Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 18 de xuño de 2015 Páx. 24490

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 16 de xuño de 2015 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1.

De conformidade co establecido no Decreto 262/2012, do 20 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 (Diario Oficial de Galicia núm. 247, do 28 de decembro), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (en diante LEPG),

DISPÓN:

Convocar proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir cincuenta (50) prazas do corpo superior da Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A1, pola quenda de promoción interna. O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. De conformidade co Decreto 262/2012, do 20 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, do total de prazas convocadas reservaranse catro (4) prazas para ser cubertas por persoas con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

No suposto de que as prazas cubertas por persoas con discapacidade alcancen a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse ás restantes de acceso xeral.

No suposto de que as ditas prazas cubertas non alcancen a taxa do 3 % das prazas convocadas, as non cubertas acumularanse á cota do 7 % da oferta seguinte, cun límite máximo do 12 %.

Se algún/algunha aspirante con discapacidade que se presente pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outros/as aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído/a pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de admitidos/as e excluídos/as, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na cal se incluirán todos/as os/as candidatos/as que superen todas as probas selectivas, ordenados/as pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

As prazas que non sexan cubertas de acordo co disposto anteriormente acumularanse ás de promoción interna da oferta de emprego público seguinte.

I.1.2. Os/as aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, será excluído/a nas listas provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídos. Tras a publicación da listaxe definitiva de admitidos e excluídos non se permitirá ningún cambio de quenda ou calquera tipo de corrección ou aclaración ao respecto.

I.1.3. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público (en diante EBEP), a LEPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos/as candidatos/as.

Para seren admitidos/as ao proceso selectivo os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Idade: non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título universitario de doutor/a, licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou grao.

Os aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións do dereito da Unión Europea.

1.2.3. Pertencer como funcionario/a de carreira ao corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2), excluídas as escalas.

Poderá tamén participar o persoal laboral fixo do grupo I que, no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, ocupe posto reservado a persoal funcionario do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1) na relación de postos de traballo correspondente, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da dita Lei 7/2007. Queda expresamente excluído o persoal laboral indefinido non fixo.

1.2.4. Ter prestados servizos efectivos durante dous anos como funcionario/a no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2), excluídas as escalas, ou como persoal laboral do grupo I que, no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, ocupe posto reservado a persoal funcionario do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1) na relación de postos de traballo correspondente, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da citada Lei 7/2007. Non se computarán en ningún caso os servizos prestados coa condición de persoal laboral indefinido non fixo.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 167 e 172 da LEPG).

I.2.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.7. Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

I.2.8. Non poden participar no proceso selectivo as persoas que xa pertencen ao corpo de funcionarios obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exacións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo na páxina web funcionpublica.xunta.es , seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as/os solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As/os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, a que se refire a base I.2.7, deberán indicalo expresamente na solicitude e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estes aspirantes poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, e no Decreto 262/2012, do 20 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta/o de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exacións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción a/o solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada, dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

Discapacitados:

– Certificado de discapacidade.

Familia numerosa ordinaria ou especial:

– Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses antes á data da convocatoria.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC).

Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta/o de pagamento: a/o solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial:

– Deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento telemático:

Sen certificado dixital:

– Deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital:

– Poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/da titular do certificado desde a opción de pagamento telemático e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento telemático, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da LRX-PAC.

Para a devolución da taxa aboada os/as solicitantes deberán figurar como excluídos/as nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso dos solicitantes admitidos provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático CIXTEC no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no DOG e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes publicaranse na páxina web funcionpublica.xunta.es .

Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o titular da Dirección Xeral da Función Pública ditará unha nova resolución pola que se aproben as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os.

O feito de figurar na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza aos/ás aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde.

En todos os exercicios da fase de oposición teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento de publicación no DOG do nomeamento do tribunal do proceso conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios:

II.1.2. Primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cen (100) preguntas tipo test, máis cinco (5) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta, correspondentes ás seguintes normas:

1. Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: títulos I a X.

2. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia: títulos preliminar I, II e III.

3. Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa: títulos I a VI.

4. Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (título preliminar, libro I, libro II, libro III, títulos I e II, ata o capítulo II, inclusive (1-198); libro IV, título I (208-228); e libro V, título I (316-323).

5. Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público: títulos I a VII.

6. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: títulos I ao IX.

7. V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia (capítulos I ao XIII).

8. Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas (capítulos I a V).

9. Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia: título preliminar e títulos I a VIII.

10. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: títulos preliminar I, II e III.

11. Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: títulos preliminar a VI.

12. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar, capítulo V sección 1ª e capítulo VIII do título I e título II.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción coas normas relacionadas.

O exercicio terá unha duración máxima de cento vinte (120) minutos.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e na páxina web funcionpublica.xunta.es .

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 15 de xaneiro de 2016.

Os aspirantes que tivesen superado a fase de oposición do proceso selectivo convocado pola Orde do 26 de xuño de 2009 para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1 (DOG núm. 129, do 3 de xullo), pero que non aprobaron o proceso selectivo por non reunir méritos suficientes na fase de concurso, quedarán exentos de realizar este exercicio.

Non obstante, se os aspirantes optan por realizar o exercicio, quedará sen efecto o resultado obtido no primeiro exercicio da convocatoria inmediatamente anterior.

II.1.3. Segundo exercicio.

Os/as aspirantes deberán realizar por escrito un suposto práctico de desenvolvemento que elixirán entre dous (2) propostos polo tribunal, correspondentes á normativa obxecto do primeiro exercicio.

Para o desenvolvemento deste exercicio os aspirantes poderán servirse dos textos legais relacionados na base II.1.2.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

O exercicio terá unha duración máxima de tres (3) horas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase na páxina web funcionpublica.xunta.es o suposto práctico en que consistía o exercicio.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.4. Terceiro exercicio.

Os/as aspirantes deberán desenvolver por escrito dous temas do programa (anexo I) que elixirán entre catro, obtidos mediante sorteo polo tribunal (un que elixirán entre dous da parte xeral, e un que elixirán entre dous da parte específica).

O exercicio terá unha duración máxima de tres (3) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para obter esta puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de 40 días hábiles.

II.1.5. Cuarto exercicio, que constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal. Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal. O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.2.1. A orde de actuación dos/das opositoras/es iniciarase alfabéticamente polo/a primeiro/a da letra «Z», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 7 de febreiro de 2012 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución da mesma consellería do 20 de xaneiro de 2012 (DOG núm. 23, do 2 de febreiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2012.

II.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que ao xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos/das aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.

II.2.4. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que os/as aspirantes que non comparezan serán excluídos/as.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG, no Servizo do Rexistro Xeral e Información á Cidadanía da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web funcionpublica.xunta.es , con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.2.7. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate, no Servizo do Rexistro Xeral e Información á Cidadanía da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web funcionpublica.xunta.es . Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.2.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que o/a aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.2.9. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que os/as interesados/as poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas publicarao no DOG.

II.2.10. Aos aspirantes que superen exercicios cunha nota igual ou superior ao 60 % da cualificación máxima deste, conservaráselles a puntuación obtida na convocatoria inmediata seguinte de promoción interna, sempre e cando esta sexa análoga no contido e na forma de cualificación.

II.3. Fase de concurso.

II.3.1. A fase de concurso consistirá na valoración aos aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

II.3.1.1. Persoal funcionario de carreira:

a) Antigüidade: outorgaranse 0,70 puntos por cada ano de servizos efectivos ou fracción superior a 6 meses, ata un máximo de 18 puntos. Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos ao abeiro da Lei 70/1978, de recoñecemento de servizos previos na Administración pública.

b) Grao persoal consolidado e formalizado: outorgarase a seguinte puntuación segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado a través do recoñecemento de grao pola autoridade competente no día de publicación desta convocatoria no DOG:

– Grao 16: 1 puntos.

– Grao 17: 1,5 puntos.

– Grao 18: 2 puntos.

– Grao 19: 2,5 puntos.

– Grao 20: 3 puntos.

– Grao 21: 3,5 puntos.

– Grao 22: 4 puntos.

– Grao 23: 4,5 puntos.

– Grao 24: 5 puntos.

– Grao 25: 5,5 puntos.

– Grao 26: 6 puntos.

– Grao 27: 6,5 puntos.

– Grao 28: 7 puntos.

c) Traballo desenvolvido: outorgarase a seguinte puntuación segundo o nivel do posto de traballo que se ocupe con carácter definitivo o día da publicación desta convocatoria como funcionario do corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2:

– Nivel 16: 1,50 puntos.

– Nivel 18: 2 puntos.

– Nivel 20: 2,50 puntos.

– Nivel 22: 3 puntos.

– Nivel 24: 3,50 puntos.

– Nivel 25: 4 puntos.

– Nivel 26: 4,50 puntos.

– Nivel 28: 5 puntos.

A valoración efectuada nesta epígrafe non poderá ser modificada por futuras reclasificacións de nivel, con independencia dos seus efectos económicos.

O traballo desenvolvido en comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do/da funcionario/a, e aos funcionarios/as en adscrición provisional ou á disposición valoraráselles o nivel correspondente ao grao que teñan consolidado.

d) Formación:

Valoraranse os cursos de formación organizados e impartidos directamente pola Escola Galega da Administración Pública, Escola Galega da Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Servizo Público de Emprego Estatal, Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP), sobre as seguintes materias:

– Procedemento administrativo.

– Seguridade e saúde laboral.

– Contratación administrativa.

– Xestión orzamentaria.

– Subvencións.

– Persoal.

– Igualdade de xénero.

– Dereito sancionador.

– Responsabilidade patrimonial.

– Informática: internet, correo electrónico, procesador de textos, folla de cálculo, bases de datos, deseño de presentacións.

– Protección de datos de carácter persoal.

Así mesmo, puntuaranse os cursos dos idiomas oficiais da Unión Europea organizados e impartidos directamente polos organismos anteriomente indicados ou polas escolas oficiais de idiomas. A puntuación máxima pola asistencia a estes cursos será de 1 punto.

Os cursos valoraranse conforme os seguinte criterios:

– Por cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,20 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75 horas lectivas: 0,40 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 75 horas lectivas e igual ou inferior a 100 horas lectivas: 0,80 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 100 horas lectivas: 1 punto.

Valorarase tamén cos mesmos criterios o diploma de directiva ou directivo no ámbito da Administración autonómica de Galicia.

– Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

A puntuación máxima deste epígrafe é de 6 puntos.

e) Grao de coñecemento do idioma galego:

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

f) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, ata o máximo de 1 punto:

– Licenza por maternidade: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106.2 a) e b) da LEPG: 0,2 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

II.3.1.2. Persoal laboral fixo:

a) Antigüidade: outorgaranse 0,70 puntos por cada ano de servizos efectivos ou fracción superior a 6 meses, ata un máximo de 18 puntos. Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos ao abeiro da Lei 70/1978, de recoñecemento de servizos previos na Administración pública.

b) Traballo desenvolvido: outorgarase a seguinte puntuación segundo o nivel de complemento de destino correspondente ao posto de traballo que se ocupe na Administración da Xunta de Galicia o día de publicación desta convocatoria como persoal laboral fixo do grupo I que ocupe posto reservado a persoal funcionario do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A1) na relación de postos de traballo correspondente:

– Nivel 20: 5 puntos.

– Nivel 22: 6 puntos.

– Nivel 24: 7 puntos.

– Nivel 25: 8 puntos.

– Nivel 26: 9 puntos.

– Nivel 28: 10 puntos.

– Nivel 30: 11 puntos.

c) Superación de probas selectivas para acceder á condición de persoal laboral fixo do grupo I: 1 punto.

d) Formación:

Valoraranse os cursos de formación organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Servizo Público de Emprego Estatal, Dirección Xeral de Emprego e Formación da Consellería de Traballo e Benestar, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de Formación para o Emprego das Administracións Públicas (AFEDAP), sobre as seguintes materias:

– Procedemento administrativo.

– Seguridade e saúde laboral.

– Contratación administrativa.

– Xestión orzamentaria.

– Subvencións.

– Persoal.

– Igualdade de xénero.

– Dereito sancionador.

– Responsabilidade patrimonial.

– Informática: internet, correo electrónico, procesador de textos, folla de cálculo, bases de datos, deseño de presentacións.

– Protección de datos de carácter persoal.

Así mesmo, puntuaranse os cursos dos idiomas oficiais da Unión Europea organizados e impartidos directamente polos organismos anteriomente indicados ou polas escolas oficiais de idiomas. A puntuación máxima pola asistencia a estes cursos será de 1 punto.

Os cursos valoraranse conforme os seguinte criterios:

– Por cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,20 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75 horas lectivas: 0,40 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 75 horas lectivas e igual ou inferior a 100 horas lectivas: 0,80 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 100 horas lectivas: 1 punto.

Valorarase tamén cos mesmos criterios o diploma de directiva ou directivo no ámbito da Administración autonómica de Galicia.

– Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

A puntuación máxima deste epígrafe é de 6 puntos.

e) Grao de coñecemento do idioma galego:

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento do idioma galego, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

f) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG, ata o máximo de 1 punto:

– Licenza por maternidade: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106.2 a) e b) da LEPG: 0,2 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

II.3.2. Os méritos enumerados na base II.3.1. deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación de instancias, e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

II.3.3. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das notas do último exercicio, os aspirantes deberán proceder de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior para presentar a documentación relativa á fase de concurso, que irá dirixida á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

II.3.4. O tribunal procederá á baremación da fase de concurso e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal procederá á publicación no DOG da baremación definitiva da fase de concurso.

II.4. A orde de prelación dos aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do EBEP e artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/a presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesores/as especialistas previstos na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG.

Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/da presidente/a e do/da secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/da secretario/a e o visto e prace do/da presidente/a.

III.8. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatas/os en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/da opositor/a.

As decisións e acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores a que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que coide pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que os/as restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade do/da aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo a que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produzan renuncias das persoas seleccionadas antes da toma de posesión, ou non acrediten os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan as persoas propostas, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario de carreira.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.

III.14. As comunicacións que formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de aprobados/as, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios/as de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, posto que non existe no corpo infrarrepresentación feminina, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida nos exercicios da oposición pola súa orde de realización.

– Puntuación outorgada polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base II.3.1.

– De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 7 de febreiro de 2012 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro).

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como funcionarios/as.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de aprobados/as, estes/as disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

A) Fotocopia cotexada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo de que foi separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

C) Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que os/as aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Os/as que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeados/as funcionarios/as e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, os/as aspirantes serán nomeados/as funcionarios/as de carreira mediante unha orde do/da conselleiro/a competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.5. A adxudicación das prazas ás/aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

Aos aspirantes que superen este proceso selectivo adxudicaráselles destino no mesmo posto que estivesen desempeñando con carácter definitivo sempre que figure na relación de postos de traballo aberto ao corpo da Administración xeral a que accedan.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estea aberto ao corpo a que se acceda, ofertarase na elección de destino unha vacante que poderá ser de nivel superior ao nivel mínimo do subgrupo, no caso de que non haxa vacantes deste nivel.

Ao persoal laboral fixo que supere este proceso selectivo adxudicaráselle destino no mesmo posto que viña desempeñando con carácter definitivo.

IV.6. A toma de posesión dos/as aspirantes aprobados será efectuada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a/o conselleira/o competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2015

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1

I. Parte xeral:

I.1. Dereito autonómico e dereito local.

1. O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia. A Xunta de Galicia e a súa presidencia. O Consello Consultivo de Galicia.

2. O Parlamento de Galicia. Sistema electoral. Funcións do Parlamento. O control parlamentario da acción do Goberno. O Valedor do Pobo.

3. As competencias da Comunidade Autónoma de Galicia no Estatuto de autonomía: exclusivas, concorrentes e de execución da lexislación do Estado.

4. As administracións públicas das comunidades autónomas: bases do réxime xurídico das administracións públicas. A Administración xeral da Comunidade Autónoma galega. A súa organización. As delegacións de Galicia no exterior.

5. As entidades instrumentais do sector público autonómico. As corporacións de dereito público de Galicia. Os colexios profesionais e as cámaras de comercio, industria e navegación de Galicia.

6. O municipio. Poboación municipal, organización e competencias. Eleccións municipais.

7. A provincia: organización e competencias. Outras entidades locais. Especial referencia á comarca e á parroquia.

I.2. Teoría xeral do dereito e dereito civil.

1. As fontes de dereito: teoría xeral e regulación no Código civil. Articulación do sistema de fontes: principios de xerarquía e competencia.

2. O dereito obxectivo. As normas xurídicas; carácteres, estrutura e clases. Interpretación, aplicación e eficacia das normas xurídicas.

3. O dereito subxectivo. O exercicio dos dereitos subxectivos. Boa fe, abuso do dereito e fraude de lei. A relación xurídica.

4. O tempo no dereito obxectivo: ámbito temporal das normas. O tempo en relación cos dereitos subxectivos e coas accións: prescrición e caducidade. Cómputo do tempo. Eficacia espacial das normas.

5. A persoa como suxeito do dereito. A personalidade xurídica. Persoas físicas: adquisición e perda da personalidade. Capacidade de obrar. As persoas xurídicas.

6. O negocio xurídico. Os contratos. Elementos: consentimento, obxecto, causa e forma.

7. O dereito civil galego. A Lei de dereito civil de Galicia. Principais institucións do dereito civil galego.

I.3. Dereito administrativo, parte xeral.

1. O ordenamento xurídico de Galicia: leis de Galicia. Decretos lexislativos. Regulamentos. O réxime xurídico do exercicio das competencias autonómicas. Aplicación do dereito galego.

2. O principio de legalidade da Administración: a súa construción técnica. As potestades administrativas: concepto. A atribución de potestades. Potestades regradas e potestades discrecionais. O control da discrecionalidade: en especial, o control do fin e a desviación de poder. O principio de autotutela.

3. O acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Normativa de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia. Sede electrónica. Identificación e autentificación. Rexistros, comunicacións e notificacións electrónicas. A xestión electrónica dos procedementos.

4. A atención ao cidadá na Comunidade Autónoma de Galicia. A transparencia na actividade administrativa.

5. A protección de datos de carácter persoal. Normativa reguladora. Principios informadores e dereitos das persoas en materia de protección de datos. A Axencia Española de Protección de Datos.

6. A expropiación forzosa. A súa xustificación e natureza. Lexislación vixente: a repartición competencial. Suxeitos, obxecto e causa da expropiación. O procedemento expropiatorio xeral. Particularidades do procedemento de urxencia. A reversión do ben expropiado. Garantías do expropiado. O Xurado de Expropiación Forzosa de Galicia.

7. A seguridade social dos funcionarios públicos. Réxime xeral. Réxime especial de clases pasivas. O mutualismo administrativo.

8. Delitos contra a Administración pública. Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as liberdades constitucionais.

II. Parte especial:

II.1. Dereito administrativo parte especial.

1. Organización territorial. Competencias da Xunta de Galicia en materia de réxime local. Lexislación galega vixente en materia de réxime local.

2. Orde e seguridade cidadá: competencias da Xunta de Galicia; réxime xeral. A Policía de Galicia. As policías locais; a súa coordinación. Competencias da Xunta de Galicia en materia de protección civil, emerxencias, xogos e apostas.

3. A Administración e o ambiente. Competencias da Xunta de Galicia. Avaliación de impacto ambiental, réxime dos residuos e das actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas. Os espazos naturais protexidos. A caza e a pesca fluvial. Competencias da Xunta de Galicia.

4. Ordenación do territorio. O deseño competencial na materia. Réxime urbanístico do solo. Clasificación. Plans de ordenación.

5. Acción administrativa en relación coa vivenda. Competencias da Xunta de Galicia. O Instituto Galego da Vivenda e Solo. Normativa autonómica en materia de vivenda.

6. As obras públicas: competencias da Xunta de Galicia. Estradas: competencias da Xunta de Galicia. Réxime xurídico xeral. Transportes: competencias da Xunta de Galicia e réxime xurídico xeral.

7. Augas terrestres. Competencias da Xunta de Galicia. O dominio público hidráulico. Utilización do dominio público hidráulico.

8. Costas. Competencias da Xunta de Galicia. Delimitación, protección e utilización do dominio público marítimo-terrestre. Os portos. Competencias da Xunta de Galicia.

9. O comercio interior. A delimitación competencial entre o Estado e a Xunta de Galicia. Réxime xurídico da actividade comercial en Galicia.

10. A intervención administrativa en materia de consumo. O Estatuto galego do consumidor e usuario. Planificación económica e intervención no crédito.

11. Investigación, desenvolvemento e innovación. A intervención administrativa no sector industrial e enerxético. Minas. Competencias da Xunta de Galicia. Clasificación e réxime de explotación.

12. A Administración da Xunta de Galicia e o ensino. Competencias da Xunta de Galicia. O sistema educativo. Os centros docentes. A autonomía universitaria. O sistema universitario galego.

13. A sanidade pública. Competencias da Xunta de Galicia e servizos traspasados. A ordenación sanitaria e farmacéutica de Galicia. O Servizo Galego de Saúde: organización e competencias.

14. A cultura. Competencias da Xunta de Galicia. O Consello da Cultura Galega. O patrimonio histórico-artístico. Arquivos, bibliotecas e museos. O turismo. Competencias da Xunta de Galicia.

15. Traballo e emprego. Delimitación de competencias estatais e autonómicas. Cooperativas. Competencias da Xunta de Galicia.

16. Servizos sociais. Infancia; familia; maiores; dependentes.

17. Acción administrativa en materia de agricultura e gandaría. Competencias da Xunta de Galicia. Estruturas agrarias. Concentración parcelaria. Desenvolvemento rural. Vías pecuarias.

18. Os montes: disposicións xerais e competencias da Xunta de Galicia. Clasificación e réxime xurídico dos montes. Xestión, conservación e protección forestal. A prevención de incendios forestais. Os montes veciñais en man común.

19. Pesca, marisqueo e cultivos mariños. Competencias da Xunta de Galicia. Ordenación xurídica e réxime das sancións.

20. As telecomunicacións: o seu réxime xurídico. Especial referencia á radio e á televisión. A Compañía de Radio Televisión de Galicia. A emigración. Os deportes.

21. Políticas públicas para a igualdade de xénero. Normativa de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia.

II.2. Dereito da Unión Europea.

1. A Unión Europea. Natureza. Fontes do dereito europeo: dereito orixinario e dereito derivado. A integración do dereito europeo en España.

2. As institucións da Unión Europea: o Parlamento, o Consello Europeo, o Consello e a Comisión.

3. O Tribunal de Xustiza e o Tribunal de Contas. O Comité Económico e Social. O Comité das Rexións. O sistema europeo de bancos centrais e o Banco Central Europeo. O Banco Europeo de Investimentos.

4. As competencias da Unión Europea. O marco de atribucións concedidas polos tratados. O desenvolvemento das competencias da Unión. As relacións entre as competencias da Unión e as competencias nacionais. Participación dos entes territoriais non estatais no proceso decisorio.

5. A libre circulación de mercadorías e a política comercial común. A libre circulación de traballadores e política social. A liberdade de establecemento e a libre prestación de servizos. A libre circulación de capitais.

6. A política rexional da Unión Europea. Os fondos estruturais. A cohesión económica e social.

7. Política agrícola e pesqueira. Outras políticas comúns.

II.3. Dereito orzamentario e dereito tributario.

1. O control orzamentario. Concepto. Natureza e ámbito de aplicación. Clases. O Consello de Contas.

2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. A función interventora.

3. Xestión dos gastos de persoal: retribucións dos empregados públicos. Devindicación e liquidación. Os gastos de clases pasivas.

4. Xestión dos gastos contractuais: tipos de contratos. Autorización e compromiso de gastos contractuais. Recoñecemento da obriga. Pagamento. Control dos gastos contractuais.

5. Xestión dos gastos de transferencias. Xestión das subvencións.

II.4. Dereito laboral e seguridade social.

1. Seguridade e hixiene no traballo. A Lei de prevención de riscos laborais. Actuacións das administracións públicas: competencias. Dereitos e obrigas dos traballadores e empresarios en materia de prevención. Os servizos de prevención de riscos. Participación dos traballadores.

2. O dereito do traballo. A súa especialidade e carácteres. As fontes do dereito do traballo. O principio de xerarquía normativa. Os convenios colectivos de traballo. Concepto e natureza. Réxime xurídico. Partes. Procedemento. Contido.

3. O contrato de traballo. Concepto. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo.

4. Modalidades do contrato de traballo. A duración do contrato de traballo.

5. Réxime de representación de persoal. Órganos de representación.

6. A acción protectora. As continxencias protexidas: cadro xeral. Prestacións.

7. As prestacións non contributivas da Seguridade Social: finalidade e clases. Invalidez non contributiva: requisitos e procedemento para a súa obtención. Xubilación non contributiva.

ANEXO II

Don/dona..., con domicilio en..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a do corpo superior da Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A1, que non se atopa inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(País e localidade) ..., ... de ... de 2015