Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 1 de xullo de 2015 Páx. 27501

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2015 pola que se convoca un curso de formación nos procedementos de detección de drogas en controis preventivos para o persoal dos corpos da policía local de Galicia.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, a Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, anuncia a convocatoria dun curso de formación nos procedementos de detección de drogas en controis preventivos para policías locais.

Primeira. Obxectivos

Dotar os policías locais dun maior nivel de coñecemento e formación acerca da presenza de drogas distintas ao alcol nos condutores.

Os estudos demostraron que as drogas se converteron nun problema máis importante que o alcol e para isto existe toda unha serie de medidas aplicables como parte das políticas viarias, pero sen dúbida unha das que maior eficacia teñen demostrado é a realización de controis en estradas por parte dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e das policías locais.

Segunda. Contido

1. Drogas de abuso: aspectos farmacolóxicos e toxicolóxicos.

2. Drogas e condución de vehículos: aspectos normativos, lexislativos e procedementais.

3. Exploración dos signos externos relacionados co consumo de drogas.

4. Detección de drogas de abuso en fluídos biolóxicos.

5. Técnicas de detección e sistemas para detectar drogas en fluídos biolóxicos.

6. Actividade práctica.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal pertencente aos corpos da policía local. Terán prioridade os policías locais dos concellos que están participando no estudo de consumo de substancias psicoactivas que está a desenvolver a DXT e na intervención sobre consumo de drogas no ámbito urbano:

1. Marín.

2. Brión.

3. Pontevedra.

4. A Coruña.

5. Ourense.

6. O Porriño.

7. Santiago de Compostela.

8. O Barco de Valdeorras.

9. Ferrol.

10. Arteixo.

11. Ames.

A baixa laboral por incapacidade temporal impídelles a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de se producir esta situación, os/as interesados/as deberán comunicar tal situación ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp competente na materia, de forma inmediata. No caso de non facelo, serán penalizados coa non participación nas accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar realizando efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma (nin asistencia, nin aproveitamento).

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta estea producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na súa recuperación.

Cuarta. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

Data: 13 e 14 de xullo de 2015.

Horas lectivas: 20.

Horario día 13: das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 20.30 horas; día 14: das 9.00 ás 14.30 horas e das 16.00 ás 20.00 horas.

Prazas ofertadas: 25.

Quinta. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es). Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas dará lugar á exclusión automática do curso, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais desde a publicación desta resolución no DOG.

Sexta. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web a relación das persoas seleccionadas para participar no curso, cunha antelación mínima de tres días naturais ao da data do seu inicio.

A renuncia non xustificada ou acreditación documental da causa que a produce supoñerá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos convocados polo Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figure como posible destinataria, sen contar edicións repetidas de cursos xa realizados e que, polo menos, teñan a mesma carga horaria que o curso polo cal foi penalizado.

Sétima. Asistencia

1. Obrigatoria.

2. O alumnado deberá asistir co uniforme regulamentario.

A Estrada, 19 de xuño de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública