Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 6 de xullo de 2015 Páx. 28095

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO das bases para a prestación de servizos de control financeiro aos concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes.

Bases para a prestación de servizos de control financeiro aos concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia.

Primeira. Obxecto da delegación

1. No exercicio da competencia de asistencia económica a municipios prevista no artigo 36.1.b) da Lei 7/1985, de bases de réxime local, a Deputación Provincial da Coruña asumirá por delegación as competencias que en materia de control financeiro ten a secretaría-intervención dos concellos de menos de 5.000 habitantes, en relación coas subvencións outorgadas e contratos de xestión de servizos públicos que se concretan máis adiante, mediante a adhesión particular e expresa do concello outorgante de subvencións e, se for o caso, titular do servizo público correspondente.

2. Asemade, tamén se asumirá por delegación a xestión, liquidación e recadación dos reintegros e posibles sancións que deriven do exercicio do control financeiro de subvencións.

Segunda. Réxime xurídico

O exercicio das competencias en materia de control financeiro delegadas polos concellos rexerase polas presentes bases, sendo, asemade, de aplicación a seguinte normativa:

a) Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, e normativa de desenvolvemento.

b) Texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro.

c) Lei orgánica 2/2012, do 28 de abril, de estabilidade orzamentaria.

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

g) Ordenanza de control financeiro, procedemento de reintegro e sancións da Deputación da Coruña.

h) Normas de auditoría do sector público.

Terceira. Contido e alcance da delegación

1. Contido.

Os concellos poderán delegar as seguintes funcións:

a) O exercicio das funcións de control financeiro sobre as subvencións pagadas nun determinado exercicio ou de todos os exercicios pechados, sempre que as obrigas dos beneficiarios non estean prescritas.

b) A instrución e resolución dos expedientes de reintegro e sancionadores derivados dos informes de control financeiro que se emitan en virtude da delegación anterior, así como a liquidación e recadación, tanto en período voluntario coma en executivo, dos ingresos de dereito público resultantes. Para este efecto, resultarán tamén de aplicación a esta delegación as bases para a prestación de servizos tributarios aos concellos da provincia.

c) A emisión de informes de control financeiro sobre os servizos públicos municipais xestionados indirectamente mediante concesión administrativa ou figura similar (xestión interesada, sociedade de economía mixta ou concerto).

2. Alcance do exercicio das competencias delegadas.

2.1. A delegación de competencias en materia de control financeiro de subvencións implica que a Deputación asumirá a totalidade das funcións da intervención municipal con respecto ao exercicio desta función. Asemade, asumirá as competencias para a tramitación dos posibles expedientes de reintegro que deriven dos informes emitidos, así como o exercicio da potestade sancionadora cando se aprecie algunha conduta infractora nos informes emitidos. Finalmente, tamén abranguerá a xestión e recadación das liquidacións resultantes dos procedementos de reintegro e sancionadores, que permitirá á Deputación liquidar e recadar, tanto en período voluntario como executivo, as sancións resultantes a través dos servizos da Área Tributaria. Os importes obtidos serán ingresados en prol de cada concello segundo o previsto nas bases para a prestación de servizos tributarios anteriormente referidos, unha vez descontada a taxa que se xera en prol da Deputación.

2.2. No ámbito da xestión indirecta de servizos públicos, a delegación comprenderá a función de emitir anualmente un informe respecto da axeitada presentación da información financeira, do cumprimento das normas, contratos e directrices que resulten de aplicación e do grao de eficacia e eficiencia na consecución dos obxectivos previstos.

Cuarta. Colaboración dos concellos

De conformidade co disposto nos artigos 106.3 de la Ley 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 8 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e co obxecto de facilitar o exercicio das competencias delegadas á Deputación, os concellos deberán prestar toda a colaboración necesaria, especialmente nos seguintes aspectos:

a) Remisión de copia compulsada, completa e numerada de todos os expedientes que sexan solicitados no ámbito dos controis que se van realizar.

b) Expedición de todas as certificacións ou informes que lle sexan solicitados para o exacto coñecemento dos antecedentes e datos necesarios para a emisión do informe de control financeiro.

c) Acceso á información contable, mediante autorización expedida para o efecto.

d) Información e, se for o caso, apoio para realizar as notificacións de comunicación de inicio de actuacións, requirimentos e informes ás entidades obxecto do control.

e) Autorización para dispor dun local municipal axeitado para a realización das actuacións, para o caso de que as entidades obxecto de control non dispoñan de local propio.

Quinta. Procedemento para o exercicio do control financeiro de subvencións, expedientes de reintegro e potestade sancionadora

Unha vez que se teñan adoptado os acordos para facer efectiva a delegación do exercicio do control financeiro de subvencións, procederase do seguinte xeito:

1. A intervención do concello delegante expedirá unha relación certificada en formato de folla de cálculo, comprensiva de todas as subvencións pagadas nos exercicios pechados a que se estenda a delegación, indicando o nome do beneficiario e o seu NIF, importe pagado, data de pagamento e aplicación orzamentaria a que se imputou o gasto.

2. Recibida a relación certificada na Deputación, o Negociado de Control Financeiro procederá a realizar a escolla dos expedientes que se sometan a auditoría, utilizando para tal finalidade os criterios aprobados polo Pleno da Corporación para o exercicio do control financeiro sobre as subvencións pagadas pola propia deputación. En todo caso, o número de expedientes escolleitos non poderá resultar inferior a tres por cada concello e ano a que se estenda o control. Do proceso de selección, así como da aplicación dos criterios, emitirase a correspondente acta ante o secretario xeral da Deputación.

3. De inmediato darase conta ao concello do resultado da escolla, con indicación dos expedientes obtidos na mostra, que deberán ser remitidos polo concello respectivo no prazo de quince días hábiles, preferentemente en soporte dixital debidamente autenticado. Cada expediente deberá conter, polo menos, a seguinte documentación: bases da convocatoria, solicitude do beneficiario, informes de valoración, resolución de concesión, documentación xustificativa, resolución de pagamento e documentación acreditativa deste en que conste a data en que se realizou.

4. Realizadas as actuacións de control financeiro en cada un dos expedientes e emitido o informe definitivo, será remitida unha copia á alcaldía do concello respectivo. Asemade, anualmente remitirase a cada concello un informe global de todas as actuacións realizadas, co fin de que se eleve ao Pleno da Corporación, de conformidade co disposto no artigo 220.4 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

5. No caso de que proceda a tramitación de expedientes de reintegro ou sancionadores, unha vez emitida a resolución definitiva que proceda, unha copia tamén lle será remitida á alcaldía do concello respectivo. As liquidacións resultantes serán tramitadas pola Área Tributaria da Deputación e o concello debe adoptar o acordo de delegación da liquidación, xestión e recadación destes ingresos de dereito público. Neste caso, os ingresos obtidos serán incluídos na liquidación do período a que correspondan.

Sexta. Procedemento para o exercicio do control financeiro sobre xestión indirecta dos servicios públicos municipais

1. Determinado o alcance da delegación no acordo correspondente, o concello delegante deberá achegar, polo menos, a seguinte documentación con respecto a cada servicio sobre o que se estenda:

• Normativa que defina o réxime xurídico básico do servizo (regulamento) e, se for o caso, ordenanza reguladora da taxa ou do prezo público que se exixe aos usuarios.

• Copia completa do expediente que se tramitou para a adxudicación do contrato de xestión do servizo público e oferta presentada polo adxudicatario.

• Estudo ou informe de custos do servizo.

• Padrón ou relación de usuarios do servizo e, se for o caso, certificación dos importes obtidos pola recadación da taxa ou prezo público.

• Documentación presentada polo contratista con respecto a cada exercicio de xestión.

• Certificación, se for o caso, dos ingresos obtidos polo canon a favor do concello ou dos pagamentos realizados en prol do contratista.

2. Recibida a documentación anterior e completada coa que poida requirirse ao concello ou á empresa contratista, o Negociado de Control Financeiro expedirá un informe provisional no prazo máximo de tres meses, que será notificado á alcaldía do concello respectivo e ao contratista, para os efectos de posibles alegacións, que deberán ser presentadas no prazo de quince días hábiles. Logo de recibirse estas, o Negociado de Control Financeiro expedirá o informe definitivo no prazo máximo dun mes. Este informe seralle notificado ao concello para que se leven a cabo as actuacións que procedan, e tamén á empresa contratista, para o seu coñecemento.

Sétima. Taxas pola prestación dos servizos delegados

1. Será de balde a actividade que abrangue a tramitación dos expedientes de control financeiro e a emisión dos correspondentes informes.

2. A liquidación e recadación dos reintegros de subvencións e, se for o caso, das correspondentes sancións por incumprimentos derivados da Lei de subvencións, queda sometida á taxa xeral regulada na Ordenanza fiscal nº 5 desta deputación.

Oitava. Vixencia da delegación

1. A delegación por parte dos concellos das súas competencias no ámbito do control financeiro de subvencións e, se for o caso, dos servizos públicos en xestión indirecta entrará en vigor unha vez tramitado cada expediente e publicado o acordo correspondente, e deberá manterse por un período mínimo de dous anos.

2. Este prazo inicial de delegación poderá prorrogarse tacitamente por períodos iguais se ningunha das partes comunica á outra, cun mínimo de tres meses de antelación ao seu vencemento, a vontade de deixar sen efecto a delegación, acordo que deberá ser adoptado polo mesmo órgano que tivese aprobado o acordo inicial e co mesmo quórum.

Novena. Acordos de delegación e de aceptación

Unha vez aprobadas as presentes bases polo Pleno da Deputación e publicadas no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, o procedemento para formalizar a delegación en prol da Deputación será o seguinte:

1º. Acordo provisional de delegación de competencias, adoptado polo Pleno do concello delegante co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros que compoñen a corporacion, que deberá contar co informe do órgano interventor da corporación.

2º. Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia e apertura dun prazo mínimo de 30 días hábiles para o coñecemento dos interesados e para a presentación, se for o caso, de alegacións.

3º. Acordo definitivo do Pleno do Concello delegante de resolución, se for o caso, das alegacións presentadas ou de elevación a definitivo do acordo provisional, de non presentarse ningunha.

4º. Notificación á Deputación do acordo definitivo de la delegación, achegando certificación expedida pola secretaría do concello delegante.

5º. Acordo adoptado polo Pleno da Deputación, co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros que compoñen a corporación, de aceptación da delegación se o acordo municipal se axusta ás presentes bases.

6º. Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, segundo o previsto no artigo 7.2º do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Décima. Normas de desenvolvemento

Precedendo os informes de Secretaría e Intervención, facúltase o presidente da Deputación para que poida aprobar, mediante a correspondente resolución, as normas de desenvolvemento que resulten necesarias para a interpretación ou mellor cumprimento das presentes bases.

A Coruña, 25 de maio de 2015

Diego Calvo Pouso José Luis Almau Supervía
       Presidente da Deputación  Secretario da Deputación
Provincial da Coruña   Provincial da Coruña