Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 8 de xullo de 2015 Páx. 28339

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e a resolución provisional do concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal estatutario de xestión e servizos, convocado pola Resolución do 19 de novembro de 2014.

Mediante Resolución desta dirección xeral do 19 de novembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 2 de decembro) convocouse concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal estatutario de xestión e servizos do Servizo Galego de Saúde.

Por Resolución do 11 de decembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 247, do 26 de decembro) procedeuse á corrección de erros dos anexos III e IV da antedita resolución, coa reapertura nas categorías de grupo administrativo da función administrativa, persoal de servizos xerais e condutor/a dun prazo dun mes para a presentación de solicitudes, que finalizou o 26 de xaneiro de 2015.

Por Resolución do 20 de abril de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 79, do 28 de abril) publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as no devandito proceso.

De conformidade co previsto na base décimo primeira da Resolución de convocatoria do proceso, do 19 de novembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 2 de decembro), logo de finalizada a análise das reclamacións presentadas contra a listaxe de admitidos/excluídos e finalizada a validación e baremación dos méritos alegados e acreditados polos/as concursantes, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal estatutario de xestión e servizos, convocado pola Resolución do 19 de novembro de 2014.

Segundo. Declarar resolto provisionalmente o antedito concurso de traslados, coa publicación das puntuacións e destinos provisionalmente asignados.

Como consecuencia da reordenación de unidades asistenciais efectuada polo Decreto 88/2015, do 25 de xuño, polo que se integran no Servizo Galego de Saúde determinadas unidades de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. (Diario Oficial de Galicia núm. 121, do 30 de xuño), posterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación neste concurso de traslados, os destinos que foron ofertados nos anexos III e IV da Resolución do 19 de novembro de 2014 como centro de destino Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios e deixaron de ter adscrición a tal centro con efectos do 1 de xullo de 2015 en execución do antedito decreto (anexo III) non son obxecto de adxudicación ao non corresponderse a nova adscrición co destino ofertado.

Terceiro. As listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais, se é o caso, asignados están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) .

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos .

Cuarto. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas interesadas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Quinto. De conformidade coa base 11.4 da Resolución do 19 de novembro de 2014, os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.

Tales reclamacións, que deberán ir dirixidas á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva que aprobará a autoridade convocante e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos