Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 3 de xuño de 2015 Páx. 21746

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 27 de maio de 2015 polo que se dispón a apertura dun período de información pública do estudo ambiental estratéxico do borrador do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa 2015-2021.

O Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da planificación hidrolóxica, regula o procedemento de elaboración e aprobación dos distintos plans hidrolóxicos de bacía. No caso do plan hidrolóxico das bacías hidrográficas comprendidas integramente dentro do territorio de Galicia, esta competencia corresponde á Administración hidráulica de Galicia.

Con base nas competencias en materia de planificación hidrolóxica da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa establecidas no artigo 77 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, Augas de Galicia está a levar a cabo os traballos do segundo ciclo de planificación hidrolóxica 2015-2021.

Pola súa banda, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, recolle no seu artigo 20 que, tendo en conta o documento de alcance, o promotor elaborará o estudo ambiental estratéxico, no cal se identificarán, describirán e avaliarán os posibles efectos significativos no ambiente da aplicación do plan ou programa, así como unhas alternativas razoables técnica e ambientalmente viables que teñan en conta os obxectivos e o ámbito de aplicación xeográfico do plan ou programa.

A estrutura do estudo ambiental estratéxico do borrador do plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o período 2015-2021 foi determinada por unha resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 18 de novembro de 2014, pola que se formulou o documento de alcance para a avaliación ambiental estratéxica do citado plan.

De acordo co anterior e de conformidade co disposto no artigo 21 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, acordo someter ao trámite de información pública o estudo ambiental estratéxico do borrador do plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o período 2015-2021, que estará á disposición do público interesado durante corenta e cinco días hábiles, prazo durante o cal se poderán presentar cantos comentarios, observacións e suxestións se consideren oportunas.

O documento estará á disposición pública na páxina web http://augas.cmati.xunta.es . Así mesmo, o texto do documento estará á disposición pública nos seguintes lugares:

a) Augas de Galicia, servizos centrais: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781, Santiago de Compostela.

b) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte: edificio administrativo da Xunta de Galicia en Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2-9º, 15008, A Coruña.

c) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Centro: rúa Tomiño, 16 baixo, 15781, Santiago de Compostela.

d) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur: rúa San Salvador, 2-4º, 36201, Vigo.

A modalidade de participación neste proceso de consulta pública será por escrito dirixido ao director de Augas de Galicia, con enderezo na praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781, Santiago de Compostela.

Na medida en que os documentos de propostas, observacións e suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos o consentimento da súa publicación no marco deste proceso participativo. Por outra parte, indícase que os datos persoais se incluirán en ficheiros sometidos ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Quen participe neste proceso poderá exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición cubrindo a debida solicitude dirixida ao organismo de bacía.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2015

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia