Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 10 de xuño de 2015 Páx. 22548

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 29 de maio de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2015.

A Constitución española de 1978 recolle dentro dos principios reitores da política social e económica que os poderes públicos velarán pola seguridade e hixiene no traballo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Mediante o Real decreto 2381/1982, do 24 de xullo, a Comunidade Autónoma de Galicia recibiu o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de gabinetes técnicos provinciais do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a competencia e funcións, entre outras materias, relativas á seguridade e saúde laboral.

Na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das traballadoras e dos traballadores.

Posteriormente, a Lei 54/2003, do 12 de decembro, que modifica a Lei 31/1995, establece o obxectivo de combater dun xeito activo a sinistralidade laboral así como o de reforzar a necesidade de integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa. Isto fai preciso instrumentar mecanismos para as empresas galegas que lles faciliten dar cumprimento a este marco normativo e á normativa de desenvolvemento existente en materia de prevención de riscos laborais como actividade integrada no conxunto de actuacións e decisións da empresa.

En consoancia co anterior, o obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o fomento da prevención de riscos laborais entre as traballadoras e os traballadores de Galicia mediante accións de formación (xornadas técnicas, seminarios, cursos de prevención, etc.), así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e os aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entre os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e o fomento dunha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións por que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, correspondentes ao exercicio de 2015, xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Liñas e o seu financiamento

1. Estas axudas distribúense en dúas liñas:

a) Liña 1: programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego, cun importe total de 300.000,00 euros.

b) Liña 2: outras accións de fomento da prevención de riscos laborais. Esta liña, pola súa vez, subdivídese en tres partes, segundo as accións que sexan subvencionables en cada caso, cun importe total de 1.170.000,00 euros.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, e para o caso de existir remanente de crédito nunha das liñas anteriores, este poderá acumularse á outra liña.

3. A resolución das axudas previstas nesta orde estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente no programa de gasto 11.02.324B.481.1, código de proxecto 201500507 da Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

4. Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias a subvencións inicialmente concedidas ou doutros remanentes. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás tidas en conta para a resolución inicial.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias das axudas recollidas nesta orde de convocatoria serán:

a) Na liña 1, programas de formación intersectorial: as asociacións patronais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais e as organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter intersectorial en ambos os casos.

b) Na liña 2, outras accións de fomento da prevención de riscos laborais:

1º. Fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

2º. Organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.

3º. Asociacións empresariais de ámbito galego, provincial ou autonómico, sectoriais ou intersectoriais, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

4º. Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

2. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada, e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe da acción.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se obteña a autorización previa da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, presentando unha memoria xustificativa para tal efecto.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e ademais o dito importe sexa superior a 60.000 euros, procederase á subscrición dun contrato por escrito. Con carácter previo á sinatura do contrato, solicitarase por escrito autorización ao órgano concedente (Dirección Xeral de Traballo e Economía Social), quen concederá a autorización (se é procedente), pola súa vez, por escrito.

3. Non obstante o indicado no número 1, de conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán constituír agrupacións que terán tamén a condición de beneficiarias:

a) Os membros asociados do beneficiario que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta del. Neste caso, xunto coa solicitude deberán achegar certificado expedido por quen teña estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no cal se acredite a condición de membro asociado integrante desta e un compromiso formalizado entre ambas as dúas entidades en que se determine a parte estimada do plan que ten previsto executar, que será subscrito pola representación legal de ambas as dúas entidades segundo o modelo establecido no anexo IV. En todo caso, o pagamento da subvención efectuarase ao beneficiario principal.

b) As agrupacións formadas por organizacións ou entidades previstas na liña 1 deste artigo e as entidades vinculadas a elas que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades formativas. Deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden a ela. Conxuntamente coa solicitude deberá achegarse copia compulsada do instrumento de formalización da dita agrupación, de data anterior á solicitude da subvención e do compromiso de execución por escrito que deben formalizar as entidades agrupadas, segundo o modelo establecido no anexo V, subscrito pola representación legal destas, concretando que partes do proxecto realizará cada entidade, así como o compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros fronte á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e de non disolución en tanto non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.

4. Non poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) Aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Artigo 4. Accións subvencionables

1. Serán subvencionables as seguintes accións:

a) Liña 1: subvencionaranse programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego.

b) Liña 2: subvencionaranse outras accións de fomento da prevención de riscos laborais, que deberán estar incluídas na seguinte relación:

1º. Liña 2.1. De formación: destinadas a formación específica sectorial en materia de prevención de riscos laborais dirixida a traballadores e traballadoras activos e en situación de desemprego, delegados e delegadas de prevención de empresas galegas preferentemente de entre 6 e 49 persoas traballadoras, recursos preventivos e traballadores e traballadoras designados en empresas de menos de 49 traballadores que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa.

2º. Liña 2.2. Estudos e traballos técnicos relacionados coa seguridade e saúde laboral: de investigación e prospección para a análise da mellora das condicións de traballo en sectores concretos da actividade económica.

3º. Liña 2.3. De difusión, sensibilización e intercambio de experiencias (conferencias, xornadas, seminarios e publicacións):

• Liña 2.3.1. Gabinetes técnicos sectoriais de difusión normativa e técnica, en relación coa Lei de prevención de riscos laborais e normativa de desenvolvemento.

• Liña 2.3.2. Accións divulgativas de sensibilización para investimento específico en prevención de riscos laborais e/ou de intercambio de experiencias e boas prácticas en seguridade e saúde laboral.

• Liña 2.3.3. Realización de materiais e ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguridade e saúde laboral.

4º. En todas as accións subvencionables, tanto no seu proxecto como na súa xustificación exixirase unha calidade mínima que poderá ser verificada ou informada, por petición do órgano tramitador, por persoal técnico na materia.

2. Non serán subvencionables en ningún caso:

a) Accións formativas que non se realicen integramente de forma presencial.

b) Accións que supoñan o cumprimento de obrigas legais en materia preventiva dos integrantes das entidades solicitantes e, en particular:

1º. Cumprimento do artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

2º. Financiamento dos custos de concertos con servizos de prevención alleos ou cotas de participación en servizos de prevención mancomunados.

3º. Custos de funcionamento de medios propios para o desenvolvemento da actividade preventiva (traballadores designados, servizos de prevención propios ou mancomunados).

c) Avaliacións de riscos ou ferramentas para o desenvolvemento de actividades preventivas que xa existan dentro de programas de asesoramentos público aos empresarios.

3. As accións de fomento da prevención de riscos laborais recollidas nesta orde serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución, que inclúen os custos indirectos recollidos no artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos criterios que se recollen no artigo 12.2 e sen prexuízo de que a entidade solicitante achegue unha parte do orzamento total da actividade solicitada.

4. As accións estarán necesariamente relacionadas co proxecto, serán imprescindibles para a súa consecución e realizaranse dentro do período de execución que se detalle na memoria da acción (anexo II).

5. Así mesmo, para poder acollerse á subvención exixirase un mínimo de 15 asistentes a cada acción de formación, de eventos formativos e/ou científico-técnicos en materia de seguridade e saúde laboral e as asociadas ás campañas de sensibilización, informativa, divulgativa e de promoción da cultura da prevención. En casos excepcionais, debidamente motivados e coa autorización expresa da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, poderán autorizarse estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor de 11. Esta autorización será solicitada polo interlocutor designado, por correo electrónico á dirección segur.hixiene.santiago@xunta.es e será comunicada pola mesma vía ao solicitante.

6. Por outra banda, non se permitirá a ausencia a máis dun 20% do tempo total de duración da acción formativa. No caso de que a dita acción se desenvolva por módulos, non se permitirán ausencias de máis dun 10 % en ningún dos módulos.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. As subvencións previstas nesta orde destinaranse a cubrir os gastos incluídos no anexo X, e ata a cantidade máxima establecida no devandito anexo, de acordo co seguinte:

a) Gastos de execución: a compra de material funxible e os gastos relativos a campañas de sensibilización, informativas, divulgativas e de promoción da cultura da prevención. O deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade, coordinación e outros de similar natureza de cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e similares; arrendamentos de aparellos e equipamentos.

Non serán subvencionables as accións que consistan exclusivamente en traducións, adaptacións ou adecuacións de publicacións en calquera formato, físico ou electrónico, ou de ferramentas informáticas existentes, ou as reedicións de publicacións realizadas con anterioridade, recibisen ou non subvención con cargo a convocatorias doutros exercicios desta orde de subvención.

No caso de reedición de material impreso de carácter didáctico que sexa necesario para desenvolver accións formativas, só se subvencionará cando as ditas accións formativas se atopen dentro da solicitude de subvención e a súa tiraxe sexa coherente coas estimacións de asistentes á actividade.

Así mesmo, tampouco serán subvencionables accións cuxo contido, obxecto e destinatarios coincida co desenvolvemento de proxectos subvencionados en anos anteriores.

b) Gastos derivados da contratación de servizos externos con relación directa co proxecto.

c) Gastos de persoal técnico propio da entidade beneficiaria. A súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 30 % do custo mensual laboral. Esta porcentaxe aplícase á totalidade do proxecto con independencia do número de accións que o conformen. Unha vez que existe unha limitación do importe subvencionable por horas, deberán especificar as horas destinadas en cada período á dita función.

d) Retribucións de persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento do proxecto, poderá imputarse o 100 % do custo laboral. Neste suposto deberase presentar, xunto coa restante documentación xustificativa, o contrato de traballo subscrito (no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado) e o parte de alta do traballador ou traballadora na Seguridade Social.

e) Custos indirectos: gastos do proxecto que pola súa natureza non poden imputarse de forma directa (consumo eléctrico, teléfono...), ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións, en calquera das súas fases. Non poderán imputarse estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

f) Específicos da acción concreta: docentes, alugueiros ou arrendamentos de aulas, talleres e medios de transporte, material de protección e seguridade para a realización da acción por parte do solicitante, excluíndo o persoal dos servizos externos contratados, seguro de accidentes dos participantes, poderase imputar o 100 % do gasto, sempre que quede garantida a natureza do gasto en relación coa acción realizada, mediante a constancia expresa no documento xustificativo ou por medio de certificación acreditativa de cada organización.

2. En ningún caso se poderán imputar os gastos do persoal directivo das entidades solicitantes, nin axudas de custo ou custos de desprazamento para asistentes a accións formativas ou de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias, agás os correspondentes a docentes, relatores e coordinadores.

3. O cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Artigo 5. Período de imputación de gastos

Poderanse financiar con cargo a esta orde de convocatoria os gastos derivados de accións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2015 e ata que rematen, conforme o seguinte:

1. Fase de planificación e organización das accións: os gastos enumerados nas alíneas c) e e) do artigo anterior poderanse imputar como máximo 4 meses antes do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu remate, para as relativas á formación específica en prevención de riscos laborais, estudos e traballos técnicos e realización de materiais e ferramentas prácticas; e 2 meses antes e 1 mes despois, correlativamente, para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

2. Fase de realización efectiva da acción: os gastos enumerados nas alíneas a), c), e) e f) imputaranse referidos ao período efectivo en que teñan lugar as accións, agás os gastos de publicidade, que poderán imputarse 2 meses antes de realizar as actividades; e para os relativos á difusión, 1 mes ao remate de todas as actividades relativas ás accións.

3. Os gastos de retribucións do persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento do proxecto (fases de planificación, organización e realización) imputaranse en correspondencia co tempo que figure nos contratos que para o efecto se realicen.

4. Os gastos de contratación de servizos externos corresponderán ao período que conste no contrato de arrendamento de servizos, non podendo superar a fase de planificación e organización os 4 meses anteriores ao inicio efectivo da acción e 1 mes posterior ao seu remate, para o caso das accións de formación específica en prevención de riscos laborais e estudos e traballos técnicos; e 2 meses e 1 mes, correlativamente, para as de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias. Exceptúanse destes límites temporais as accións que pola súa complexidade precisen dun período maior de desenvolvemento, logo de petición por escrito e posterior comunicación da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Artigo 6. Remate e xustificación das accións

Todas as accións deberán estar rematadas e xustificadas, con data límite, o 31 de outubro de 2015.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Documentación

1. Documentación administrativa:

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:

a) No caso de non presentar a autorización para a consulta dos datos de identidade da persoa representante no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, DNI ou NIE.

b) NIF da entidade, só no caso de que denegue expresamente a súa verificación por medios telemáticos.

c) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para actuar en nome da entidade.

d) Última actualización ou modificación dos estatutos ou escritura pública de constitución da entidade, así como das actas que recollan acordos que afecten a prevención de riscos laborais á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Acompañarase de certificación da vixencia, á data de presentación da solicitude, dos documentos emitidos polo secretario ou secretaria da entidade.

2. Documentación técnica:

a) Memoria das actividades para as cales solicita a subvención para cada unha das accións conforme o anexo II. A denominación da acción deberá:

1º. Incluír a liña de axudas a que opta de acordo coa codificación do artigo 4.1.

2º. Definir claramente o contido da acción, evitando títulos xenéricos ou de carácter publicitario ou comercial.

b) Orzamento do proxecto completo, entendendo por tal o conxunto de todas as accións solicitadas individualizado por liña 1 e liña 2 completa (suma dos importes de cada unha das partes dos anexos II presentados), especificando o seu custo e desagregando os gastos totais de todas as accións. Indicarase, así mesmo, se a entidade colabora no financiamento e, de ser o caso, a cantidade que achega (anexo III nun único documento pola liña 1 e outro pola liña 2).

c) Compromiso de execución da entidade asociada (anexo IV).

d) Compromiso da execución da entidade agrupada (anexo V).

Non se admitirá a introdución de cambios no orzamento, agás o movemento de partidas na porcentaxe máxima do 10 % do total do orzamento. Excepcionalmente, poderá solicitarse, de forma motivada e cunha anticipación de 15 días ao inicio da acción, modificar o orzamento, e é potestade da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a súa aceptación ou denegación.

3. Cada entidade solicitante poderá presentar só unha solicitude de axudas. No caso de que se presentase mais dunha solicitude, só será tida en conta aquela que se teña presentado en primeiro lugar, establecéndose como criterio a data de presentación de acordo coa forma de presentación establecida neste artigo.

Para as accións da liña 1 que soliciten organizacións que estean integradas noutra entidade que tamén sexa solicitante, considerarase unicamente a da entidade que teña un ámbito territorial máis amplo.

4. Os requisitos exixidos ás entidades entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5. Designarase unha persoa responsable/coordinadora única para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todos os proxectos incluídos na solicitude, do cal se achegará o nome, teléfono e correo electrónico no anexo I.

Artigo 9. Corrección de defectos da solicitude presentada

1. No suposto de que a solicitude ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

2. Os requisitos exixidos ás entidades computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

Artigo 10. Seguimento das accións subvencionadas

Para os proxectos iniciados antes desta convocatoria que se pretendan continuar con esta orde de subvencións, xunto coa solicitude presentarase un avance da súa situación e un informe do estado do proxecto cun resumo cronolóxico das actividades realizadas e as proxectadas. Non serán subvencionadas as accións ou proxectos que fosen subvencionados con anterioridade ao abeiro de convocatorias anteriores desta orde.

Artigo 11. Instrución

1. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Relacións Laborais da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

3. O órgano instrutor poderá solicitar a outros organismos, tanto na fase de avaliación coma na de xustificación, os informes técnicos que considere necesarios para a axeitada valoración dos proxectos.

Artigo 12. Avaliación

1. Establécese unha fase de preavaliación na cal, á vista das solicitudes e a documentación que se presente, se verificará o cumprimento das condicións exixidas nesta orde para adquirir a condición de entidade beneficiaria da subvención, sendo o Servizo de Relacións Laborais quen se encargará desta fase. Para o caso de non cumprir coas condicións para ser beneficiaria da subvención, a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social ditará a resolución de exclusión, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. A comisión de valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os factores que se relacionan, aplicando os seguintes criterios:

a) En relación coa entidade solicitante:

1º. Representatividade (de 0 a 3 puntos). A representatividade das entidades determinarase:

• Para as fundacións paritarias, segundo o ámbito funcional do convenio colectivo ou acordo sectorial polo cal foron creadas.

• Para as organizacións sindicais e empresariais, segundo o sistema establecido para a aplicación do título III da Lei do Estatuto dos traballadores, no ámbito territorial e funcional específico en cada unha das accións programadas, ou segundo o criterio da participación institucional que cada organización teña recoñecida no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo coa Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

• A puntuación da representatividade valorarase en función do seguinte: entidades con representatividade menor do 10 %; do 10 % ao 15 %; maior do 15 % con representatividade sectorial; e maior do 15 % con representatividade intersectorial.

2º. Dimensión territorial da entidade (de 1 a 2 puntos): tendo en conta que o ámbito territorial sexa provincial ou autonómico.

3º. Sectorialidade (de 1 a 2 puntos): segundo que a actividade teña carácter intersectorial ou sectorial.

b) Sobre a realización da acción:

1º. Medios propios (de 0 a 2 puntos): segundo que a entidade asuma a realización da actividade achegando só os seus medios humanos ou materiais ou que realice toda a actividade con medios propios. Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os seus membros asociados poderán comprometerse a efectuar a totalidade ou a parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro, de acordo co disposto no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2º. Emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda (de 0 a 2 puntos): segundo o uso da lingua galega en execución ou en produtos ou ben en execución e en produtos.

3º. Continuidade (de 0 a 2 puntos): valorarase se a acción solicitada foi presentada e non subvencionada anteriormente, se se trata dunha nova acción ou se dá continuidade a unha xa subvencionada anteriormente.

4º. Cofinanciamento (de 0 a 1 puntos): segundo que este sexa menor do 50 % nos gastos xerais, menor do 50 % nos gastos específicos ou maior do 50 % nos gastos específicos.

5º. Especificidade (de 0 a 2 puntos): segundo a especificidade sexa intersectorial ou sectorial.

c) En relación cos destinatarios da acción:

1º. Xeral/sectorial (de 1 a 2 puntos): segundo que a acción se desenvolva con carácter intersectorial ou sectorial.

2º. Alcance territorial (de 0 a 2 puntos): valorarase segundo que sexa provincial ou autonómico.

3º. Distribución do resultado final da acción en formato electrónico (de 1 a 2 puntos): valorarase cando a distribución do resultado da acción se realice exclusivamente en CD, DVD, noutros soportes electrónicos ou vía web.

4º. Sinistralidade (de 1 a 3 puntos): valorarase cando a sinistralidade sexa menor do 50 % do índice de incidencia medio, cando coincida co índice de incidencia medio e cando sexa maior do 150 % do índice de incidencia medio.

3. Para os efectos do previsto neste artigo, a comisión de valoración estará composta polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, que a presidirá, e serán vogais tres persoas adscritas á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social; unha delas actuará como secretario ou secretaria.

4. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o director ou directora xeral competente en materia de traballo.

5. A comisión de valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, realizará un informe para determinar a contía máxima das subvencións. Terase en conta a orde de prelación acadada polos solicitantes con base nos criterios de valoración que se establecen nesta orde. Así mesmo, excluiranse da proposta de adxudicación aquelas cantidades que pola súa natureza non se poidan subvencionar atendendo ás bases da convocatoria.

O importe total das axudas percibidas non poderá superar os custos das actividades subvencionadas.

6. A persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, tendo en conta o informe da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

7. Con carácter previo á resolución das axudas, daráselle audiencia aos interesados nos casos en que así proceda, (artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 13. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de valoración e do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, corresponderá ao director ou directora xeral competente en materia de Traballo por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

As resolucións deberán ser notificadas ás entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se diten; estas disporán dun prazo de 10 días para comunicar a aceptación da subvención concedida.

2. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder 5 meses.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 14. Xustificación do pagamento

1. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación polas entidades beneficiarias da documentación exixida e na forma que se especifica na Guía de xustificación económica e técnica (anexo VIII), entre a cal debe figurar:

a) Certificado da entidade das accións realizadas, o importe que se xustifica, a relación de facturas e gastos de persoal (anexo VI).

b) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto e xustificación da cantidade que achega a entidade para financiar a acción (anexo VII).

c) Xustificación técnica ou informe final do proxecto (segundo o modelo do anexo IX).

2. A data límite para a presentación desta documentación será o 31 de outubro de 2015.

3. Despois da recepción da documentación recollida neste artigo, procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución e, se é o caso, da documentación adicional solicitada. En función dos resultados acadados, realizarase a proposta de pagamento, axuste ou revogación das subvencións.

4. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social emitirá as certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

5. Poderán acordarse pagamentos parciais a medida que a entidade beneficiaria xustifique as actividades xa realizadas. Estes pagamentos nunca serán superiores ao 80 % da subvención concedida.

6. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías os beneficiarios e as beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicar ao órgano competente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público estatal ou internacional. No caso de cursos de formación, unha vez iniciada a actividade subvencionable, a dita comunicación deberán facela no prazo máximo de cinco días naturais desde que se produza o feito.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e ao Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de facilitar información, tal como establece o artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberá consignarse a inscrición «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/identidade-corporativa/marca-principal) en todas as actividades de difusión, así como no material que se realice con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria, e tamén deberá observarse o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, así como calquera outra das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) As entidades subvencionadas estarán obrigadas a ceder ao uso público, sen ánimo de lucro, todos aqueles materiais que resulten da execución do proxecto, guías, dípticos, enquisas ou calquera outro traballo que se poida aproveitar noutros sectores ou empresas.

2. As entidades beneficiarias de subvencións deberán estar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Para estes efectos, o modelo de solicitude (anexo I) inclúe a autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberá achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas bases reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es .

Artigo 18. Incumprimento das condicións

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

1. Procederá o reintegro da totalidade da axuda concedida, nos seguintes casos:

a) O incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención.

c) No caso de que non se presente ningunha da documentación exixida.

d) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no anexo VIII.

e) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impedirían a concesión.

2. Procederá o reintegro parcial, en proporción ao gasto non xustificado, nos seguintes supostos:

a) A presentación só de parte da documentación exixida ou que a dita documentación sexa incorrecta.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

Artigo 19. Modificación de resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 20. Revogación

1. Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo das competencias que ten a Inspección de Traballo e Seguridade Social en virtude do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 21. Seguimento e control

1. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establecen nesta orde e axustar a execución das accións á resolución de concesión.

2. Co fin de garantir o adecuado seguimento e control destas subvencións, comunicarase cunha anticipación mínima de 10 días o inicio e o fin das accións de formación e de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias ao enderezo segur.hixiene.santiago@xunta.es . Na dita comunicación indicaranse, en todo caso, a/s data/s, o lugar e o sitio de realización da actividade; o programa formativo cunha clara descrición do curso, o temario, a descrición do colectivo destinatario da acción, o profesorado; o material didáctico utilizado e entregado e o control de asistencia dos alumnos que se usará.

3. Así mesmo, respectarase a adecuada publicidade a que se refire o artigo 15 e) desta orde e observarase o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, no relativo ao depósito legal.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da conselleira ou conselleiro.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11 /2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos preceptos que teñen a consideración de básicos, a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais, en canto lle sexa de aplicación; e, con carácter supletorio, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase o director ou directora xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VIII
Guía de xustificación económica e técnica

1. A acreditación da aplicación da subvención aos fins para os cales foi concedida realizarase mediante a presentación da xustificación económica e a xustificación técnica ou informe final.

2. As contías máximas subvencionables serán as especificadas no anexo X desta orde.

3. A xustificación económica comprende toda a documentación que xustifique os gastos efectuados con cargo á subvención que se concedeu e, en concreto, a seguinte:

a) Certificado da persoa que sexa a responsable legal da entidade en que figure a mención das accións realizadas, o importe que se xustifica e a relación de facturas (modelo no anexo VI desta guía).

b) Orixinal ou fotocopia compulsada de todas as facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á acción subvencionada.

c) Documentos acreditativos do pagamento das facturas e dos demais documentos xustificativos dos pagamentos realizados.

d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto das aprobadas como das pendentes de resolución, incluído as resolucións correspondentes, e da cantidade que achega a entidade para o financiamento da acción, de ser o caso, así como o xustificante do pagamento do financiamento propio (modelo no anexo VII).

e) Incluiranse os xustificantes de gastos realizados durante as distintas fases de execución do proxecto. É dicir, os xustificantes nunca poderán ser de data anterior nin posterior ao inicio e ao fin do proxecto obxecto de subvención, incluíndo as súas distintas fases (planificación e organización e realización efectiva da acción). Tampouco se poderán presentar xustificantes de data posterior ao vencemento do prazo de xustificación.

4. A xustificación económica deberá adecuarse aos tipos de gastos efectivamente realizados, polo que a xustificación se realizará clasificando os gastos de acordo co orzamento que se presente coa solicitude da axuda (anexo III).

5. Requisitos formais das facturas:

a) Deberán ser orixinais, expedidas pola empresa subministradora dos bens ou servizos, ou fotocopias compulsadas.

b) Aparecerá na factura unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada. Descrición detallada e o prezo unitario de cada actividade da acción realizada, aplicable igualmente para o caso de subcontratar cun terceiro a execución parcial ou total.

c) Conterá os datos identificativos do expedidor (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF e enderezo).

d) Conterá os datos identificativos do destinatario, que deberá ser a entidade subvencionada.

e) Incluirá o IVE correspondente ou o imposto equivalente. Cando a cota se repercuta dentro do prezo, deberá indicarse «IVE incluído».

f) Lugar e data.

g) Xuntarase o comprobante bancario do seu pagamento (orixinal ou fotocopia compulsada). Se a transferencia engloba varias facturas, achegarase a relación destas. Non se admitirán xustificantes de aboamento en metálico. Os pagamentos mediante transferencia bancaria telemática deberán vir conformados ou verificados pola entidade bancaria.

h) Todas as facturas deberán indicar a conformidade do beneficiario coa prestación recibida. Esta conformidade manifestarase mediante selo para o efecto na propia factura, en que conste expresamente a conformidade co gasto, o nome e a sinatura do responsable/coordinador designado da entidade beneficiaria, ou mediante certificación da dita conformidade, que fará referencia á presente orde, emitida polo responsable/coordinador designado na cal figure a listaxe completa das facturas conformadas, que conterá obrigatoriamente a identificación da empresa (nome e NIF) o concepto da factura e o seu importe e que se xuntará aos orixinais ou copias compulsadas das facturas. En ningún caso se terán en conta facturas que non figuren nesta certificación.

6. Tipos de gastos:

Os tipos de gastos adecuaranse á desagregación por partidas que se incluíu no orzamento co nivel de detalle que nel figura.

7. Gastos directos:

Son os necesarios para a posta en marcha do proxecto e a súa execución. Imputaranse os gastos cos límites que se establecen no artigo 5 da orde de convocatoria referidos a:

A. Gastos de persoal:

– Retribucións do persoal técnico propio da entidade beneficiaria. A porcentaxe máxima é do 30 % do custo laboral mensual (nómina e seguros sociais a cargo da entidade), entendido este custo aplicado á totalidade do proxecto con independencia do número de accións que o conformen.

Dado que existe unha limitación do importe subvencionable por horas, deberán especificar as horas destinadas en cada período a dita función mediante a presentación dun certificado da persoa representante legal da entidade no cal conste o número de horas da xornada de traballo ordinaria dedicada ao proxecto e o seu custo.

Este gasto e na porcentaxe indicada imputarase como máximo referido aos 4 meses antes do inicio efectivo das accións, e 1 mes posterior ao seu remate para as relativas á formación específica en prevención de riscos laborais e estudos e traballos técnicos, e 2 meses antes do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu remate para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias. Na fase de realización efectiva da acción este gasto imputarase referido ao período efectivo en que teñan lugar as accións.

– Retribucións do persoal técnico vinculado totalmente ao proxecto, mediante contrato laboral, tanto fixo como eventual.

Poderá imputarse neste caso o 100 % do custo laboral (nómina e seguros sociais a cargo da entidade e indemnización de fin de contrato, se for o caso). Neste suposto terá que presentarse o contrato de traballo (no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado) e o parte de alta do traballador ou traballadora na Seguridade Social.

Admitiranse os gastos por liquidación de axudas de custo, desprazamento, aloxamento e manutención de traballadores vinculados ao proxecto, sempre que se presente o documento xustificativo do servizo que se realizou vinculado á acción, a súa efectiva liquidación e o xustificante de pagamento.

– Para xustificar os gastos de persoal a documentación que hai que presentar é a seguinte:

a) Copia compulsada das nóminas de cada un dos meses que se imputan ao proxecto, acompañadas do comprobante do aboamento expedido pola entidade bancaria.

b) Cadro en que figuren os cálculos realizados para obter o importe da imputación da subvención. Horas, conceptos, importes, porcentaxes aplicadas, totais, etc.

c) Xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (TC1 e TC2) e ás respectivas transferencias bancarias do seu pagamento.

d) Modelo 111 (trimestral) acreditativo do pagamento á Axencia Tributaria das retencións practicadas aos traballadores e profesionais suxeitos ao IRPF.

e) Contrato de traballo en que constará a data de inicio e fin da relación laboral (para o caso de contratos temporais) e o servizo concreto en relación coa acción subvencionada así como o parte de alta na Seguridade Social, para o caso do persoal técnico contratado especificamente para o proxecto.

B. Gastos de execución: deberá constar a relación existente entre o gasto realizado e a súa necesidade para acadar o fin da subvención.

– Compra de material funxible, material bibliográfico e documental. Achegarase o orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento, así como unha unidade física dos respectivos materiais. Estes gastos aplicaranse unicamente á fase de execución das accións.

– Campañas de sensibilización, informativas, divulgativas e de promoción da cultura da prevención, así como o deseño, maquetación, impresión, distribución, publicidade, coordinación e outros de similar natureza de cuñas informativas, folletos, trípticos, carteis e outros obxectos de análoga natureza: achegarase o orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento, así como unha unidade física dos respectivos materiais.

Estes gastos aplicaranse unicamente á fase de execución das accións.

– Arrendamento de aparellos e equipamentos: admitirase este gasto unicamente polo período da execución real da acción, polo que non poderá aplicarse á fase de planificación e á organización das distintas actividades. Achegarase o orixinal ou copia compulsada da factura e o seu xustificante de pagamento.

C. Mención específica aos gastos de publicidade e difusión:

Poderán imputaranse ás diversas accións achegando para a súa xustificación o orixinal ou copia compulsada da factura e o documento do seu pagamento así como o documento gráfico ou material que acredite a súa realización (prensa, difusión en páxina web, díptico, cartel, etc.). Estes documentos levarán a inscrición «co financiamento de» e o anagrama da Xunta de Galicia http://www.xunta.es/identidade-corporativa/marca-principal e o depósito legal, no seu caso, conforme o determinado na orde de subvención. A falta de presentación destes documentos cos criterios anteriores determinará que non se paguen estes gastos.

O período para imputar os gastos de publicidade é de 2 meses antes de realizar as actividades, e para os relativos á difusión, 1 mes ao remate de todas as actividades relativas ás accións.

D. Contratación de servizos externos:

Acreditarase a necesidade de recorrer á contratación de servizos externos, determinando o traballo encomendado, a súa duración e o servizo que se vai prestar, así como o sistema de coordinación coa entidade. De achegarse gastos de persoal técnico propio e/ou vinculado ao proxecto, indicarase a correlativa porcentaxe de gasto e a natureza dos traballos que vai realizar o servizo externo e o persoal propio ou contratado.

No suposto recollido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que o importe do gasto subvencionable supere a contía de 9.000 euros establecida no artigo 23 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, deberán achegarse as correspondentes ofertas económicas.

Para xustificar este gasto presentarase o orixinal ou a copia compulsada da factura, coa explicación detallada do gasto e o prezo unitario de cada actividade relacionada coa acción, e o documento acreditativo do seu pagamento.

O período do contrato de arrendamento de servizos non superará na fase de planificación e organización os 4 meses anteriores ao inicio efectivo da acción e 1 mes posterior ao seu remate, para o caso das accións de formación específica en prevención de riscos laborais e estudos e traballos técnicos, e 2 meses e 1 mes, correlativamente, para as de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

Exceptúanse destes límites temporais as accións que pola súa complexidade precisen dun período maior de desenvolvemento, logo de petición por escrito e posterior comunicación pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social. Esta solicitude realizarase cunha anticipación mínima de 15 días ao inicio da fase de planificación e organización, e xuntarase o contrato que se realizará coa entidade ou profesional que presta os servizos.

8. Gastos indirectos ou de administración:

Son os relativos ao proxecto que pola súa natureza non poden imputarse de forma directa (consumo eléctrico, teléfono, mensaxaría, etc.) ata un máximo do 10 % do seu importe e sempre que correspondan cos locais en que se realizan as accións e non se desvíen en máis dun 3 % da estimación que se realice no anexo II da orde de convocatoria coa solicitude da axuda.

Non se poderán imputar estes gastos no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50 %.

A xustificación destes gastos realizarase mediante certificado emitido polo representante legal do beneficiario que recibe os fondos subvencionados, sen prexuízo de que a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social solicite, en calquera momento, as correspondentes facturas e os documentos acreditativos do seu pagamento.

O período máximo para imputar estes gastos na fase de planificación e organización das accións será 4 meses anteriores ao do inicio efectivo das accións e 1 mes posterior ao seu remate para as relativas á formación específica en prevención de riscos laborais e estudos e traballos técnicos, e 2 meses e 1 mes, correlativamente, para as accións de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

Para a fase de realización efectiva da acción o período está en función das datas efectivas en que teñan lugar as accións.

9. Gastos específicos das accións:

Son os relativos á propia acción concreta (seguros, profesorado, etc.).

Estes gastos só poderán imputarse referidos ás datas efectivas en que teñan lugar as accións.

En ningún caso se admitirán como xustificantes aqueles que se refiran a gastos de almorzos, xantares, ágapes, etc. de carácter protocolario, así como agasallos.

10. Consideracións específicas:

a) Cando a actividade realizada sexa unha actividade formativa faranse constar a/s data/s, o lugar e o sitio de realización da actividade; o programa formativo cunha clara descrición do curso, o temario, a descrición do colectivo destinatario da formación; o profesorado; o material didáctico utilizado e entregado; o control de asistencia dos alumnos asinado e algún documento gráfico da actividade formativa.

b) Cando se trate de actividades de difusión e sensibilización farase constar o programa/guión, se o houber, o tipo de participantes, o profesorado e o material entregado, así como algún documento gráfico do evento.

c) Para o desenvolvemento de ferramentas prácticas para implantar actuacións en seguridade e saúde laboral (plataformas interactivas, páxinas web, etc.) presentarase a ligazón e o CD, DVD ou documento similar co contido realizado. Darase acceso ao Servizo Relacións Laborais tanto na fase de realización como na de implantación destas ferramentas para os efectos de verificar os seus contidos.

d) Nos procesos de investigación e estudos e traballos técnicos presentarase o documento final do proceso no formato que se especifique no anexo II.

e) En ningún caso se poderán imputar gastos do persoal directivo da entidade, nin dietas ou custos de desprazamento para asistentes a accións formativas ou de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias.

A xustificación técnica ou informe final especificará co máximo detalle as accións realizadas e a súa relación directa cos xustificantes do gasto achegados conforme o modelo do anexo IX.

Indicaranse de forma expresa as accións globais do proxecto completo e das súas fases executadas, cronograma, ámbito territorial, beneficiarios, grao do cumprimento dos obxectivos da/s acción/s respecto ao proxecto inicial, recursos humanos e técnicos, forma e ámbito da publicidade e da difusión realizada, así como a metodoloxía empregada.

Un aspecto importante que quedará reflectido na xustificación técnica é o relativo á adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto incluíndo a imaxe corporativa da Xunta de Galicia en todas as actividades de difusión e no material que se realice. Tamén é exixible a inserción do depósito legal conforme se determina na Lei 23/2011, do 29 de xullo.

Para tal efecto, xunto co informe final xuntarase un exemplar do material gráfico (folletos, manuais, guías, documentos, publicacións, fotografías, ligazón web, etc.) que acrediten a adecuada publicidade e o depósito legal.

O incumprimento da obriga de presentar a xustificación técnica, así como a de incluír os aspectos antes sinalados, poderá dar lugar ao non pagamento e/ou á revogación da axuda.

11. Lugar de presentación.

A xustificación económica, xunto coa xustificación técnica ou informe final, dirixirase á unidade administrativa xestora da subvención: Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, e presentarase nesta consellería ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

12. Data límite para presentar a xustificación.

A data límite será o 31 de outubro de 2015. O incumprimento da obriga de realizar ou presentar a xustificación en prazo e forma producirá os efectos que se sinalan no artigo 18 da orde de convocatoria.

13. Emenda de defectos da xustificación.

A documentación recibida na cal se observe a falta dalgún dos mencionados requisitos será requirida á entidade beneficiaria para emendar os defectos no prazo máximo de 10 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento. A falta de presentación da corrección dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

ANEXO IX
Modelo de xustificación técnica ou informe final do proxecto

O obxectivo de realizar un resumo do proxecto é para facilitar a difusión, se é o caso, dos seus resultados. Estes resumos proporcionarán ás persoas interesadas unha visión xeral do proxecto.

Neste documento preséntanse e explícanse os criterios de cobertura necesarios para a realización do resumo, así como o formato e a forma de presentalos, seguindo o esquema seguinte:

A. Datos de identificación do proxecto:

1. Título: indicar o título completo.

2. Autor ou autores: en primeiro lugar, indicar o nome dos autores principais e, a seguir, o dos colaboradores.

3. Entidade subvencionada: nome completo da entidade e NIF.

4. Datas de realización: indicar a data de inicio e fin do proxecto global.

5. Cronograma: presentar un cronograma co desenvolvemento das distintas fases do proxecto.

6. Ámbito territorial: sinalar a dimensión territorial.

6.1. Para proxectos de formación, número de localidades en que se realiza.

6.2. Para estudos/traballos técnicos, o territorio estudado sobre o territorio de implantación do sector.

7. Destinatarios: sinalar a quen vai dirixido e se pertencen a un mesmo sector ou a diferentes.

8. Accións do proxecto: especificar as distintas accións que se realizaron para o desenvolvemento do proxecto, indicando o seu título, datas de inicio e fin, beneficiarios, ámbito territorial e unha breve descrición de cada unha das actividades que comprenden as accións.

B. Sinopse:

Explicaranse os obxectivos e os aspectos máis relevantes do traballo. Así mesmo, explicaranse, brevemente, os antecedentes, o desenvolvemento do proxecto e os obxectivos acadados, cunha pequena síntese dos resultados ou conclusións.

C. Metodoloxía:

Trátase de proporcionar a información o máis precisa e concreta posible sobre a forma de levar a cabo o proxecto. Se é o caso, debe explicarse o método de recolla da información ou da captación de participantes, obxectivos principais e específicos, variables ou temática principal que se vai analizar, técnicas de análise, síntese da información, datas de execución e os seus destinatarios.

D. Resultados:

Farase referencia aos resultados concretos e puntuais máis importantes da accións de formación, de investigación ou estudo, da ferramenta implantada, da difusión, sensibilización ou intercambio de experiencias.

E. Utilidade práctica dos resultados en relación coa prevención de riscos laborais:

Destacarase a achega que o traballo supón no campo da prevención de riscos laborais e se o proxecto vai ter continuidade nalgún aspecto, realizando, cando sexa posible, unha prospectiva do proxecto.

F. Conclusións finais e posibles recomendacións:

Expoñeranse as conclusións deducidas dos resultados e sinalaranse, cando sexa pertinente, as oportunas recomendacións para a solución do problema estudado e a súa posible aplicación nas empresas.

G. Difusión e explotación de resultados:

Achegarase a información da produción científica do proxecto: bases de datos, programas informáticos, publicacións, relatorios... Tamén se incorporará unha breve descrición das accións de difusión que, se é o caso, se realizaron para difundir o proxecto, tanto ao seu inicio como ao seu remate.

H. Recursos humanos e técnicos:

Sinalaranse as persoas participantes no proxecto e os medios técnicos que se precisaron.

Entre os recursos deberán figurar, de ser o caso, as subcontratacións realizadas, indicando as tarefas encomendadas e a xustificación da necesidade de recorrer a estas subcontratacións.

I. Bibliografía:

Para o caso de proxectos de investigación e estudo, ao final do traballo ofrecerase unha lista coas referencias bibliográficas.

Xustificación de actividades de gabinetes técnicos sectoriais:

Os gabinetes técnicos sectoriais deberán presentar una ficha por cada unha das actuacións realizadas ao abeiro da presente orde, coa seguinte estrutura:

Ficha de seguimento de actuacións dos gabinetes técnicos sectoriais

Nome do técnico: ______________________________________________

Traballador/empresa asesorada: __________________________________

Data: ___________________________

Hora de inicio: ____________________

Hora de finalización: _______________

Resumo da actuación realizada:

____________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________________

ANEXO X
Cadro de cantidades máximas subvencionables

Concepto

Custo horario

Axudas de custos

Desprazamento

(por km)

Persoal

Persoal técnico propio

22,00 €

18,00 €

0,19 €

Persoal técnico subcontratado

30,64 €

0,19 €

Docente

60,00 €

0,19 €

Relator mesa redonda

180,00 €

0,19 €

Relator conferencias

250,00 €

0,19 €

Día

Máximo

Coordinación cursos

Coordinación externa

(subcontratación)

22,00 €

300,00 €

Coordinación interna

22,00 €

300,00 €

Coordinación xornadas

120,00 €

300,00 €

Medios técnicos-importe/día

Alugueiro sala

120,00 €

Alugueiro medios para teoría

Prezo mercado

Alugueiro medios prácticos

Prezo mercado

Alugueiro medios xornadas

60,00 €

Material traballos de investigación

35 % orzamento de persoal

Redacción libros, manuais, etc.

Por páxina

Máximo

Supervisión

---

400,00 €

Autoría

10,00 €

2.000,00 €