos de formación e perfeccionamento expedidos ou homologados por organismos oficiais e directamente relacionados coas funcións propias da praza obxecto da presente convocatoria.

Todos estes méritos deben ser acreditados mediante soporte documental presentado nun documento orixinal ou copia cotexada.

5. Outra documentación (proxecto).

Cada candidato deberá presentar, xunto coa solicitude, un proxecto artístico referido especificamente ao Departamento de Produción Teatral para o ano 2016, documento en que deben definir especificamente os fins, liñas de actuación, programas e obxectivos que se propoña conseguir ou desenvolver, tendo en conta a promoción e posta en valor da arte escénica na Comunidade Autónoma galega. Os custos deste proxecto deberán aparecer desagregados.

Este documento deberá presentarse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e terá unha extensión máxima de 30 páxinas (interliñado sinxelo, letra arial a 12 puntos).

Para a elaboración deste proxecto tomarase como referencia, con carácter exclusivamente orientativo, un orzamento de 500.000 euros.

6. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, no modelo que figura como anexo II, xunto co resto da documentación sinalada, deberán presentarse no Rexistro Xeral da Axencia, sito na Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta (30) días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Á solicitude debe xuntarse declaración xurada ou responsable do/a aspirante de que reúne todos e cada un dos requisitos exixidos para participar neste proceso ou que está en disposición de obtelos no prazo de presentación de solicitudes, no modelo que figura como anexo III das presentes bases.

A solicitude deberá dirixirse ao director da Agadic, acompañada da seguinte documentación:

1) Un currículo completo do candidato ou candidata, así como a documentación acreditativa dos méritos que alegue e que figuran na base 4.2 da convocatoria.

2) O proxecto sinalado na base 5.

7. Admisión de solicitudes.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes de participación, por resolución da Agadic aprobaranse as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

Esta lista publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.info) e no taboleiro de anuncios da Agadic, e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación, para presentar as emendas correspondentes.

Rematado o prazo anterior, ditarase resolución mediante a que se aproba a lista definitiva de aspirantes admitidos/as, que se publicará na forma descrita. Esta publicación implica a desestimación das alegacións ou emendas formuladas por aqueles/as aspirantes que quedan definitivamente excluídos/as.

O feito de ser admitido non presupón o cumprimento dos requisitos para participar nesta convocatoria, que se acreditarán documentalmente como se indica na base 10 da presente convocatoria.

8. Órgano de selección (comisión de valoración).

O órgano de selección será unha comisión de valoración nomeada por resolución do director da Agadic. A comisión, no seu funcionamento e actuación, axustarase ás instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

9. Procedemento selectivo.

9.1. Valoración de méritos e proxecto.

Nunha primeira fase, a comisión de valoración analizará e puntuará os méritos alegados e acreditados polos/as candidatos/as indicados na base 4.2, segundo os seguintes criterios:

a) Por acreditar a experiencia sinalada na base 4.2.a): 4 puntos por ano ata un máximo de 16 puntos.

As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

b) Por acreditar a experiencia sinalada na base 4.2.b): 2 puntos por ano ata un máximo de 12 puntos.

As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

c) Por acreditar a experiencia sinalada na base 4.2.c): 2 puntos por ano ata un máximo de 10 puntos.

As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

d) Pola posesión de cursos de especialización ou másters directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se vai desenvolver: 3 puntos por cada un ata un máximo de 9.

e) Pola posesión de cursos de formación e perfeccionamento especificados no punto 4.2.e), outorgaranse as seguintes puntuacións:

– Cursos de menos de 10 horas de duración: 0,30 puntos por cada un.

– Cursos de duración comprendida entre 10 e 19 horas: 0,45 puntos por cada un.

– Cursos de duración comprendida entre 20 e 49 horas: 0,75 puntos por cada un.

– Cursos de duración igual ou superior ás 50 horas: 1,5 puntos por cada un.

No suposto de que as certificacións non especifiquen o número de horas, concederase a puntuación mínima. Non se puntuarán as xornadas, congresos ou similares. O máximo de puntuación por esta epígrafe será de 8 puntos.

A puntuación máxima que se pode acadar polos méritos relacionados nesta primeira fase será de 55 puntos.

Na segunda fase valorarase o plan contido no proxecto segundo os seguintes criterios:

a) Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos (máximo 10 puntos).

b) Estratexias de difusión e promoción do proxecto (máximo 5 puntos).

c) Repercusión do proxecto na creación e fomento de públicos para as artes escénicas (máximo 6 puntos).

d) Viabilidade e eficacia, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas precisas para acadar os obxectivos que se propoñen no proxecto, así como a relación existente entre os obxectivos e os recursos que se estiman para acadalos (máximo 8 puntos).

e) Coñecemento do contexto económico, social, institucional e cultural da Comunidade Autónoma de Galicia (máximo 6 puntos).

A puntuación máxima que se pode acadar polo proxecto será de 35 puntos.

A puntuación acadada nestas dúas fases publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.info), e no taboleiro de anuncios da Agadic, e concederase un prazo de cinco (5) días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas estas alegacións publicarase a listaxe coa puntuación definitiva, entendéndose desestimadas as alegacións daqueles aspirantes que non experimente variación.

9.2. Entrevista.

Os candidatos e candidatas que acaden, unha vez sumadas as puntuacións das dúas fases anteriores, as seis mellores puntuacións, serán convocados/as pola comisión a unha entrevista que versará sobre a exposición e defensa do seu proxecto, e na que a comisión poderá formular as preguntas que considere necesarias respecto del. A duración estimada desta entrevista fíxase en vinte (20) minutos.

Na entrevista valorarase o coñecemento das linguas oficiais de comunidade autónoma, así como das linguas estranxeiras, nomeadamente da lingua portuguesa.

A entrevista terá unha valoración máxima de 10 puntos.

O chamamento para a entrevista realizarase, polo mesmo medio sinalado para a publicación das puntuacións da fase anterior, é dicir, na páxina web da Agadic (www.agadic.info), así como no taboleiro de anuncios da Agadic.

10. Cualificación e proposta do/a candidato/a seleccionado/a.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas tanto nas dúas primeiras fases coma na entrevista.

No caso de empate na puntuación total dirimirase a favor do/a candidato/a que obtivese maior puntuación nas seguintes fases: proxecto, valoración dos méritos e entrevista.

Publicaranse na páxina web da Agadic (www.agadic.info), así como no taboleiro de anuncios da Agadic, as puntuacións obtidas polos/as aspirantes que, no prazo de tres (3) días hábiles, poden formular as alegacións oportunas, que se entenderán estimadas ou desestimadas, segundo proceda, coa publicación da puntuación definitiva.

Unha vez rematada a avaliación dos aspirantes, o órgano de selección elevará a súa proposta, incluíndo, de ser posible, tres candidatas ou candidatos, ao director da Axencia, que resolverá e propoñerá ao Consello Reitor un candidato para que adopte o correspondente acordo de contratación ou de nomeamento, segundo a candidata ou candidato proposto sexa persoal susceptible de contratación laboral ou sexa persoal funcionario. O dito acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O/a candidato/a seleccionado/a deberá acreditar os requisitos para participar neste proceso sinalados na base 4.1 no prazo de cinco (5) días hábiles desde que sexa requirido. Para estes efectos achegarase orixinal ou ben copia cotexada.

De non presentar solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún dos/as candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución do director da Agadic que se publicará no DOG.

11. Nomeamento e toma de posesión.

Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado desempeñase a condición de funcionario/a público/a con destino definitivo noutra Administración pública, o seu nomeamento requirirá o informe favorable do departamento onde preste servizos, que se considerará favorable de non emitirse no prazo de quince (15) días, segundo o preceptuado no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado/a. Se no prazo de dous meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado/a non se pode incorporar á Comunidade Autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión. Neste caso o prazo de toma de posesión será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte (20) días hábiles. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento.

Se o aspirante seleccionado para ocupar o posto de traballo convocado non ten a condición de funcionario/a público, o vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección; no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

ANEXO III

..........................................................................................................................................con enderezo en ........................................................................................................., con DNI......................................, declaro baixo xuramento ou responsablemente, para os efectos de ser admitido no proceso selectivo para a cobertura do posto de coordinador/a do Departamento de Produción Teatral da Agadic, de acordo co previsto na base 6, que cumpro todos e cada un dos requisitos exixidos para participar neste proceso ou que estou en disposición de obtelos no prazo de presentación de solicitudes.

..............................., ....... de ..................... de 2015

(sinatura)

missing image file