Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 20 de maio de 2015 Páx. 19992

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha (PE-7R).

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria do día 30 de xaneiro de 2015, adoptou entre outros, o seguinte acordo:

Aprobar definitivamente o Plan especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha (PE-7R), segundo o documento reformado presentado polo Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela o pasado día 20 de xaneiro de 2015, e coa condición de que se elabore un documento refundido completo que incorpore:

– Todos os planos de información.

– Un anexo que recolla os condicionantes sinalados por Augas de Galicia para a execución das actuacións de desenvolvemento do plan.

– A clarificación dos efectos meramente informativos do catálogo respecto dos elementos exteriores ao ámbito do PE-7R.

– A obrigatoriedade de obter a autorización de Patrimonio Cultural para calquera intervención nos elementos catalogados.

O acordo notificarase persoalmente a todos os interesados e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, publicarase, xunto co texto íntegro da normativa urbanística aprobada, no Boletín Oficial da provincia.

Así mesmo, remitirase á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comunicación do acordo de aprobación definitiva, xunto con dous exemplares dilixenciados do documento definitivamente aprobado.

O 16 de febreiro de 2015, o Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela presentou un documento refundido que incorpora os aspectos sinalados no acordo plenario de aprobación definitiva. O Pleno da Corporación, o 4 de marzo toma coñecemento da presentación do citado documento refundido.

O acto de aprobación definitiva do citado plan especial foi comunicado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o 30 de marzo de 2015, en cumprimento do disposto polo artigo 92.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

O anuncio de aprobación definitiva, xunto coa normativa, publicouse no Boletín Oficial da provincia da Coruña número 69, do 15 de abril de 2015.

Contra o acordo de aprobación definitiva, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2015

(Decretos 4867/2014 e 4903/2014, do 9 e 11 de xullo, respectivamente)
Teresa Gutiérrez López
Concelleira de Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible