Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 5 de xuño de 2015 Páx. 22031

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan parcial do solo urbanizable delimitado número 16 (SUD-16) Agra dos Campos-Aríns.

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 27 de marzo de 2015, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Aprobar definitivamente o Plan parcial do SUD-16 (Agra dos Campos-Aríns), segundo o documento reformado presentado con data do 16 de marzo de 2015 por Fomento de Iniciativas Inmobiliarias, S.L. e outros propietarios, ao al se engade o informe de sustentabilidade ambiental (ISA) que foi presentado o 14 de xullo de 2014.

Como documentación complementaria unirase un anexo que recolla todos os condicionantes que derivan dos informes sectoriais emitidos para a redacción do futuro proxecto de urbanización, así como un plano que reflicta as zonas de protección resultantes da normativa sectorial aplicable.

Para os efectos do disposto polo artigo 14 da Lei 9/2006, o promotor deberá presentar, logo da aprobación definitiva do plan parcial, a seguinte documentación:

1. Unha declaración que resuma os seguintes aspectos:

– De que modo foron integrados no plan parcial os aspectos ambientais.

– Como se tomaron en consideración o ISA, os resultados das consultas, a memoria ambiental, así como, cando proceda, as discrepancias xurdidas no proceso.

– As razóns da elección do plan parcial aprobado en relación coas alternativas consideradas.

– As medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente.

2. Un resumo non técnico sobre a documentación contida nos puntos 1 e 2.

Este acordo notificaráselles persoalmente a todos os interesados e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, publicarase, xunto co texto íntegro da normativa urbanística aprobada, no Boletín Oficial da provincia.

O acto de aprobación definitiva do citado plan parcial foi comunicado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con data do 21 de abril de 2015, en cumprimento do disposto polo artigo 92.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

O anuncio de aprobación definitiva, xunto coa normativa, publicouse no Boletín Oficial da provincia da Coruña número 85, do 8 de maio de 2015.

Contra o acordo de aprobación definitiva poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2015

P.D. (Decretos 4867/2014 e 4903/2014, do 9 e do 11 de xullo, respectivamente)
Teresa Gutiérrez López
Concelleira delegada da Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible