Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 26 de maio de 2015 Páx. 20556

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 75/2015, do 21 de maio, polo que se modifica o Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

O Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, regula a actividade de control de acceso nos espectáculos públicos e nas actividades recreativas que dispoñan do dito servizo, así como os criterios da habilitación e as funcións do persoal de control de acceso a establecementos de espectáculos públicos e actividades recreativas.

Segundo establece a norma mencionada, para desenvolver a función de control de acceso deberase contar coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, logo da obtención do certificado acreditativo de ter superadas as probas previstas no artigo 5 do referido decreto, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública.

Así mesmo, a norma citada tamén dispón que a validez da habilitación será de cinco anos desde a data da súa expedición e que a súa renovación requirirá a superación de novo das probas específicas e o cumprimento dos requisitos que se establecen no xa citado artigo 5.

O Decreto 8/2010 ten acadado o seu principal obxectivo coa profesionalización do persoal que desenvolve na actualidade as funcións de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas logo de obter a preceptiva habilitación para o seu desenvolvemento.

Xa que logo, a experiencia acumulada desde a entrada en vigor da dita norma aconsella reformular a exixencia dos requisitos establecidos nela para a renovación da habilitación, tendo en conta que o persoal que a posúe xa conta cos coñecementos teóricos suficientes para continuar co desempeño das súas funcións, cuxo exercicio lle proporciona unha reciclaxe continua sen necesidade de ter que acreditalos de novo coa realización doutra proba das mesmas características da que xa superou no seu intre. Polo demais, esta consideración resulta coincidente coa postura manifestada polas persoas representantes dos sectores implicados, proclives en xeral á supresión do test de coñecemento para renovar a habilitación.

En atención ao exposto, cómpre modificar a redacción actual do artigo 7 do Decreto 8/2010 citado e suprimir a exixencia de ter superado a proba consistente na realización dun test de coñecemento sobre as materias relacionadas coas funcións propias deste persoal, xa que se considera que a superación dun test psicolóxico é suficiente para renovar a habilitación sen mingua de garantir o desempeño adecuado da actividade de control de acceso.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de maio de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas

O artigo 7 do Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 7. Renovación da habilitación

A vixencia da habilitación a que se refire o artigo anterior será de cinco anos desde a data da súa expedición. A súa renovación requirirá a superación do test psicolóxico a que fai referencia a letra e) e a acreditación do cumprimento dos requisitos que se establecen nas letras b) e c) do artigo 5 deste decreto».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de maio de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza