Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 10 de xullo de 2015 Páx. 28880

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución de estación de almacenamento de GLP e rede de distribución para a subministración de gas propano canalizado no termo municipal de Celanova (Ourense), promovido pola empresa Repsol Butano, S.A. (expediente IN627A 2015/7-0).

Para os efectos previstos no artigo 46 bis da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Repsol Butano, S.A., con CIF nº A28076420 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Enrique Mariñas Romero, 36, 2º, local 1, 15009 A Coruña.

Antecedentes:

A Consellería de Industria e Comercio, mediante Orde do 1 de febreiro de 1996 (publicada no Diario Oficial de Galicia do 21 de xaneiro de 1997), outorgou a Repsol Butano, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Celanova.

Esta concesión administrativa transformouse en autorización administrativa coa entrada en vigor da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, porque, segundo o establecido na súa disposición adicional sexta, todas as concesións para actividades incluídas no servizo público de subministración de gases combustibles por canalización, quedan extinguidas e substituídas de pleno dereito por autorizacións administrativas.

Obxecto da petición: autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución correspondente á estación de almacenamento de GLP e rede de distribución para a subministración de gas propano canalizado no termo municipal de Celanova (Ourense).

Descrición das instalacións:

– Estación de almacenamento:

Instalarase nunha parcela do núcleo de poboación de Celanova, con referencia catastral 32025A508055620000MO, que linda ao norte coa estrada C-531, ao sur coa estrada OU-0209/rúa do Pavillón, ao leste coa rúa do Pavillón e ao oeste con parcelas privadas. Terá unha capacidade de almacenamento de 100,8 m3 e estará composta por tres depósitos aéreos, cunha capacidade unitaria de 33,6 m3, e demais instalacións complementarias de valvulame, regulación e seguridade. As características fundamentais de cada depósito son:

Marca: Lapesa.

Modelo: LP 34 A.

Forma: cilíndrica horizontal.

Tipo: aéreo.

Capacidade: 33.600 l.

Lonxitude: 14.580 mm.

Diámetro: 1.750 mm.

Contido: 14.112 kg de propano.

Presión de deseño: 20 bar.

Grao máximo de enchedura: 85 %.

– Rede de distribución:

A rede de distribución, que partirá da estación de almacenamento, terá unha presión máxima de operación de 2 kg/cm2, estará formada por tubaxe de polietileno de media densidade SDR-11, en diámetros de 110, 90, 63 e 40 mm, e terá unha lonxitude de 3.903 m. Así mesmo, deseñarase para admitir a distribución tanto de gas propano comercial como de gas natural.

Área de autorización: a solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal de Celanova, na provincia de Ourense.

Orzamento: cento trinta e nove mil sesenta euros con cincuenta e seis céntimos (139.060,56 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, podendo examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria, rúa Curros Enríquez, 1, 4º, 32003 Ourense.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas